Unha delegación galega representará á comunidade en BioSpain, un dos congresos de biotecnoloxía máis importantes de toda Europa. Celebrado en Barcelona entre o 7 e o 9 de outubro, é unha oportunidade para as 65 empresas do sector que hai en Galicia. En total, estímase a presenza de máis de 2.000 profesionais e 1.000 entidades que traballan en saúde, agroalimentación sostible e en solucións para o cambio climático.
A facturación media das compañías galegas neste ámbito é de 8,7 millóns de euros, o que a converte na cuarta comunidade que máis factura. Isto supón un 3,75% da facturación total que hai en biotecnoloxía, só por detrás de Cataluña, Madrid e Andalucía. Ademais, a comunidade é a sexta no ranking nacional en número de empresas do sector. E estes datos son algúns dos motivos polos que a delegación galega quere amosar o potencial que ten.
Un impacto internacional
“É unha grande oportunidade porque visibiliza o traballo que facemos e son redes de colaboración que dan oportunidades de captar novo financiamento”, afirma a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo. E é que en BioSpain non só hai outras empresas coas que poidan xerar sinerxías, senón que tamén hai investidores e entidades interesadas en achegarse a entender por que pode ser beneficioso apostar en Galicia por este sector. Ademais, BioSpain conta cun alto grao de internacionalización: na última edición, unha de cada tres entidades proviñan doutros países. En total, houbo delegados de 34 nacións.
Algunhas das compañías que formarán parte da delegación galega serán Gradiant, Galchimia ou Diversa Technologies. Tamén estarán persoas delegadas de outras empresas socias e moi importantes no sector, como Zendal e Amslab. Reunidas baixo o lema da feira este ano, “Global crossroads, local vibes”, é unha oportunidade para interactuar con outros grupos de investigación e desenvolvemento. O obxectivo é que estas empresas tamén poidan establecer colaboracións estratéxicas e explorar novos prototipos e solucións de futuro.
“Temos un amplo abanico de capacidades e de centros que nos permiten ser socios en cada ámbito do sector”. Cotelo destaca, entre outros, a investigación punteira no desenvolvemento de terapias de CAR-T e estudos realizados vinculados coa alimentación. A delegación galega estará nun evento que conta con superar os récords de 2023, onde participaron case 1.000 empresas, preto de 100 investidores, máis de 2.200 profesionais e onde haberá 5.000 reunións cara a cara.
Na busca de investimento privado
O ámbito biotecnolóxico é de alta prioridade para as institucións públicas e, especialmente, no caso de Galicia. Os plans de innovación sanitaria Hospital 2050 e Innova-Saúde, cun investimento de máis de 90 millóns de euros, buscaron dar un primeiro impulso. De feito, entre 2016 e 2020, conseguíronse mobilizar ata 262 millóns de euros. Nesta última etapa, desde 2021 ata finais de ano, a intención é consolidar a posición da comunidade cun investimento público e privado de 662 millóns de euros. Un 65% destes fondos son públicos.
A intención do investimento era incrementar nun 50% a facturación e a creación de empresas do sector, así como un 25% o emprego cualificado. Desde 2021 ata o ano pasado, creáronse 30 empresas de biotecnoloxía en Galicia, a falta de saber os resultados de 2025. Unha das oportunidades de BioSpain tamén será a captación de capital privado. Nos obxectivos propostos, estaba aumentar un 300% esta inversión, que desde a Axencia Galega de Innovación consideran crucial para o desenvolvemento destas empresas. “O capital privado é clave”, asegura Cotelo, que destaca tamén a importancia de acadar outras liñas de financiamento como poden ser fondos europeos.
Un futuro en crecemento
Hai outras metas propostas desde esta estratexia, como afianzar a hibridación sectorial mediante o desenvolvemento de 40 proxectos de I+D+i e aumentar o gasto nun 45% deste apartado en biotecnoloxía. Tamén incrementar o número de investigadores, ata un 20% máis.
O informe BIOGA xa apuntaba no 2016 a posibilidade de crecemento de Galicia, que tamén conta co Parque Tecnolóxico cun laboratorio de biotecnoloxía. Ademais tamén ten diversos centros e institutos de investigación como poden ser o Centro de Investigación Biomédica (CINBIO), o Centro Tecnológico Gallego de Acuicultura (CETGA) ou o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS).
As previsións son que nos vindeiros anos o sector galego siga medrando impulsado polas oportunidades que ofrecen eventos coma este e o investimento público. “O posicionamento é un dos temas que temos moi claro que hai que impulsar”, asegura Cotelo, que invita a aqueles que poidan achegarse ata BioSpain a visitar a delegación galega para descubrir as posibilidades que ofrece. Unha presenza imprescindible porque, segundo asegura a presidenta da GAIN, “se non estás nun evento de referencia como BioSpain, é que non tes moito que ofrecer“.














