Resumir 366 días en tan só 1.600 palabras non é doado. Centos de matices agóchanse entre liñas, máis aínda cando se fala de ciencia. Para a revista Science, por exemplo, o maior avance do ano é o fármaco lenacapavir contra o VIH, un medicamento inxectable cuxa protección dura seis meses. Máis alá dos grandes fitos da ciencia internacional, os centros de investigación de Galicia e os galegos que traballan no estranxeiro contribuíron enormemente neste 2024 a facer unha ciencia de mellor calidade. Dende a redacción de GCiencia seleccionáronse os dez avances e descubrimentos máis destacados do ano.
Crise dos pellets
O 2024 arrincou tinguido de branco: non pola neve, senón por unha marea de bólas plásticas que arribou masivamente ás praias galegas nas primeiras semanas do ano. O accidente do Toconao, un buque de carga que perdeu seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo o 8 de decembro de 2023, liberou 26 toneladas de pellets ao mar, xunto aos pneumáticos e ao papel film que transportaba nos depósitos accidentados. Malia que as bólas plásticas xa chegaran en decembro a algunhas praias, a súa extensión masiva non se produciu ata a primeira semana de xaneiro. Unha marea de voluntarios lanzouse aos areais a recoller os pellets sen saber que eran, que contiñan, se eran tóxicos para o medio mariño nin para os humanos.
Estas foron, precisamente, as respostas que foron capaces de achegar dous grupos de investigación das universidades da Coruña e Vigo. O equipo de Química Analítica Aplicada da primeira institución publicou o primeiro informe experimental sobre os pellets a mediados de xaneiro. O seu estudo corroborou que as bólas plásticas tiñan un estabilizante de luz ultravioleta e outras 14 substancias aditivas.
Tamén hai que resaltar o traballo do grupo Ecotox da UVigo liderado polo catedrático de Ecoloxía Ricardo Beiras. O equipo concluíu, tras traballar con embrións de ourizo de mar como modelo, que os pellets non tiñan toxicidade relevante sobre estes organismos mariños. Malia que os resultados foron preliminares, case un ano despois do accidente, o mesmo equipo publicou un estudo que corrobora que canto máis tempo pasen os pellets no mar, máis tóxicos son. E aínda que a crise semella que caeu no esquecemento, hai que lembrar o traballo incansable dos científicos galegos a comezos de ano. O seu obxectivo era claro: verter luz sobre o descoñecido.
Virus de Crimea-Congo
A finais de abril saltaron as alarmas tras a detección do virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo. O primeiro caso en España desta enfermidade hemorráxica, cunha taxa de letalidade de entre o 10% e o 40%, notificouse en 2013. Dende aquela rexistráronse 13 persoas infectadas e seis delas faleceron. Ningunha era galega, mais un informe publicado pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que depende da Consellería de Sanidade, corroborou que o virus saltara por primeira vez en Galicia a 13 animais de granxa. A súa transmisora, a especie de carracha Hyalomma marginatum, quintuplicara a súa presenza en territorio galego. Investigadores da USC e coaturores do informe chamaron á calma, pero advertiron que o salto do virus de Crimea-Congo de animais a persoas é “cada vez máis posible”.
Avances contra o fígado graxo
O fígado graxo é unha enfermidade que afecta a preto de 81.000 galegos, que pode derivar en cirrose e cancro de fígado sen apenas presentar síntomas e que está orfa de medicamentos. Con todo, esta ano trouxo noticias esperanzadoras para os doentes. O Hospital de Pontevedra participou nun ensaio clínico internacional para probar o resmetirom, o primeiro fármaco efectivo e seguro para tratar o fígado graxo que, aínda que non está aprobado en Europa, si o está en Estados Unidos. No estudo participaron catro galegos, de entre os 1.000 participantes de 200 hospitais de todo o mundo.
Amais dos ensaios clínicos, tamén se está a traballar en laboratorio para buscar solucións contra o fígado graxo. Un equipo do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) atopou unha nova diana contra a enfermidade, o que abre novas posibilidades terapéuticas.
Achado dun buraco negro con pegada galega
“Este é o tipo de descubrimento que fas unha vez na túa carreira investigadora”, dixo un dos investigadores que participou no descubrimento do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea. O revolucionario achado levouse a cabo ao abeiro da misión Gaia e o estudo foi asinado por 300 científicos. Entre eles, Ana Ulla, catedrática do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e investigadora do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais. O novo buraco negro foi definido polo equipo como un “xigante durmido”, ten aproximadamente 33 veces a masa do Sol, está a menos de 2.000 anos luz da Terra, está na constelación de Aquila e xa se converteu no segundo buraco negro coñecido máis próximo ao noso planeta.
