Nunca é tarde para ampliar o coñecemento en biodiversidade da provincia da Coruña. Agora, o proxecto Microbiota Ullá, desenvolvido pola asociación medioambiental AMABUL en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Vedra, permite documentar unha extraordinaria variedade fúnxica no Val do Ulla e obter resultados preliminares de grande interese científico. Entre as 660 especies micolóxicas atopadas podería haber máis dunha decena de primeiras citas para Galicia e unha para España. Con todo, aínda están en proceso de validación e revisión taxonómica.
O Val do Ulla constitúe, neste contexto, un espazo de alto valor ecolóxico cheo de carballeiras, bosques de ribeira e mixtos, e outros hábitats atlánticos que favorecen o desenvolvemento dunha rica comunidade fúnxica. A diversidade biolóxica e paisaxística desta área da Coruña, xunto aos solos húmidos, zonas de sombra e microhábitats asociados ao curso fluvial, aporta un amplo número de especies.
Para poder realizar un traballo eficiente, na iniciativa participou un equipo de especialistas en distintos grupos taxonómicos como os mixomicetes, os fungos hipoxeos, e os xéneros Amanita, Hebeloma, Russula ou os Cantharellales, entre outros; todo isto, coordinado por José María Traba Velay e Mónica Saavedra López.
Un territorio especialmente favorable para a diversidade fúnxica
O traballo desenvolveuse no Val do Ulla mediante unha metodoloxía baseada na prospección sistemática de hábitats, a recolla controlada de exemplares para estudo científico, o rexistro fotográfico e ecolóxico das observacións, a análise microscópica e o rexistro estandarizado da información obtida entre os días 18 e 23 de outubro. A investigación contemplou ademais a selección de mostras susceptibles de análises xenéticas para contribuír á confirmación taxonómica dalgúns rexistros nos concellos de Vedra, Teo e A Estrada —en espazos concretos como Agronovo, Cubelas, a Burga de Xermeade, o Merendeiro de Xirimbao e o Areal de Berres, así como áreas vinculadas ao curso medio do río Ulla e os hábitats da ZEC ES1140001 Sistema Fluvial Ulla-Deza—.
Así, o obxectivo final do proxecto é documentar a diversidade fúnxica presente no territorio e avanzar na elaboración dun inventario actualizado das especies asociadas aos diferentes hábitats do Val do Ulla.
Resultados preliminares de grande interese científico
Os resultados obtidos durante a fase inicial do proxecto revelan unha elevada diversidade de especies e permitiron identificar numerosos exemplares de interese científico. Ademais, servirán de base para futuras investigacións e para a difusión de novo coñecemento sobre a biodiversidade fúnxica galega. Desta maneira, contribúe o coñecemento científico da biodiversidade fúnxica asociada aos ecosistemas do Val do Ulla e avanza na elaboración dun inventario actualizado das especies presentes nos seus principais hábitats.
















