Case 900 mapas sobre a diversidade do galego: este é o atlas dixital que nace de medio século de investigación

O Instituto da Lingua Galega presenta unha ferramenta interactiva que recolle as variacións dialectais en varios territorios galegofalantes

Na década dos setenta deu comezo un ambicioso proxecto lingüístico. Xiraba en torno á idea de reunir nun único espazo a diversidade do galego, unha lingua viva e cambiante marcada polas variedades dialectais espalladas por todo o territorio da comunidade (e fóra dos límites adminstrativos da mesma). Esa iniciativa convertiríase nunha das investigacións fundacionais do Instituto Galego da Lingua Galega (ILG): o Atlas Lingüístico Galego (ALGa). Agora, o vasto coñecemento xerado durante anos de traballo de campo reflíctese nunha nova ferramenta interactiva en liña que permitirá a investigadores e público xeral acceder á información producida no contexto do proxecto.

O Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié veñen de presentar o ALGa dixital, resultado desta iniciativa, na sede do ILG en Santiago de Compostela. No acto participaron Rosa María Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Elisa Fernández, directora do ILG; Carmen Arias, directora da Fundación Barrié; e Xulio Sousa, director do proxecto, quen pechou a sesión cunha demostración do funcionamento do mapa.

Publicidade

O Atlas Lingüístico Galego

Entre 1974 e 1977, un equipo do ILG entrevistou galegofalantes de 167 localidades de Galicia, Asturias, León e Zamora mediante un cuestionario de 2.711 preguntas. O grupo de investigadores recolleu información sobre a pronuncia, a gramática e o vocabulario empregados nas diferentes zonas de fala galega. O resultado deste traballo de campo foi un arquivo lingüístico de elevado valor patromonial que se reflicte no Atlas Lingüístico Galego, un proxecto en crecemento que conta xa con oito volumes publicados en papel.

O obxectivo desta iniciativa era estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais de Galicia e áreas adxacentes que empregaran tamén o idioma. “O ALGa é o proxecto fundacional do ILG; trátase dunha das achegas máis valiosas á lingua galega por parte do instituto”, asegura Elisa Fernández. A directora da institución lingüística resalta que a investigación se baseou no rigor científico, o traballo colectivo e o compromiso coa sociedade. “No século pasado, o galego era unha lingua viva. Porén, sabíase pouco dela. Nun contexto no que moitas persoas pensaban que a súa lingua valía pouco ou nada despois de anos de represión, o proxecto recoñece o seu valor e a súa diversidade”, conta Fernández.

O ALGa dixital, un recurso interactivo

O evento de lanzamento do ALGa dixital recoñeceu o extenso labor de anos de traballo polos que pasaron múltiples investigadores. Xulio Sousa profundou nos contidos dos 895 mapas interactivos que ofrece o portal web. Resaltou na presentación da ferramenta a importancia de ofrecer recursos accesibles e aproveitables. “Moitas veces dise que os atlas son tesouros inexplorados pola súa dificultade de utilización. O noso obxectivo fundamental era poñer a información a disposición da comunidade científica e de usuarios non expertos de xeito simple”, explica o director do proxecto. Engade que fuxiron da opción de facer unha tradución literal do papel á pantalla, pola que só se podería consultar a base de datos mediante documentos textuais. “Isto non respondía ás necesidades de divulgación do proxecto”, recoñece, e apunta que optaron por deseñar unha estrutura interactiva e intuitiva.

Rosa Crujeiras sinala que este arquivo documental, que califica como “dun valor excepcional”, transforma a maneira de investigar e producir coñecemento ao explorar un ámbito en desenvolvemento: o das humanidades dixitais. “Esta proposta permite explorar os materiais que xa existían e abrir novas preguntas e liñas de investigación. Coñecer a diversidade da nosa lingua é unha forma de recoñecer o seu valor. Queremos abrir este patrimonio científico ás novas xeracións”, explica a reitora da USC.

Carmen Arias pon o foco nalgunhas das novidades da plataforma: “Décadas de investigación están dispoñibles nunha ferramenta que permite a comparación e exploración da información“. Entre as novas achegas do ALGa dixital tamén se atopan: a capacidade de personalización da visualización (pola que o usuario pode seleccionar, amosar e ocultar variantes específicas), a presentación de apuntes complementarios para axudar a contextualizar os fenómenos analizados e a ampliación dos coñecementos sobre o propio proxecto, dende a súa concepción a un extenso listado no que consultar todas as localidades participantes.

Un espazo de información accesible e extenso

O portal web, ao que se pode acceder dende esta ligazón, está composto por catro apartados: Mapas, no que se recolle a representación xeográfica dos fenómenos lingüísticos, recollidos nas categorías ‘fonética’, ‘léxico’ e ‘morfosintaxe’; ALGa dixital, onde se explican as especificacións sobre os obxectivos e funcionamento da ferramenta; Atlas Lingüístico Galego, que fai un repaso da historia do proxecto; e Localidades, que achega unha listaxe extensa dos concellos que participaron nas enquisas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo sistema de inspección intelixente creado en Galicia mellora a seguridade ferroviaria

O proxecto Airis da UVigo e Copasa emprega visión artificial, sensores ópticos, 5G e IA para automatizar a detección de defectos nas vías de alta velocidade

⁠⁠GCiencia celebra a décima edición dos Premios Galicia Spin-Off cun foro sobre ciencia e emprendemento

O Foro Impulso Ciencia reunirá o 4 de decembro no Pazo de San Roque representantes das tres universidades galegas, empresas e expertos para abordar os retos da transferencia de coñecemento

Así se ven as primeiras nevadas da tempada nas montañas de Lugo e Ourense

MeteoGalicia activa a alerta amarela por acumulacións superiores aos cinco centímetros por riba dos 1.200 metros

Preferencia polo dialecto occidental e marcado polo estilo persoal: así soa o galego nas redes sociais

Unha análise da fala de creadores de contido revela que a lingua de Galicia se usa como elemento de distinción e de identidade en TikTok e Instagram