Dous fungos invasores propáganse con rapidez por Galicia: “Son especies moi agresivas”

O micólogo Jaime Blanco explica a chegada a comezos do século XXI e a expansión nos anos seguintes da 'Clathrus archeri' e a 'Favolaschia claudopus'

Galicia é un paraíso micolóxico. Por exemplo, tan só nas 44 hectáreas que ocupa a illa de Cortegada xa hai unhas 1.500 variedades. Porén, non todas as especies de fungos que se atopan en Galicia son propias da rexión: existen múltiples consideradas invasoras ou con potencial invasor. O micólogo Jaime Blanco Dios, profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, conta que dúas destacan pola súa elevada prevalencia na comunidade: a Clathrus archeri, coñecida popularmente como ‘estrela vermella’ ou ‘dedos do demo’ debido ao seu aspecto; e a Favolaschia claudopus, de orixe australiana.

“Eses son os fungos con maior potencial invasor. Non hai demasiados datos sobre outras especies, tan só citas soltas daquelas que están comezando a chegar”, explica Jaime Blanco. O micólogo apunta que a Clathrus archeri e a Favolaschia claudopus son dúas especies que levan tempo en Galicia e a súa presenza é cada vez máis frecuente. “As primeiras citas destes fungos en Galicia están rexistradas a comezos do século XXI. Chegaron bastantes anos antes a España, e en Europa levan polo menos un século, dende despois da Primeira Guerra Mundial”, conta o profesor.

Publicidade

Onde están os fungos e como se propagan?

O micólogo do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán sinala que estas especies están máis presentes nas provincias da Coruña e Pontevedra, “porque hai máis actividade humana e un clima mellor para os fungos”, aclara. As condicións climáticas ideais para estas especies están marcadas pola suavidade, sen temperaturas bruscas, e o ambiente húmido típico dos territorios atlánticos. “En Lugo e Ourense non se ven tanto. As maiores baixadas do termómetro nesas provincias poderían ser un factor limitante, pero é unha cuestión que aínda precisa máis investigacións. O noso coñecemento delas en Galicia é moi recente; hai que estudalas máis a fondo”, recoñece Jaime Blanco. O micólogo engade que, malia ter menor incidencia nos territorios interiores galegos, estas especies posúen unha elevada capacidade de propagación e, polo tanto, ve necesario facer un seguimento da súa presenza en Lugo e Ourense.

No caso da Clathrus archeri, Blanco apunta que a súa expansión está estreitamente relacionada coa actividade humana: “Axudámola moito ao traballar fincas ou revolver o terreo porque levamos as súas esporas e o micelio nas rodas da maquinaria”. O investigador indica que os insectos teñen tamén un papel neste ciclo ao trasladar as esporas dos fungos, aínda que sexan as persoas quen producen os maiores movementos.

A Favolaschia claudopus, pola súa banda, ten unha gran capacidade de produción de esporas e, ademais, pode atoparse polos solos galegos durante o verán e todo o outono, o que vai máis alá dos meses habituais da aparición de cogomelos. A conxunción destas circunstancias fan que esta especie teña unha moi elevada habilidade reprodutiva.

Os dous tipos de fungos son sapróficos, é dicir, aliméntanse de materia orgánica morta ou en descomposición. “O Clathrus archeri nútrense sobre todo da materia orgánica do solo, pero a Favolaschia claudopus desfai pólas e outros tipos de madeira”, explica Jaime Blanco. O micólogo explica que a preparación ou labrado de terreos forestais adoita favorecer a archeri porque se destrúe vexetación natural. Se xa había exemplares da especie nesa zona, os restos vexetais triturados vólvense o seu alimento perfecto.

Como entraron en Galicia?

A forma na que a Favolaschia claudopus entrou en Galicia é un misterio. “Supoñemos que o comercio internacional de plantas xogou un papel, pero non temos certeza disto”, apunta Blanco. No caso da Clathrus archeri está un pouco máis claro, pois todas as hipóteses poñen o foco no movemento de material durante a Primeira Guerra Mundial. “Entre as propostas están: caixas con manteiga, la de ovella australiana, armamento…”, conta o micólogo.

