Un novo sistema de inspección intelixente creado en Galicia mellora a seguridade ferroviaria

O proxecto Airis da UVigo e Copasa emprega visión artificial, sensores ópticos, 5G e IA para automatizar a detección de defectos nas vías de alta velocidade

O grupo Aerolab da Universidade de Vigo e a empresa Copasa desenvolven dende o ano 2013 o proxecto Airis (Adaptative and intelligent railway inspection system), un sistema de inspección ferroviaria adaptativo e intelixente centrado en dixitalizar e automatizar a inspección das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade mediante visión artificial, sensores ópticos, comunicacións 5G e técnicas de intelixencia artificial. A iniciativa celebrou este martes a súa xornada de peche destacando como os sistemas desenvolvidos ao seu abeiro permiten mellorar a eficiencia das operacións de mantemento e reforzar a seguridade mediante a identificación máis rápida de incidencias.

Os responsables do Airis dende a UVigo, iniciativa coordinada polo profesor e investigador Higinio González, salientan que “a automatización da inspección permitiu mellorar significativamente a eficiencia das operacións de mantemento ferroviario ao reducir a dependencia das revisións manuais, incrementar a frecuencia de avaliación da infraestrutura e aumentar a capacidade de detección temperá de defectos”. O proxecto está financiado pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Axencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Ademais, conta coa colaboración de Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas.

Publicidade

As tecnoloxías implementadas durante o proxecto Airis optimizaron as tarefas de inspección e conservación das liñas de alta velocidade, favorecendo unha redución dos custos asociados ao mantemento destas infraestruturas, tradicionalmente máis elevados que os das liñas ferroviarias. Concretamente, hai cinco resultados principais destacados por Higinio González durante a xornada de balance.

Cinco proxectos arredor da infraestrutura ferroviaria

Entre os resultados destaca, por unha banda, o desenvolvemento dunha arquitectura intelixente de inspección ferroviaria: “O equipo deseñou e validou un sistema centralizado capaz de recibir información procedente de sensores ópticos embarcados en dresinas, permitindo automatizar os procesos de inspección das vías férreas”. E, por outra banda, a integración e proba de tecnoloxías avanzadas de sensorización, concretamente de sistemas ópticos de inspección para a captura automática de información da infraestrutura ferroviaria; de tecnoloxías LiDAR para a caracterización tridimensional da vía e da súa contorna, e de algoritmos de procesamento de datos e intelixencia artificial para a detección e clasificación automática de anomalías.

Tamén subliñan a automatización da detección de defectos: “Os sistemas desenvolvidos demostraron capacidade para identificar automaticamente distintos problemas de mantemento, entre eles gretas en travesas de diferentes tipoloxías; ausencia de parafusos, clips e outros elementos de fixación; alteracións na xeometría do balastro; presenza de area ou outros elementos alleos na infraestrutura, e deficiencias susceptibles de afectar á seguridade e á explotación da vía”, explican dende o proxecto.

Súmanse o procesamento da información en tempo real directamente a bordo dos vehículos de inspección, “mantendo capacidades operativas a velocidades de ata 75 km/h e xerando alertas automáticas ante a detección de incidencias”. Finalmente, a iniciativa tamén “consolidou unha metodoloxía baseada na monitorización continua do estado da infraestrutura, proporcionando información obxectiva para a implantación de estratexias de mantemento preditivo e optimización dos recursos de conservación”. 

Agora, na fase final do proxecto, o equipo da UVigo traballa na busca de socios tecnolóxicos para avanzar cara a industrialización do prototipo desenvolvido.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

⁠⁠GCiencia celebra a décima edición dos Premios Galicia Spin-Off cun foro sobre ciencia e emprendemento

O Foro Impulso Ciencia reunirá o 4 de decembro no Pazo de San Roque representantes das tres universidades galegas, empresas e expertos para abordar os retos da transferencia de coñecemento

Como coser os ríos rotos de Europa: as barreiras que impiden recuperar a súa conectividade

Un novo plan estatal prevé reconectar só 65 quilómetros de ríos, fronte aos case 2.850 que lle corresponderían segundo o obxectivo europeo

Así se ven as primeiras nevadas da tempada nas montañas de Lugo e Ourense

MeteoGalicia activa a alerta amarela por acumulacións superiores aos cinco centímetros por riba dos 1.200 metros

Dúas esculturas do galego Francisco Asorey González cobran vida en 3D

O CIAG dixitaliza por fotogrametría as obras para crear modelos de alta resolución que permiten explorar os seus detalles e contribuír á preservación do patrimonio