Primeira cirurxía oncolóxica
“É un fito da historia da medicina”. Así definiu Edgard Camarós, investigador da Universidade de Santiago, o descubrimento da primeira ciruxía oncolóxica da historia. O científico corroborouno a través da análise dun cranio exipcio de hai 4.000 anos que pertenceu a un home de entre 30 e 35 anos e que actualmente está custodiado pola Universidade de Cambridge. A través do estudo das lesións canceríxenas e as incisións realizadas arredor delas, Camarós evidenciou que os antigos exipcios non só coñecían o cancro, senón que trataban de entendelo e operalo. Non se sabe se a operación se fixo en vida, para tratar de buscar unha solución á doenza, ou unha vez que o paciente estaba morto, para entender as causas do falecemento. Fose como fose, trátase dun achado fascinante que contribúe a entender mellor a historia do cancro.
Carballo, modelo lingüístico
Carballo non só designa unha árbore caducifolia e identitaria de Galicia; tamén é o nome que escolleron os investigadores do Proxecto Nós, desenvolvido dende a Universidade de Santiago, para nomear o primeiro modelo lingüístico de intelixencia artificial en galego. Este avance permitirá a creación de novas ferrramentas e aplicacións na lingua propia de Galicia como, por exemplo, chatbots e tradutores e correctores automáticos. Malia que aínda non se pode dialogar nin manter unha conversación fluída con Carballo, trátase dun primeiro gran paso para conseguilo. De feito, foi premiado no Congreso Internacional de Intelixencia Artificial EPIA2024 celebrado en setembro en Portugal.
Novos antibióticos en animais extintos
César de la Fuente traballa a 5.500 quilómetros de distancia de Galicia. Dende o seu laboratorio na Universidade de Pensilvania, o científico está comprometido coa busca de novos candidatos a antibióticos para afrontar un dos grandes retos da saúde global: a resistencia aos antimicrobianos. Unha das liñas de investigación que el mesmo creou e pola que está a apostar dende os Estados Unidos é a desextinción molecular, é dicir, buscar candidatos a posibles antibióticos en animais xa extintos. Un estudo publicado en xuño atopou decenas de miles de novos potenciais antibióticos en todos os organismos extintos coñecidos pola ciencia, como o mamut. Este mesmo ano tamén sacou unha investigación onde analizou o microbioma humano, do que saíron 55 potenciais antibióticos.
Descubertas novas especies en Galicia
A ciencia nunca deixa de sorprender. Sen ir máis lonxe, en Galicia descubríronse tres novas especies ao longo de 2024. En maio, un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e do Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira (GEMM) descubriu unha nova especie de esponxa non catalogada ata a data. Identificouse na ría de Arousa a 30 metros de profundidade. O mesmo grupo identificou por primeira vez no Atlántico un caracol mariño que, ata ese momento, só se consideraba endémico do Mediterráneo. Tamén se atopou unha especie de musgo única en Galicia en Tambo achada durante a elaboración dun inventario da illa. É de pequeno tamaño e forma tapices en lugares sombrizos e húmidos.
A aparición de novas especies en Galicia vese en certo modo eclipsada pola detección de especies invasoras. Este ano identificouse por primeira vez nas costas galegas a especie Rugulopteryx okamurae, orixinaria do Pacífico e coñecida como a agresiva alga asiática, ten unha capacidade sen precedentes para desprazar as especies nativas. Ata o de agora só apareceu na baía da Coruña e no sur das Cíes.
A maiores, outras dúas especies invasoras están a suscitar preocupación. Ata o momento non se detectaron oficialmente en Galicia, mais si en Asturias. A primeira delas á a Vespa soror, unha avespa xigante que lembra á velutina, malia que a súa picadura é máis dolorosa e prolongada no tempo. Atopáronse catro exemplares en Siero, Asturias, sendo o primeiro rexistro desta especie en Europa. A comunidade veciña tamén detectou un verme invasor que devora mexillóns e ameixas e que supón un perigo potencial para a costa galega.
Fósiles de escorpións
Na aldea de Ortigoso, na Fonsagrada, agóchase un tesouro da paleontoloxía. Sacouno á luz o experto Juan Carlos Gutiérrez-Marco do CSIC. O seu equipo, no que colaboraron científicos de Arxentina e Italia, descubriu fósiles mariños de escorpións xigantes de hai 434 millóns de anos e que pertencen aos grupo dos maiores artrópodos mariños coñecidos ata o momento. O achado é excepcional porque as características de Galicia non favorecen a preservación de moitos rexistros fósiles.
Nova terapia contra o cancro de tiroides
O cancro anaplásico de tiroides ten unha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas o 5%. É dicir, é un dos máis agresivos e devastadores e actualmente ofrece poucas opcións terapéuticas. En maio deste ano un equipo do CiMUS publicou na revista Nature Communications un estudo esperanzador que abre a porta a unha terapia innovadora e efectiva contra este tumor. A investigación realizada dende a USC logrou identificar un axente terapéutico que elimina selectivamente as células cancerosas sen afectar as sas.