A provincia da Coruña lidera as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro cun 47,4% do total

Un informe do Observatorio Galego da Acción Climática revela o impacto das industrias enerxéticas fósiles no norte da comunidade

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe As emisións provinciais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2024), coincidindo co tramo final do cumio climático anual (COP 31). Baseado no máis recente inventario oficial de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, complementa outro informe do OGACLI sobre as emisións de GEI no conxunto de Galicia.

O documento revela que a provincia da Coruña concentra o 47,4% das emisións brutas (así denominadas porque non se inclúen as emisións e absorcións derivadas do uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura, nin se inclúen as emisións de CO2 bioxénico) de gases causantes de cambio climático en Galicia. Isto non se explica só polo seu peso na poboación e no PIB galegos, senón tamén por acoller as principais industrias enerxéticas fósiles: a refinaría de petróleo da Coruña e as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As  Pontes. Séguea Lugo co 22,4%, polo que un 70% das emisións territoriais galegas orixínanse no norte da comunidade.

Publicidade

As tendencias das cifras de emisión

As emisións de gases de invernadoiro de Galicia reducíronse o 42,2% en 2024 con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Esta baixada sustentouse na diminución nun 60% das emisións na provincia da Coruña, debida sobre todo á substitución do carbón na produción eléctrica. Lugo tamén reduciu as súas emisións, aínda que só o 17,4%, pola caída da actividade e a mellora do control das emisións de perfluorocarbonos na fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa.

Nas provincias do sur as emisións de GEI creceron, o 5,6% en Ourense e o 9,9% en Pontevedra, a provincia con peor desempeño climático.

As emisións por sectores

O transporte de persoas e mercadorías é o único sector onde subiron as emisións en todas as provincias entre 1990 e 2024, o que case aconteceu tamén no caso das emisións de orixe non fósil da agricultura e a gandaría, onde só en Ourense diminuíron. As emisións asociadas ao uso total de enerxía fósil nos sectores comercial e institucional, residencial e primario medraron en todas as provincias, agás en Pontevedra, debido á menor achega do sector primario. En canto ás emisións industriais e do tratamento de residuos descenderon de forma xeralizada.

O transporte lidera as emisións en todas as provincias galegas, agás en Lugo, onde o sector agrario e gandeiro é o maior emisor.

Os resultados do último ano estudado

Entre 2023 e 2024 as emisións de GEI de Galicia baixaron o 5,4%. A provincia da Coruña impulsou este descenso interanual, ao descenderen as súas emisións o 11,4%. A causa principal foi a diminución das emisións do sector enerxético, ao ter pechado a central de carbón das Pontes en 2023. No resto das provincias as emisións creceron lixeiramente (Ourense e Lugo) ou apenas baixaron (Pontevedra).

As emisións per cápita

Existen grandes desigualdades provinciais nas emisións per cápita. As máis elevadas son as de Lugo (11,4 t/hab), moi superiores á media galega (6,1 t/hab), o que se explica polas súas producións gandeira e de alúmina e aluminio. No extremo contrario colócase Pontevedra, con só 3,8 t/hab, sen apenas produción enerxética fósil, con emisións industriais e gandeiras relativamente baixas e que importa a maior parte da electricidade que consome.

A descarbonización do transporte, mediante a restricción do uso do vehículo privado, a mellora da oferta do tren e o autobús e a electrificación baseada en electricidade limpa, é a acción climática máis prioritaria común ás catro provincias galegas. Na Coruña salienta tamén a necesidade de acelerar o fin do sector enerxético fósil, mentres que na provincia de Lugo cobra especial relevancia o impulso da transición agroecolóxica.


Podes consultar o informe completo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación

Un epistolario inédito revela a rede feminista entre Galicia e Cataluña de principios do século XX

As cartas autógrafas que Micaela Chao Maciñeira enviou en galego á pedagoga catalá Francesca Bonnemaison permiten recuperar unha figura clave do feminismo

Nin se ve, nin se cheira, nin se nota: a ameaza silenciosa do radon

As concentracións dependen do lugar onde se atopa a vivenda, a ventilación, as características do edificio e os hábitos dos seus ocupantes. Por Diana Rodríguez Rodríguez

O canto dos xibardos, entre os sons da Terra da sonda Voyager 1 da NASA

A sonda alcanza o 18 de novembro de 2026 unha distancia dun día luz e transporta no seu Disco de Ouro unha selección de sons e imaxes representativas do planeta