As análises da Xunta revelan a presenza de ata un 10% de aditivos químicos nos ‘pellets’

Un informe da UVigo comproba que os compostos das bólas plásticas non teñen "toxicidade relevante" nun modelo moi usado no medio mariño

Confirmado: os pellets teñen ata un 10% de aditivos químicos. Esta é a confirmación que agardaba a comunidade científica dende hai semanas e que a Xunta acaba de facer pública. O informe elaborado polo Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), de carácer privado, corrobora o que xa se desprendía doutros estudos: os pellets están formados nun 90% de polietileno, un dos plásticos máis comúns, e no 10% restante por un estabilizador ultravioleta e outros compostos antioxidantes.

Segundo figura no informe, o Cetim recibiu as primeiras mostras de pellets o 5 de xaneiro. Envioullas a Consellería de Medio Ambiente para determinar a composición das bólas plásticas que levaban chegando ás praias galegas dende o 13 de decembro, despois da vertedura do buque Toconao fronte ás costas de Viana do Castelo. A Xunta tamén lle enviou ao centro as fichas técnicas e de seguridade do produto, nas que o Cetim se baseou nun primeiro momento. De feito, o 9 de xaneiro fíxose público un informe preliminar onde o organismo privado indicaba que os pellets non eran “perigosos” pero que o estabilizador UV que contiñan podía producir “toxicidade aguda cutánea e toxicidade acuática crónica”.

Publicidade

Neste segundo informe non se fai alusión de ningún tipo aos posibles efectos adversos dos aditivos químicos presentes nos pellets e o documento limítase a explicar a metodoloxía empregada e a sinalar os compostos que conteñen as bólas plásticas. En primeiro lugar corroboran que os pellets están formados por entre un 88% e un 90% de polietileno lineal de baixa densidade, que se pode empregar en “artigos de bazar e xoguetes”. “Permítese o seu uso para os artigos e envases destinados a entrar en contacto cos alimentos”, sinala o informe.

O segundo composto maioritario é o Tinuvin 622, nunha porcentaxe que oscila entre o 10% e o 13%. Este aditivo é un estabilizador ultravioleta; un tipo de compoñente que se engade ás bólas plásticas para que sexan máis resistentes á luz. De novo, o Cetim indica no seu informe que “o seu uso está permitido para entrar en contacto cos alimentos”. A presenza deste composto, que os pellets comparten coas cremas solares, xa se sospeitaba dende un primeiro momento, dado que os sacos de rafia que apareceron nas praias levaban impreso o nome técnico deste aditivo. Agora, os estudos do Cetim corroboran a súa presenza.

Publicidade

Amais do polietileno e do aditivo principal, hai outras dúas substancias que o centro privado detectou na mostra de pellets enviada pola consellería. A primeira delas, cunha presenza máxima do 0,07% e denominada Irganox 1010, é un antioxidante utilizado en polímeros e adhesivos e cun uso compatible cos envases alimentarios. A segunda é Irgafos 168, cun máximo do 0,13%, que tamén é un estabilizador pero que funciona como un antioxidante secundario. O Cetim subliña que tamén é compatible co uso alimentario e que a súa presenza, igual que a de Irganox 1010, “é baixa”. No que respecta á presenza de metais na mostra de pellets, nos ensaios só se atopou zinc.

Primeiros resultados da UVigo

O informe do Cetim ofrece información técnica e específica sobre a composición das bólas plásticas, pero non afonda nos posibles efectos adversos que os aditivos químicos poidan ter sobre os organismos mariños. Disto estase encargando o grupo ECOTOX da Universidade de Vigo (UVigo), dirixido polo biólogo Ricardo Beiras. Aínda que teñen en marcha varias análises, xa se teñen os resultados da primeira delas que, segundo matiza o experto, “é preliminar”. Neste ensaio non atoparon “toxicidade relevante” dos pellets sobre os embrións de ourizos de mar; un modelo ecotoxicóloxico moi empregado no medio mariño. De todos modos, Beiras insiste en que é preciso seguir facendo estudos, tamén noutros animais, co obxectivo de sacar resultados concluíntes.


Podes consultar o último informe do Cetim na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade