Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia de amputacións

A investigadora da UVigo Elena Mosquera sinala o envellecemento da poboación e a diabetes como posibles causas do aumento de casos

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia de amputacións de España, con 0,80 por cada 10.000 habitantes en 2023, tan só por detrás de Asturias (0,97). Esta patoloxía representa un problema de saúde pública polo seu impacto funcional, psicolóxico e social e, a pesar disto, a comunidade é unha das únicas, xunto con Murcia, que amosa un incremento estatísticamente significativo na incidencia: pasou de 0,62 en 2018 a 0,80 en 2023. Estes achados son froito da investigación realizada dende a Universidade de Vigo, o Grupo de Investigación Traslacional de Coidados (INVESTIC) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e o Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Badaxoz.

Os resultados proceden dun estudo cuantitativo que analiza todas as altas hospitalarias por procedementos cirúrxicos de amputación rexistradas no Conxunto Mínimo Básico de Datos (CMBD) de hospitais españois, tanto públicos como privados, entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2023. A raíz desta información, o equipo trata de interpretar cales son as posibles causas: entre elas, unha poboación envellecida e a diabetes como patoloxía estrela das amputacións —a causa do pé diabético—. “Galicia está entre as que máis acelera; algo máis ten que pasar”, explica Elena Mosquera Losada, enfermeira e psicóloga, ademais de investigadora e co-autora do artigo publicado na revista Rehabilitación.

Publicidade

A idea da investigación nace da escaseza e falta de exactitude nos datos de prevalencia e incidencia de amputacións, xa que proceden de estimacións non actualizadas, rexionais ou de estudos centrados en tipos específicos: “As patoloxías dos maiores non se traballan tan ben e teñen moi pouco seguimento”, subliña a investigadora do grupo INVESTIC, xa que a maior incidencia se rexistra nas persoas de 65 anos en España. Ademais, este equipo está a afondar en todo tipo de parámetros: dende a calidade de vida das persoas ata como afrontan esta patoloxía, máis aló da evolución da incidencia.

Tipos de amputación

O impacto da perda dunha extremidade depende do tipo de amputación. Segundo a súa localización anatómica, diferéncianse entre as que afectan a membros superiores e as relacionadas con membros inferiores, que afectan máis á mobilidade. Por outra banda, tendo en conta o nivel de amputación, están as maiores —afectan a segmentos por enriba do pulso ou do nocello— e as menores —afectan a rexións máis distais—. Con todo, unha das clasificacións máis relevantes é a diferenza entre as amputacións traumáticas —froito de accidentes ou agresións— e as non traumáticas —derivadas de enfermidades como a diabetes, a enfermidade arterial periférica (nas que o tabaco ten moito impacto), o cancro ou infeccións crónicas—. Este último tipo é o que pode provocar unha maior afectación funcional e é nas que se centra a investigación da UVigo.

Máis do 80% afectan a membros inferiores

O estudo realizado indica que máis do 80% das amputacións rexistradas en España corresponden a membros inferiores. As principais causas están orixinadas pola diabetes e as enfermidades vasculares: “Sempre afectan máis aos membros inferiores porque o impacto é maior; camiñamos todos os días”, explica Elena Mosquera Losada. Ademais, engade que non é habitual notar os efectos da diabetes. Pola contra, explica que o impacto das mans nótase máis e obsérvanse máis, por eso a incidencia é menor.

Por outra banda, os datos sinalan que as amputacións menores aumentaron un 54% en España, fronte ao 13,7% das maiores. “Esta tendencia podería reproducirse en Galicia”, indica. Con todo, ao entrar en detalle nos datos clínicos dilúese a información: por exemplo, as amputacións maiores en membros superiores no ano 2017 foron 83, unha cifra descrita pola investigadora como “menos representativa” fronte ás máis de 49 millóns de persoas residentes no país. Isto dificulta a labor comparativa.

Incremento, idade e xénero

Segundo Mosquera Losada existen algunhas particularidades en canto á distribución da incidencia das amputacións en España. Tendo en conta que a idade se relaciona cunha maior incidencia, cabería esperar que Castela e León —segunda CC.AA. con maior envellecemento poboacional— estivese entre as máis afectadas por este problema de saúde pública. Non obstante, non se atopa no podio, formado por Asturias, Galicia e Cantabria; o equipo sinala que podería haber outros factores en xogo.

Outro dato interesante é a evolución en ascenso de Murcia: mentres en Galicia o incremento pode interpretarse no contexto da súa poboación envellecida, Murcia é a segunda comunidade con menor envellecemento de España. Neste caso, factores clínicos, sociais ou relacionados coa atención sanitaria poderían ser a resposta, converténdose nunha investigación prioritaria a futuro. “Hai moitos factores que poden nesgar a información”, sinala a investigadora, e engade que “os modelos de atención poden ser un problema que precise da mellorar no diagnóstico”.

Ademais, o estudo reflicte que as amputacións son moito máis frecuentes en homes, pero que a mortalidade intrahospitalaria é maior en mulleres. “As amputacións en mulleres teñen que ver máis coa idade, pero queremos saber cales son as outras posibles causas desta diferenza”, indica a investigadora da UVigo, o que abre a porta a unha nova liña de investigación.

Consecuencias dunha amputación

As amputacións, ademais da perda anatómica e funcional, tamén provocan un impacto psicolóxico e social que depende da idade do paciente, o tipo de intervención, o apoio social e as estratexias de enfrontamento. En consecuencia, as persoas que sofren esta patoloxía presentan elevadas taxas de depresión e ansiedade, que oscilan entre o 18 e 31% e, ademais, poden estar suxeitas ao trastorno de estrés postraumático. Súmase o elevado consumo de recursos sanitarios: o coste medio da estancia dun grupo de pacientes ingresados en hospitais españois por presentear úlceras de pé diabético que requerían amputación ascendeu a 3.400 euros, máis do dobre que sen cirurxía.

“A atención temperá nestes casos é básica, sobre todo polo control da causa”, subliña Elena Mosquera; por exemplo, no caso dunha diabetes mal controlada, o proceso acelérase ata chegar ao momento da amputación. Así, cara ao futuro, ábrense múltiples vías de investigación para poder abranguer todo o necesario para crear unha radiografía completa das amputacións en España: cales son as diferenzas rexionais que marcan as evolucións desiguais de Galicia e Murcia, e investigar as discrepancias en canto a xénero.


Referencia: Evolución de la incidencia de amputaciones en España desde 2016 hasta 2023 (Publicado en Rehabilitación)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mundo micolóxico do Val do Ulla: máis de 660 especies e achados de interese científico

Un proxecto impulsado por AMABUL en colaboración coa Deputación da Coruña identifica máis dunha decena de posibles primeiras citas para Galicia e unha para España

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación

A provincia da Coruña lidera as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro cun 47,4% do total

Un informe do Observatorio Galego da Acción Climática revela o impacto das industrias enerxéticas fósiles no norte da comunidade

Un epistolario inédito revela a rede feminista entre Galicia e Cataluña de principios do século XX

As cartas autógrafas que Micaela Chao Maciñeira enviou en galego á pedagoga catalá Francesca Bonnemaison permiten recuperar unha figura clave do feminismo