Unha muller rural galega axeonllada en actitude de ofrenda, e San Francisco de Asís diante dunha árbore sobre a que se asenta o irmán lobo. Estas dúas esculturas descritas, baixo o nome de Ofrenda a San Ramón e Escultura de San Francisco de Asís, do escultor Francisco Asorey González, considerado un dos renovadores da arte galega, xa están dixitalizadas polo Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) da man do experto en modelado 3D Manuel García Ávila. Os resultados poden consultarse na páxina web da organización tras a virtualización fotogramétrica realizada en 2025.
A vontade de dixitalizar as esculturas do artista galego para o Museo Provincial de Lugo foi a raíz da cesión para a exposición Francisco ASOREY: una recuperación necesaria, celebrada no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ata abril de 2026. “O museo ía quedar sen esas pezas e querían que os visitantes puidesen ver as obras nun gran monitor”, apunta Manuel García, e as imaxes proxectáronse durante a ausencia das pezas e podíase acceder a elas a través dun código QR. Así, a partir das aproximadamente 1.200 fotografías tomadas —arredor de 600 por obra—, orixínanse xemelgos dixitais que permiten apreciar con claridade a súa textura, cor e xeometría: “Son iguais ás pezas orixinais, con moita resolución e medibles“.
Dúas obras dun mesmo artista
Ambas as dúas esculturas están en bo estado de conservación. A Escultura de Ofrenda a San Ramón, feita en madeira policromada e con detalles en latón, representa a unha muller en vésperas de dar a luz axeonllada, acudindo a San Ramón Nonato para que o seu fillo naza ben. As súas dimensións son 82 centímetros de alto e 53 de ancho, sumados aos seus 48 centímetros de profundidade. Esta peza está oca, polo que o experto puido realizar imaxes por dentro e amosar como Asorey construíu esta peza: “Semella unha soa, pero dende o interior pódese ver que primeiro fixo o corpo e que a cabeza é unha segunda peza, suxeita cun traveseiro“, apunta García Ávila.
Pola súa banda, a Escultura de San Francisco de Asís, coa mesma composición, mide 186 centímetros de alto, 106 de ancho e 47 de profundidade. A pesar de que os matices das súas obras foron evolucionando co paso do tempo, o estilo de Asorey sempre foi recoñecido polo uso de fórmulas realistas, con influencias do barroco castelán e a escultura popular galega. “O tamaño foi o máis difícil para dixitalizar a obra”, sinala Manuel García Ávila.
O proceso
O encargado da virtualización explica que as dúas esculturas implicaron levar a cabo fotografías en todos os recunchos das pezas e “non deixar nada sen fotografar“. Con todo, hai zonas nas que non chega o ángulo da cámara, e noutras ocasións nas que é necesaria ata unha pértega para poder tomar imaxes dende un plano superior. Ademais, débese iluminar de forma uniforme para non ter sombras duras na recreación. “Que foran de madeira é un elemento a favor”, apunta García Ávila, pois se fose moi brillante, como feita en cristal, non se podería observar con tanta claridade.
Os beneficios da dixitalización
Os modelos 3D permiten observar as esculturas dende perspectivas que non sempre son posibles nunha exposición. “Podes ver todos os detalles das pezas, podes ver mesmo as vetas da madeira“, sinala o experto, e engade que “dá unha visión da peza moito máis ampla“. Así, estes modelos escalables permanecen como documentación da peza e permite a investigadores de todo o mundo estudar a obra dende calquera lugar “coma se tivese a obra diante”, subliña Manuel García Ávila. Ademais, permite o seguimento do estado da peza ao longo do tempo. “A dixitalización é unha ferramenta de preservación dixital do patrimonio; non substitúe a obra, pero crea un rexistro fiable para o futuro”, conclúe.













