O mundo animal é unha fonte infinita de coñecemento. É nas facetas máis cotiás, como no aleitar dos mamíferos ou no espiollar dos chimpacés, onde se observan as semellanzas entre humanos e outras especies. Estas similitudes chegan ata ás situacións máis complicadas: Álvaro Galán, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), presentou recentemente no XV Congreso da Sociedade Española de Cetáceos a súa investigación sobre arredor do dó en arroaces a partir de casos de femias que enfrontan a morte dos seus cachorros. A través da recompilación de rexistros, nos que se notifica que a nai acompaña ao corpo sen vida do seu cachorro durante días, permítese coñecer os comportamentos que leva a cabo a femia e que impacto deixa no corpo da cría, a fin de poder extrapolar a outros exemplares.
“Os cetáceos son animais cunha intelixencia moi desenvolvida”, sinala Galán, polo que en contextos concretos, como a morte dunha cría, son conscientes das emocións que sinten e deben pasar por un dó, como os humanos. Este tipo de comportamentos, como acompañar ao cachorro, forman parte dun proceso para asegurar que o exemplar está morto: “Busca rematar de entender o que sucedeu”, sinala o investigador. Neste contexto, a nai, tras pasar por un proceso de embarazo, deben procesar mentalmente o feito.
A metodoloxía deste estudo baséase na observación directa de nove casos de dó, dos que se puideron recuperar seis deles. Así, os investigadores puideron analizar as marcas que presentaban as crías —que permitían comprobar a existencia dunha situación de dó—: segundo os datos, o 63% dos cachorros varados (52 exemplares) rexistrados pola CEMMA dende 1990 teñen as mesmas marcas na cabeza dos analizados nesta investigación. Segundo Álvaro Galán, é un número “bastante elevado”.
A reacción dunha nai
As pistas que permiten coñecer cando unha nai de arroaz está a pasar por un dó son, por unha banda, que non se separa en ningún momento da cría e, por outra, que intenta afastarse da manda —”quere estar tranquila e non seguir o ritmo dos demais”, engade Álvaro Galán—, aínda que as interaccións con outros exemplares non cesan por completo.
O biólogo da CEMMA explica que, en ocasións, deben retirar os corpos dos cachorros falecidos da beira das súas nais, xa que resultan nun problema para a navegación, e é unha obriga lanzada dende as autoridades portuarias. É no momento da retirada cando atopan os principais retos: “Xérase unha situación de agresividade por parte da nai ou dos machos que están ao seu redor; se se trata de humanizar, poderíamos dicir que están protexendo o dó”, explica. Así, tamén os compañeiros son conscientes do que as femias pasan neste tipo de contextos vulnerables.
Este comportamento por parte dos arroaces pode durar entre tres e sete días. “Non facemos un seguimento diario, pero pode chegar a pasar ata unha semana dende que chega o aviso ata que o podemos ver”, explica. Ademais, asegura que o tempo xoga na súa contra, moitas veces a causa da descomposición dos corpos dos cachorros varados.
Un sinal claro na cabeza
Na súa investigación, Álvaro Galán non só constatou os patróns de comportamento das femias, senón que tamén analizaron os corpos dos cachorros. A conclusión principal é que os corpos das crías falecidas representan tamén o dó das dúas nais: “Teñen marcas na cabeza, xa que a nai empuxa o corpo cara á superficie para que colla aire e alongar a súa vida un pouco máis, aínda que a cría xa estea morta”, explica. Cos empurróns constantes, aparecen sinais arredor da cabeza, xa que roza a epiderme e provoca que, nalgunhas zonas da pel do cachorro, sobre todo na zona posterior da cabeza —tanto arriba como abaixo—, se presenten este tipo de cicatrices. Pero non é a única técnica que empregan.
Tal e como explica Galán, algúns exemplares varados presentan outros indicios de dó, como marcas de dentes, non tan sinxelas de observar. “É unha metodoloxía de análise fiable; é un fenómeno que non acontece só nas nosas augas, senón que se repite noutros sitios do mundo”, sinala o biólogo.
Unha humanización do arroaz?
Entón, pódese falar de dó nos arroaces? A resposta de Álvaro Galán é un “depende”: “O dó é un sentimento moi humano, pero os cetáceos, concretamente os odontocetos —grupo no que se atopa o arroaz— teñen unha intelixencia e cultura moi desenvolvidas”, apunta. Así, para afondar nesta liña de investigación faunística, a CEMMA continuará a traballar na súa Rede de Varamentos, recollendo este tipo de comportamentos e análises arredor das crías de arroaz.














