Desde Carril, con marea baixa, é posible chegar camiñando, aínda que mollando un pouco os pés, á illa de Cortegada. Ademais de moita historia, e de ser coñecida polo seu bosque de loureiros, este enclave da ría de Arousa é un exemplo de biodiversidade de fungos que non ten igual en Europa, segundo salienta Saúl de la Peña, investigador do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola que desde cativo leva indo a Cortegada a estudar estes organismos.
De la Peña, xunto a colaboradores como Pablo Alvarado, Óscar Requejo e Enrique Rubio, publicou a comezos de ano o achado na illa de dúas novas especies fúnxicas únicas no planeta, que volven poñer de relevo a importancia ecolóxica de Cortegada, enmarcada no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Porén, as alteracións do ecosistema que se produciron nos últimos anos están poñendo en perigo unha diversidade que, segundo o científico, debería ser obxecto de estudos.
– Que pasa en Cortegada para que haxa tal diversidade?

– Danse varias condicións que son moi interesantes. Aínda que a illa é pequena, ten moita diversidade vexetal. E os fungos, como outro tipo de especies, saben adaptarse. Poden distinguirse varios microclimas: unha das zonas ten algo semellante a unha influencia mediterránea, outro é máis continental, e tamén hai unha zona cunha capa de hedra a nivel de solo que fai que manteña moita humidade superficial. Ademais está a desembocadura do Ulla, que xera habitualmente néboas que aumentan tamén a humidade. Outro factor é que está bastante protexida dos ventos en xeral.
E ademais, ten unha laurisilva bastante grande, o que fai que haxa especies bastante adaptadas a ela. É algo curioso, porque a outra zona do mundo na que hai algo semellante é no Garajonay, na illa da Gomera, e resulta que existen bastantes especies de fungos que se atopan nos dous lugares. Pero en canto a diversidade e densidade, non hai nada parecido a Cortegada. Noutras illas hai unha competencia moi forte polo espazo, pero aquí xorden moitísimas especies distintas en pouca superficie, e ademais abundantes e visualmente moi fermosas.
– Como atoparon estas dúas novas especies?
– Levamos 15 anos estudando a illa e tratando de identificar todas as especies que imos atopando. E estas dúas foron parte do traballo. Este proceso, no caso dos fungos, é máis complexo respecto ao doutros organismos. Hai que facer unha identificación macroscópica, e logo microscópica, analizando as esporas e outras partes do organismo, e temos que ir tamén ao nivel da análise xenética, que mesmo ás veces non é suficiente. Hai que ter moita constancia e paciencia para acabar identificándoas.
Agora conseguimos identificar estas dúas, pero sabemos que posiblemente hai bastantes máis que están pendentes de confirmarse. Hai que seguir un proceso longo e custoso, cultivándoas ás veces no laboratorio para estudalas en mellores condicións, etc.
– Que lugar ocupa Cortegada en canto a esta diversidade?
– É sen dúbida unha referencia. Os fungos de Cortegada son algo único, non hai outra cousa igual, pero a situación é complicada e precísanse máis estudos para coñecela mellor. Aquí están o 40% das especies do Catálogo micolóxico de Galicia. Algunhas delas normalmente só se atopan en pradeiras, e resulta que aquí xorden no medio do bosque. Ademais de ser especies únicas, aparecen xunto a outras do seu xénero que son case imposibles de atopar xuntas.
Atopan na illa de Cortegada dúas especies de fungos únicas no mundo
– Ten a protección que merece?
– Non está nos seus mellores momentos. Levamos estudando Cortegada desde antes de que fora Parque Nacional, e vimos toda a transformación que viviu. Sempre tivo unha vinculación forte coa xente de Carril. Cando había máis actividade alí, a xente aproveitaba a madeira que caía, pero mantendo un equilibrio, e tamén introduciron animais, como cabalos e cabras. En concreto, as cabras aclimatáronse moi ben e tiñan controlado, dalgún xeito, o sotobosque. Isto deu pé a un semiverxel, e aínda que a priori puidera parecer negativa a presenza de animais e a actividade humana, foi o mellor momento para os fungos.
Pero coas restriccións derivadas da nova lexislación, a situación cambiou. As cabras morreron, e os criterios que se seguiron non tiveron en conta o máis salientable que ten a illa, que non son nin os insectos, nin os mamíferos, nin a flora de maior tamaño, senón os fungos. A vexetación comezou a mudar de forma drástica e descontrolouse. Mesmo moverse pola illa para investigar volveuse moi complicado.
– Que significou isto?
– Os fungos necesitan un equilibrio moi particular para desenvolverse. E se a cousa cambia, sofren. Comezaron a entrar xabarís que cruzaban a nado, e que ademais comían as ameixas e destruían os criadeiros da zona. E o impacto nos fungos foi, e é, moi importante. Non deixan de ser froitos, pero a parte principal do organismo, o micelio, está debaixo da terra. Os xabarís fozan o solo para buscar, entre outras cousas, tubérculos e deixan ao descuberto os micelos, que morren ao entrar en contacto co aire. E apenas queda un metro cadrado de illa que non estea sen fozar.
“O relevante de Cortegada é a diversidade de fungos, e as medidas de protección deberían xirar arredor deles”
Chegou a haber preto de 20 xabarís, nunha área que apenas lle correspondería a un. O que se fixo noutros lugares con circunstancias parecidas foi controlar a poboación dos xabarís porque o dano que poden facer é enorme. Pero o que acontece en Cortegada é que a lexislación impide que se tomen estas medidas.

– Que habería que facer?
– Como xa dicía, o relevante de Cortegada é a diversidade de fungos, e as medidas que hai que tomar deberían xirar arredor deles. Para isto hai que quitar os xabarís, sen dúbida, e intentar a reintrodución das cabras autóctonas coas que se conseguiu a boa situación no pasado. Iso si, cos controis e estudos precisos.
Por outra banda, antes de facer calquera actuación como saca e tala de árbores, limpezas de camiños, mantemento de edificacións, etc. habería que contar coa distribución e localización dos fungos para a súa correcta protección e conservación. Non debemos esquecer que existen especies dentro de listas vermellas e outras únicas en Galicia, España e no mundo.
– De onde vén o seu interese polos fungos de Cortegada?
– Empezou a través dunha colaboración coa asociación A Cantarela de Vilagarcía. Meu pai, que é un gran apaixonado da micoloxía e leva moito tempo investigando, levábanos a Cortegada para ver os fungos. E así levo desde entón. O problema da micoloxía na investigación académica é que é complicado atopar financiamento, así que o hai que facer moitas veces por conta propia e coa colaboración de persoas afeccionadas a ela. Por iso sería conveniente financiar as nosas investigacións para afondar no coñecemento de lugares como Cortegada.