Jaime Blanco indica que a primeira cita da Clathrus na península ibérica sitúase en Madrid nos anos noventa. A principios do século XXI, este fungo chega á comunidade galega: “Eu citeina por primeira vez na Coruña no ano 2002. Antes xa había unha referencia en Pontevedra en 2001. A súa expansión foi moi acelerada nos anos posteriores; había zonas nas que as colonias se desprazaban varios metros dun ano para o seguinte“, asegura o investigador. Así e todo, sinala que é difícil concretar a data precisa da chegada destas especies debido a que naquel momento había poucas persoas con coñecementos científicos micolóxicos que puideran recoñecelas como variedades exóticas.

O impacto sobre a contorna

“Estas especies son moi agresivas. Ocupan espazos nos que antes estaban os fungos autóctonos, que teñen unha capacidade de expansión e reprodución máis limitada”, afirma Jaime Blanco. Son moi competitivos en canto aos recursos do solo, polo que, como explica o micólogo, o resultado da súa aparición adoita ser que zonas grandes nas que antes habitaban varias especies pasan a ser monocultivos.

A recuperación do espazo para reintroducir especies autóctonas nesas áreas é unha cuestión que queda lonxe. “Aínda non estamos en condicións de facelo. Vai ser difícil revertir a situación“, admite o profesor. Conta que o caso dos fungos non é o mesmo que o das plantas, que se ven todo o ano; estes só se poden observar durante uns meses. “É complicado o seu seguimento porque só vemos a súa fructificación uns momentos ao ano, mentres que o micelio segue baixo terra todo o tempo”, explica Jaime Blanco.

Ante estas expectativas, a única estratexia é a de actuar no momento no que os fungos son visibles (que na súa maioría será durante o outono) recollendo e eliminando a maior cantidade posible “tanto de cogomelos como de substrato contaminado”, apunta o micólogo. Así e todo, admite que é unha acción que resultará pouco eficaz mentres non haxa unha loita biolóxica activa contra estas especies.

A dificultade da identificación

A problemática da escaseza de profesionais cos coñecementos micolóxicos necesarios ten un impacto directo na cantidade de información existente sobre estes fungos. “Hai algunhas especies que agora mesmo só coñecemos en Galicia a través dunha soa cita, como é o caso das do xénero Mycena. Por este motivo, é moi difícil determinar ata que punto teñen potencial invasor”, explica Jaime Blanco.

O investigador conta que a Clathrus archeri e a Favolaschia claudopus teñen aparencias rechamantes que favorecen a súa identificación, pero apunta que non todas as especies posúen caracterísitcas distinguibles a simple vista. “En ocasións son difíciles de identificar e de separar doutras semellantes. Neses casos son precisos estudos de microscopia, de ADN. Non sempre é sinxelo recoñecelas, sobre todo nas especies das que se teñen poucas referencias”, sinala o micólogo.

Deste xeito, a súa presenza na superficie concentrada nuns poucos meses súmase á falta de persoas capacitadas para recoñecer as especies no momento no que fructifican. A fiestra de oportunidade para identificar os fungos exóticos é moi pequena; por isto, Blanco admite que chegar a un coñecemento mínimo das especies invasoras —e con potencial invasor— será un proceso lento.

O profesional da micoloxía indica que o aspecto recoñecible da Clathrus archeri e a Favolaschia claudopus favorece que poidan identificarse a través de ciencia cidadá, mediante achegas de usuarios non especializados. Non obstante, admite que a concienciación en torno ao tema é moi limitada: “Non se lle dá a importancia que ten aos fungos porque para a maioría das persoas son algo que aparece só uns meses ao ano; adoita esquecerse que existen seres vivos invasores que non son animais ou plantas“, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

Un novo fungo amplía o catálogo natural da Illa de Cortegada

O achado engádese a máis de 1.000 fungos rexistrados no ecosistema insular de 44 hectáreas que concentra arredor do 50% do total documentado en Galicia

A UVigo lidera un proxecto europeo para revolucionar os pensos de acuicultura

Un equipo do CIM desenvolverá un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies como a robaliza

Pode un fungo ser a clave para curar o cancro?

O uso dos fungos en medicina acompáñanos desde tempos ancestrais e podería agochar a resposta para o tratamento do cancro