O xurado dos Premios Prismas anunciou hoxe que GCiencia é a gañadora deste prestixioso galardón no 2019, o máis importante en información científica en España, na categoría de ‘novos medios’, salientando que este medio de comunicación “combina xornalismo e divulgación científica desde Galicia, cunha linguaxe amena, popular e rigorosa, comentando con regularidade todas as noticias máis importantes que se producen no mundo da ciencia”.
Os premios Prismas son convocados polos Museos Científicos Coruñeses e están considerados os de maior prestixio en España. O xurado estivo presidido por Lluis Montoliu, investigador científico do CSIC, e constituido además polos seguintes membros: Esther Rodríguez Belmonte, profesora titular da Universidade da Coruña; María José Rodríguez Malmierca, responsable de eLearning no Centro de Supercomputación de Galicia; Javier Salas Quesada, xornalista científico en Materia; Marta Palomo de Udaeta, investigadora e comunicadora científica, e César López García, responsable da unidade Fomento da cultura científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
GCiencia xurdiu en novembro de 2013 como un desafío á dobre crise da economía e dos medios de comunicación cun proxecto esencialmente xornalístico. Coa vocación facer divulgación científica a través do xornalismo, o portal da ciencia galega é na actualidade un medio capaz de atraer a 360.000 usuarios únicos mensuais, cun tráfico superior aos dous millóns de páxinas vistas.
Iso fai de GCiencia, a pesar do seu carácter non xeneralista, o nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto do total da comunidade autónoma, incluídos os tradicionais de información xeral con versión en papel.
Nestes seis anos que pronto se cumprirán, GCiencia tamén se converteu nun activo axente de divulgación científica a través de distintos medios, como conferencias, obradoiros para nenos, exposicións, publicacións en papel ou convocatorias de premios.
Ademais, ao longo da súa traxectoria GCiencia logrou o Premio de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o Premio Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (2019) e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña (2019), ademais de resultar finalista dos Premios da Crítica de Galicia ou da feira de actividades culturais Culturgal. Agora recibe o premio Prismas, que se engade a esta lista de recoñecementos.
Outro premio con acento galego foi o dedicado ao mellor libro de divulgación científica, que recoñece ao profesor da Universidade de Santiago José Edelstein pola súa obra “Einstein para perplejos. Materia, energía, luz, espacio y tiempo”, editado por Debate Libros.
O premio ao mellor vídeo foi para “Desextinció: revivir una especie”, emitido en TV3. Esta reportaxe foi realizada por Pere Renom e Cari Pardo, e dirixido por Jaume Vilalta.
O Prisma ao mellor texto orixinal e inédito foi concedido a “La trastienda de la ciencia”, escrito de Miguel Ángel Sabadell. E o Prisma ao mellor artigo xornalístico foi para “No, el ser humano no se está volviendo más tonto”, de Sergio Ferrer, publicado na Axencia SINC.
O Prisma á mellor peza de radio foi gañado por “Ciencia Extrema: del Amazonas a la Antártida”, de Ciencia Cruda. E “El enigma Agustina” recibiu o premio ao mellor proxecto singular.
Para rematar, o Prisma Especial do Xurado foi por unanimidade para Rafael Bachiller García, investigador especialista en astronomía, polo “seu gran prestixio internacional, múltiples apoios e recoñecida capacidade de divulgar”.
FELICITACIONES A TODO EL EQUIPO !!!!! Mis mejores deseos de aqui Buenos Aires.
Benito.
Parabéns!!
A ciencia pode ser explicada de xeito sinxelo sen perder rigurosidade, e vós demosrtádelo cada día.
Seguide así
Parabéns amig@s pola iniciativa e o rigor