Ata hai pouco tempo, a toma de datos para comprobar o estado das pas nos parques eólicos era un contratempo para o persoal destas instalacións. Había que paralos, cos conseguintes riscos, tomar numerosas medidas de seguridade e perder, sobre todo, un tempo importante que repercutía na rendibilidade do parque. Pero xurdiu unha idea novidosa desde Galicia que, por agora, está ofrecendo resultados esperanzadores. Trátase de Generadron, unha iniciativa da compañía Aeromedia, con base en Oleiros, que foi recentemente seleccionada pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia para participar na aceleradora BFAero, pioneira no sector aeroespacial.
Explica Carlos de la Rocha, director de proxectos e un dos socios fundadores de Aeromedia, que a idea xurdiu ao detectar a necesidade que lle achegaban as empresas do sector. “Pola nosa experiencia con sensores láseres e ópticos, xunto coa de empresas especialistas, a situación levounos a desenvolver e probar novos sistemas”, resume.
Xurdiron así os primeiros pasos de Generadron, que consiste, “basicamente na realización de imaxes para dar pé a un ‘cosido‘ de fotografías de moi alta definición e identificar a pa cun dron, dotado con láseres de precisión que automatiza estas inspeccións. E, ao mesmo tempo, mide as distancias, revolucións e ángulos”, engade De la Rocha.
Así, esta tecnoloxía permite obter unha radiografía das aspas mentres que os muíños seguen en movemento, alleos ás medicións. “Isto xa é posible grazas á evolución do hardware e do software e a experiencia de Aeromedia no uso e integración de distintos sensores, así que con isto compoñemos unha imaxe panorámica de cada unha das pas”, engade o responsable da empresa.

Para conseguir isto, o sistema segue cinco pasos: a captura, partindo dunha serie de imaxes xa correlacionadas e ordenadas a través do plan de voo e as diversas posicións; a correspondencia espacial, coa que se establece a relación entre as coordenadas de cada pixel nunha imaxe e na consecutiva; a aliñación, coa que se determinan os parámetros de aliñación a aplicar entre pares de imaxes; os descritores, coa extracción e contraste global para atopar posibles solapamentos e perfilar a panorámica; e, finalmente, a composición, coa transformación de perspectiva, ubicación, fusión e correccións menores, como o movemento, e as variacións na exposición.
As melloras para o sector
Para o sector, “este sistema resolve o problema, xa que permite a toma de datos de máis do dobre de aeroxeradores e ademais queda todo documentado”, defende Carlos de la Rocha. Deste xeito, Generadron facilita aspectos como “a toma de datos sen necesidade de chaves nin outras accións sobre o xerador”, non supedita aos propietarios e operarios do parque a estar pendentes de programar as paradas dos aeroxeradores, ofrece unha maior seguridade na toma de datos ao traballar en remoto e o abaratamento de custos, xa que en lugar de inspeccionar cinco ou seis xeradores nunha xornada, pódense tomar datos de máis do dobre”.
O futuro de Generadron
Nun sector no que a tecnoloxía está progresando a unha gran velocidade, desde Aeromedia traballan xa na mellora e actualización do proxecto Generadron. “En versión posteriores, e unha vez verificado o sistema completo, considerariamos producir e rexistrar (polo menos como modelo de utilidade) un hardware composto por un drone integrado cos sensores ópticos PnP (Plug-and-Play), e por outra banda, estamos a estudar se hai algunha patente rexistrada cun sistema similar”, adiantan desde a empresa.
Para Carlos de la Rocha, o pulo que está tomando nos últimos anos o sector da aeronáutica non tripulada en España é un exemplo, “estando posiblemente á cabeza deste sector en España”. Conclúe que “toda esta cultura da innovación atraeu sen dúbida a Galicia non só aos operadores de drons, senón tamén aos desenvolvedores de software, especialistas en sectores relacionados, fabricantes de sensores e outras empresas que aportan o seu coñecemento, creando así un ecosistema para o desenvolvemento de sector único en España e posiblemente en Europa”.














