O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

A illa de Cortegada forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Mide en torno a un quilómetro de longo e conta cunha superficie de 43,8 hectáreas terrestres. Porén, nese espazo reducido, o micólogo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Saúl de la Peña atopou máis dun milleiro de especies fúnxicas. “En Galicia hai unhas 2.000. Ata agora, atopamos 1.500 en Cortegada, das que case 1.300 xa están identificadas”, explica o investigador. Esas 44 hectáreas son, como conta o micólogo, o lugar do mundo con máis densidade de especies.

De la Peña leva máis de 17 anos estudando a biodiversidade da illa e, non obstante, recoñece que lle queda moito que observar: “Coa miña segunda tese, xa atopamos 70 especies e catro xéneros, ambos novos para a ciencia”. O último grande fito do micólogo foi o descubrimento dun fungo ata ese momento descoñecido: o Xylaria polyphaga. Compartiu este achado nun estudo publicado en Life no que se describiron oito especies novas, entre as que se atopa a descuberta en Cortegada.

Publicidade

O paraíso da biodiversidade

“A illa de Cortegada é un punto quente da biodiversidade a nivel mundial”, recoñece Saúl de la Peña. O investigador afirma que se trata dunha localización moi especial no campo micolóxico, e que foi esa relevancia a que motivou o inicio da súa segunda tese doutoral. Neste espazo converxen varias características que, para de la Peña, son clave nocrecemento fúnxico: “As mostras que nós collemos son macrofungos, que son as ‘frutificacións’ dos fungos. Para poder ver a variedade real dunha zona, teñen que darse as condicións para que os macromicetos se produzan, e isto é algo que se ve potenciado pola biodiversidade botánica da illa”.

Ademais, sinala que o microclima húmido da área xoga un importante papel na ecuación: “Atópase na desembocadura do Ulla e a proximidade ao mar fai que a variabilidade da temperatura sexa menor”. O investigador apunta que as condicións atmosféricas son o máis relevante na proliferación dos fungos, pero engade que o substrato tamén facilita o crecemento destes organismos. “Ten un sotobosque composto pola hedra. Podería parecer contraproducente, porque reduce a cantidade de luz solar que chega ao solo, pero a realidade é que axuda a manter a humidade”, explica.

Publicidade

Deste xeito, biodiversidade, microclima, estabilidade térmica e un sotobosque que favorece a retención da humidade son os elementos que se combinan para crear o fogar perfecto para estes organismos.

A laurisilva, un escenario especial

A Illa de Cortegada forma parte dun ecosistema denominado laurisilva. “É un bosque que evolucionou dende o terciario [unha era xeolóxica que comezou hai máis de 60 millóns de anos, e que hoxe se denomina Cenozoica], na que as especies botánicas se mantiveron inalteradas”, explica o investigador. Durante as glaciacións que experimentou o planeta na época seguinte, estes ecosistemas sobreviviron en certos lugares que presentaban un microclima estable e nos que había néboa de xeito habitual. “O nome do bosque alude ás follas das súas árbores características. Son similares ás do laurel e poden ‘recoller’ dita brétema e aproveitala”.

De la Peña conta que as laurisilvas poden atoparse en distintas partes do mundo. “As máis coñecidas son as da Macaronesia, en concreto as de Madeira e as Illas Canarias”, di o micólogo. Nestes ambientes danse unhas características que fan do bosque un escenario propicio a ter fungos en distintas épocas do ano. O investigador mesmo incide en que a humidade favorece amplamente a presenza de setas ou macrofungos, algo que, indica, non pasaría nunha carballeira, por exemplo.

As súas particularidades climáticas fan da Illa de Cortegada un espazo idóneo para a proliferación fúnxica. O micólogo sinala que dentro das lindes da illa chegan mesmo a presentarse especies típicas de climas tropicais, mediterráneos ou subalpinos. “Moitas das especies que se atopan en Cortegada non as hai no resto de Galicia”, asegura de la Peña. Estas condicións medioambientais favoreceron que a illa se convertera nunha sorte de santuario para a variedade fúnxica e que, como tal, sirva de exemplo para estudar os requisitos de conservación da biodiversidade.

Os xabarís, unha ameaza para a illa

Aínda que Cortegada é o espazo ideal para a preservación —e a consecuente investigación— de miles de especies, Saúl de la Peña pon o foco nun perigo que enfronta a flora da illa: “Hai moitos xabarís e iso impacta negativamente a biodiversidade da zona”.

“Calculei cantos porcos bravos podería haber por hectárea para que non causaran estragos na biodiversidade da illa. Só tería que haber medio, pero chegan a ser entre 15 e 17”, expón. O investigador incide na necesidade de reducir a presión dos xabarís en Cortegada a razón de protexer o seu ecosistema único.

‘Xylaria polyphaga’

A Xylaria plyphaga foi descuberta por de la Peña e descrita nun estudo da diversidade do xénero Xylaria nos bosques de laurisilva atlántica europea. Trátase da sétima especie nova para a ciencia achada na illa de Cortegada. Así, pasa a unha lista de honra xunto ás seguintes: Physalacria auricularioides, descrita en árbores do Atlántico Norte; Atheniella lauri, unha especie presente nas cortizas de laurel; Ramariopsis coronata, que recibe o seu nome por ser a única do seu xénero rematada nunha ‘coroa’; Pseudobaeospora cortegadensis; Calycina cortegadensis e Mollisia cortegadensis, ambas presentes en ramas mortas de castiñeiros e carballos. As tres últimas reciben o seu nome en referencia á illa na que se atoparon por primeira vez.

A elas únese agora a Xylaria polyphaga, unha das aproximadamente 300 especies da familia das Xylarias. Caracterízanse por degradar a madeira e atoparse en bosques de todo o mundo. “Este xénero adoita ter unha alimentación moi específica, pero esta en concreto puidemos atopala en diferentes tipos de substrato”, explica Saúl de la Peña.

  • 'Atheniella lauri'. Imaxe: Saúl de la Peña
  • 'Calycina cortegadensis'. Imaxe: Saúl de la Peña
  • 'Mollisia cortegadensis'. Imaxe: Saúl de la Peña
  • 'Physalacria auricularioides'. Imaxe: Saúl de la Peña
  • 'Pseudobaeospora cortegadensis'. Imaxe: Saúl de la Peña
  • 'Ramariopsis coronata'. Imaxe: Saúl de la Peña
  • 'Xylaria polyphaga'. Imaxe: Saúl de la Peña

O investigador resalta a importancia deste achado para a ciencia, dado que se trata dunha especie que conta con poucos estudos centrados en comprender o seu crecemento nas condicións específicas das laurisilvas atlánticas. “Este estudo describe 13 especies, das que oito son novas para a ciencia”, explica de la Peña. Entre esas novidades atópase a X. polyphaga identificada en Cortegada.

O micólogo recoñece que a súa investigación aínda non ten punto final. Hai varias especies, aínda sen nomear, que vai presentar coa publicación da súa tese, e tantas outras que agarda atopar en futuras visitas á illa. Cortegada é, nas súas palabras, un lugar moi especial para os micólogos de todo o mundo, e el ten a sorte de atoparse preto deste espazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves da NASA para observar a eclipse total de Sol do 12 de agosto

Galicia será un dos territorios europeos privilexiados para contemplar o fenómeno astronómico do ano a causa do paso da banda de totalidade polo territorio

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Setenta e seis segundos de asombro dende A Coruña: que ocorre na nosa mente durante unha eclipse total

O catedrático Fernando Vázquez analiza como o fenómeno astronómico do 12 de agosto esperta a sorpresa e crea unha experiencia compartida difícil de esquecer