Un equipo galego crea un dispositivo móbil para previr lesións lumbares entre o persoal de emerxencias

A tecnoloxía AppGym, desenvolvida dende a UDC, monitoriza en tempo real a flexión da columna e alerta de posturas potencialmente lesivas

A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo, presenta AppGym, un dispositivo portátil desenvolvido pola spin-off Motion and Force Engineering Solutions (MFES), vinculada ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Esta tecnoloxía permite monitorizar en tempo real a flexión lumbar e alertar de posturas inadecuadas durante o levantamento de cargas.

Esta ferramenta foi presentada nun obradoiro de prevención de lesións lumbares mediante o uso de sensores, dirixido ao persoal de emerxencias no Parque de Bombeiros de Ferrol, a fin de promover a prevención de riscos laborais e de mellorar a hixiene postural da columna vertebral durante o desempeño das súas funcións.

Publicidade

Posta en práctica

Durante a sesión, os participantes tiveron a oportunidade de probar esta tecnoloxía que se coloca nas costas e incorpora un sistema de aviso sonoro que se activa cando detecta unha postura potencialmente lesiva. Ademais, a través dunha pantalla de ordenador, puideron visualizar o ángulo de flexión da columna vertebral e identificar os movementos que deben corrixir para reducir o risco de lesións. Este dispositivo, desenvolvido no Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa Clínica Arriaza, foi recoñecido co segundo premio da Xornada de Innovación en Industria da Maker Faire Galicia 2026.

Este obradoiro dá continuidade á xornada de sensibilización e demostración práctica sobre o uso de exoesqueletos pasivos para a prevención de lesións musculoesqueléticas entre os profesionais de emerxencias. Ambas as dúas iniciativas comparten o obxectivo de achegar os avances tecnolóxicos desenvolvidos no ámbito universitario aos e ás profesionais de emerxencias da comarca, contribuíndo á prevención de lesións e á mellora das súas condicións de seguridade laboral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os socalcos da Ribeira Sacra, un escudo fronte ás chuvias extremas derivadas do cambio climático

O catedrático Augusto Pérez Alberti analiza como as estruturas de pedra reducen a erosión, favorecen a infiltración da agua e contribúen a conservar a paisaxe

O físico Javier Díaz Bruguera ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

O investigador, referente no campo do deseño de procesadores e aritmética de computadoras, será académico na sección de Ciencias Técnicas

A UDC crea nanofibras que se montan e desmontan á vontade e controla como se adhiren as células

A científica Elena Pazos lidera unha investigación que aborda un dos retos do deseño de biomateriais: conseguir estruturas ordenadas que poidan modificarse mediante sinais químicos

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia de amputacións

A investigadora da UVigo Elena Mosquera sinala o envellecemento da poboación e a diabetes como posibles causas do aumento de casos