Galicia exhibe a súa biotecnoloxía en BioSpain coa participación de máis dunha decena de organizacións

O ecosistema galego reúne en Bilbao empresas, universidades e centros de investigación, e pon o foco no crecemento dun sector que xa suma 162 compañías activas

Galicia leva dez años prestando especial atención ao desenvolvemento da biotecnoloxía como un sector cheo de oportunidades. Para reforzar a súa visibilidade internacional e capacidades en ámbitos como a saúde e a creación de novas tecnoloxías, o territorio galego ten o seu propio oco esta semana en BioSpain 2026, un dos maiores eventos de biotecnoloxía de Europa. Así, paseando polos corredores do Bilbao Exhibition Centre pódense atopar dous postos que trasladan a Galicia: por unha banda, a Xunta, asociada coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e Bioga —o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia—; e, por outro, o grupo biofarmacéutico Zendal. Así, son arredor de 14 as empresas e entidades galegas reunidas en Bilbao para reforzar a imaxe externa de Galicia no ámbito da biotecnoloxía: “Calculamos a presenza de case 100 persoas en BioSpain, tanto de entidades galegas como por parte do tecido empresarial”, sinala Elena Polo, técnica de Innovación de GAIN.

De forma transversal, tamén están presentes o Clúster Saúde de Galicia (CSG), o Clúster da Acuicultura (CETGA), Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, o CETIM Technological Center, ademais da Universidade de Vigo, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e a Universidade da Coruña (UDC), e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), representada polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).

Publicidade

Para manifestar tamén a importancia do tecido empresarial, á presenza de Zendal súmanse outras iniciativas como SunRock Biopharma —compañía biotecnolóxica dedicada ao desenvolvemento de anticorpos e fármacos para inmunoterapia oncolóxica—, Diversa —desenvolve unha tecnoloxía de liberación de fármacos e biomoléculas para crear medicamentos innovadores—, Exitium Therapeutics ou Anfaco —organización empresarial que une mar e industria—. “BioSpain é un escaparate para as spin-offs que se constituíron a través dos distintos centros de investigación”, sinala Antonio Fernández Campa, xerente de ACIS.

O crecemento do sector en Galicia

A importancia da biotecnoloxía galega vén respaldada por cifras: 30 compañías do sector foron fundadas entre 2021 e 2025; existen 162 compañías activas e 5.693 persoas traballando neste ámbito. Ademais, no exercicio 2021-2025, a facturación superou os 2.000 millóns de euros —tanto de compañías activas en biotecnoloxía como os usuarios adscritos; é o caso de Hijos de Rivera, cuxa actividade non está expresamente ligada á biotecnoloxía pero si emprega esta innovación na súa produción—. Estes resultados económicos cuadriplican os de 2021 e supón o 2,6% do PIB.

Publicidade

Rica en proxectos biotecnolóxicos

As actividades organizadas dende o posto instalado pola Xunta de Galicia, ademais de información sobre todas as entidades asociadas, inclúe 16 relatorios que xiran arredor de proxectos e empresas galegas ligadas ao ámbito da biotecnoloxía. Cunha duración de entre 15 e 30 minutos cada intervención, os responsables afondan nos eixos da súa investigación. É o caso da Uvigo e a rede transnacional MARINNONET, que impulsa a biotecnoloxía azul liderado dende Galicia; o CETIM e o papel da transformación de residuos en produtos de valor como foco da economía circular; ou o IIS Galicia Sur e o proxecto OCTOPUS, que impulsa a predición non invasiva do beneficio da inmunoterapia no cancro de pulmón.

“O proxecto da factoría de intelixencia artificial 1HeathAI do CESGA é especialmente interesante”, subliña Elena Polo. Trátase da segunda factoría que se vai construír en España —xa existe unha en Barcelona— e contará cun superordenador específico para IA e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental a disposición de todos os axentes dos sectores vinculados ás ciencias da vida, como a investigación sanitaria ou a biotecnoloxía.

Ademais, máis cara á sanidade, “Galicia é moi potente en ensaios clínicos“, tal e como sinala Antonio Fernández Campa, con cifras que chegaron aos 3.600 ensaios en 2022. Así, a comunidade trata de reforzar eidos como a medicina personalizada, as terapias avanzadas ou a IA aplicada á saúde. “Tratamos de traer as innovacións antes para os pacientes galegos“, engade, que en moitos casos poden marcar mesmo a supervivencia dunha persoa.

