As fobias específicas son respostas de medo e ansiedade excesivas ante un estímulo, sen que exista un perigo real. Estas poden ir dende unha reacción desproporcionada á presenza dunha araña ata o acto de conducir. Segundo as Guías de Práctica Clínica, o tratamento máis recomendado é a terapia de exposición, baseada no enfrontamento do paciente ao estímulo que produce a ansiedade para romper o patrón de comportamento. Dende Galicia, a través de Avalia-t —a Unidade de Asesoramento Científico-técnico da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS)— tratan de avaliar a información científica dispoñible sobre a efectividade, seguridade e custos das tecnoloxías sanitarias para a toma de decisións do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Neste contexto, tratan de descubrir a importancia da terapia virtual como unha forma de aplicar a terapia de exposición en persoas adultas con fobia específica.
A exposición emprégase para eliminar progresivamente a sensibilidade do paciente ao estímulo. Realízase de forma presencial ou a través da imaxinación do paciente, polo que ten limitacións. Con todo, a realidade virtual permite a exposición ao estímulo nunha contorna controlada —a consulta— a través dunha exposición virtual, co acompañamento dun profesional da saúde e coa posibilidade de personalizar a terapia ás necesidades do paciente. Ademais, mesmo podería facilitar o acceso a consultas online.
Segundo explica Ignacio López-Loureiro, técnico de Avalia-t, as fobias específicas supoñen unha carga para a persoa que as sofre: “Teñen reaccións desproporcionadas que afectan ao seu día a día e reducen a calidade de vida”, explica. Por exemplo, unha persoa con medo irracional a conducir non pode desprazarse, o que fai que sexa máis dependente; e alguén con fobia aos cans non pode pasear tranquilo por un parque. Trátase dun problema de saúde que afecta a tres de cada 100 persoas en España.
Como avaliar a realidade virtual?
O impacto da patoloxía na sociedade, os efectos negativos na poboación ou as necesidades non cubertas do Sistema Nacional de Saúde (SNS) son os factores que permiten avaliar o proceso de priorización para avaliar cada tecnoloxía e pór o foco. Con todo, o informe xerado por Avalia-t, construído a partir da bibliografía existente, non determina se a terapia con realidade virtual é mellor ca terapia de exposición en vivo. “Os resultados que se analizaron están realizados con poucos pacientes e teñen varias limitacións”, explica López-Loureiro.
Normalmente, este resultado vén dado pola relación entre eficacia clínica e coste-efectividade da tecnoloxía. Este é un dos obxectivos de Avalia-t: saber se funciona mellor, se é segura e se é moito máis cara ou barata en relación aos resultados. Por exemplo, se a terapia con realidade virtual é igual de eficaz ca tradicional, pero máis cara, o SNS tería de referencia a exposición tradicional. Con todo, a escasa evidencia non permitiu valorar a parte económica destes tratamentos.
Os límites da tecnoloxía
A evidencia científica tamén amosa os inconvenientes da realidade virtual. “Algúns pacientes remataban mareados tras as probas, e outros sinalaban que as imaxes creadas non eran moi realistas”, explica Ignacio López-Loureiro. Con todo, sinala que son estudos antigos que, co paso do tempo e a evolución das tecnoloxías, algúns datos poderían quedar obsoletos. “As novas actualizacións poderían ser máis realistas e efectivas, e poderían reducir os efectos adversos”, sinala.
Explorar os límites actuais
Tras os resultados obtidos dende Avalia-t e ACIS, a conclusión principal é que “é necesario seguir investigando”. Así, Ignacio López sinala que se deberían avaliar as tecnoloxías máis actuais cun maior número de pacientes e considerar a perspectiva económica a fin de lograr conclusións máis robustas.
Ademais, engade que que a avaliación destas novas tecnoloxías pode ser un reto para o sistema, xa que existen numerosas aplicación de realidade virtual que teñen como fin a redución da ansiedade que xeran os estímulos fóbicos, pero que non foron deseñadas como terapia nin pasan polos procesos de regulamento dos productos sanitarios. “Hai moitas apps que non pasan por procesos de regulamento e véndense como xogos; polo que non terían datos de efectividade e seguridade que apoien o seu uso clínico”, explica o técnico.
Así, o seguinte obxectivo é continuar a explorar os límites desta tecnoloxía: “Polo que parece é efectiva no tratamento de fobias específicas, pero debemos saber o grao de efectividade fronte a outros métodos de aplicar a terapia de exposición”, conclúe Ignacio López-Loureiro.
Podes consultar o informe de Avalia-t na seguinte ligazón.