Grupo biofarmacéutico galego por excelencia

“Zendal non pode non estar en BioSpain”, explica Beatriz Díaz, directora de Comunicación do grupo Zendal. É unha das empresas tractoras do tecido biotecnolóxico de Galicia, tras ser responsable da fabricación dos lotes clínicos da vacina MVA-COVID-19 (S), a primeira española contra a covid. Así, o grupo biofarmacéutico mimetízase no encontro como unha das empresas máis consolidadas do seu campo, cun peche do exercicio de 2025 con 133 millóns de euros.

’Stand’ da Xunta de Galicia en BioSpain 2026.
’Stand’ da Xunta de Galicia en BioSpain 2026.

A empresa galega chega a Bilbao con dous obxectivos de negocio na manga: por unha banda, a fabricación das súas propias vacinas en saúde humana e animal —o ensaio clínico da fase 3 da vacina contra a tuberculose MTBVAC finalizou recentemente cun “candidato moi prometedor e cun futuro impacto mundial”, sinala Beatriz Díaz—; e, por outra, a fabricación para terceiros nas súas instalacións biofarmacéuticas. Por iso, “dende Zendal queremos buscar candidatos de empresas para prestar un servizo de fabricación, por exemplo, a universidades ou centros de investigación”, sinalan dende a biofarmacéutica galega.

Galicia no foco de debate

A aportación galega a BioSpain non se limitará á actividade empresarial e científica. O responsable de Desenvolvemento Internacional de Bioga, Daniel Álvarez, participará o 30 de setembro na mesa redonda “O papel dos ecosistemas rexionais na conducción do sector biotecnolóxico”, xunto a outros líderes de clústeres rexionais. A conversa analizará como actúan ecosistemas rexionais no desenvolvemento do sector biotecnolóxico europeo, favorecendo a colaboración, a transferencia de coñecemento e as conexións.

Así, Galicia terá un papel principal en BioSpain, un dos principais eventos europeos dedicados á biotecnoloxía e ás ciencias da vida, reunindo un conxunto de actores diverso: empresas, investigadores, entidades financieiras, administracións pública e organizacións internacionais interesadas en impulsar a innovación e a colaboración en ámbitos estratéxicos para a saúde, a sostibilidade e a bioeconomía. “Grandes investidores, grandes compañías e spin-offs; aquí hai un pouco de todo o que move estes sistemas”, sinala Fernández Campa.

Unha vista cara ao futuro

A fin de convertir a Galicia en referente da biotecnoloxía en Europa, a Xunta divulga a Estratexia de Biotecnoloxía en Galicia 2026-2030 en BioSpain. Con 805 millóns de euros de orzamento e un ecosistema formado por oito clústeres, oito institutos tecnolóxicos, 10 centros de investigación da Rede CIGUS, catro centros asociados ao CSIC, tres universidades e cinco fundacións de investigación sanitaria, Galicia plantexa o seu escalado na pirámide rexional da biotecnoloxía. “O volume de empresas de base biotecnolóxica está incrementando de forma moi importante en Galicia”, subliña Antonio Fernández Campa.

Esta nova estratexia céntrase en catro subsectores estratéxicos para Galicia: recursos mariños e economía azul; bioeconomía, medio ambiente, sustentabilidade e forestal; agroalimentación e foodtech; e saúde e farma. Estes obxectivos lévanse á práctica, á súa vez, a través de cinco eixos: a excelencia científica, o talento e o liderado; o ecosistema de datos e a biointelixencia; o posicionamento de Galicia como referente internacional; transferencia, aceleración e escalado industrial; e financiamento e investimento.

Todo isto forma parte do ecosistema biotecnolóxico actual, que atopa en BioSpain 2026 unha exhibición da capacidade galega coa participación de máis dunha decena de organizacións.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados

Imprimir directamente na boca: un proxecto galego busca acelerar a rexeneración ósea dental

Investigadores do CICA desenvolven un biopen portátil para reproducir enxertos en 3D adaptados ao desperfecto de cada paciente

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación