Un epistolario inédito revela a rede feminista entre Galicia e Cataluña de principios do século XX

As cartas autógrafas que Micaela Chao Maciñeira enviou en galego á pedagoga catalá Francesca Bonnemaison permiten recuperar unha figura clave do feminismo

“A obra dos homes está comezando, e con ela a das mulleres”. Así se dirixe Micaela Chao Maciñeira, unha das mulleres máis relevantes na fundación das Irmandades da Fala, a Francesca Bonnemaison, importante pedagoga, escritora e feminista catalá, nun epistolario inédito, escrito en galego, que saca á luz o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Barcelona (UB). Nesta correspondencia aparece, por vez primeira, a sinatura de Chao, ao tratarse de cartas autógrafas. Detrás do achado está Helena González Fernández, investigadora desta institución, profesora titular de Estudos Galegos e Académica Correspondente da Real Academia Galega (RAG), quen atopou estes documentos por casualidade no Arquivo da Deputación de Barcelona.

Este conxunto epistolar, escrito entre 1917 e 1919, permite afondar nas redes feministas e culturais galego-catalás. Micaela Chao era muller de Antón Vilar Ponte, quen liderou a creación das Irmandades da Fala; con todo, máis que unha mera acompañante, buscou promover a posición das mulleres da nación e da lingua. Pola súa banda, Francesca Bonnemaison crea o Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona, enfocado na educación e a promoción da muller dende o catalanismo; iso era o que Chao quería levar a Galicia.

Publicidade

O seu primeiro encontro foi entre novembro e decembro de 1917 durante unha viaxe dos principais representantes do galeguismo a Cataluña pola Setmana Gallega de Barcelona. As citas dábanse nas principais institucións da cidade, e unha delas era o Institut de Bonnemaison, xa que “dentro desta viaxe a educación das mulleres era moi relevante”, sinala a investigadora Helena González. Aí foi onde se coñeceron: “Non aparece nas crónicas pero existe unha relación de complicidade política entre discípula e mestra”. Por iso, nas cartas pódese ler por parte de Micaela Chao “Miña señora e mestra”, antes de pasar a un “Miña dona e grande amiga”.

Un achado sorprendente

“Os azares dos arquivos sempre nos dan alegrías”, anuncia cun sorriso Helena González Fernández. A procura dunha traducción de María Antònia Salvà —a tradutora máis importante de Mallorca e primeira poeta en catalá— levouna a afondar na figura de Bonnemaison no Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona. Con todo, un erro fixo que solicitara a petición de consulta da documentación ao Arquivo da Deputación da cidade. “Estas referencias non son de aquí, pero temos algo que che pode interesar”, dixéronlle.

Grazas á súa capacidade de recoñecer o valor e á labor da arquiveira do fondo Bonnemaison puideron atopar ouro. Foi case no momento cando a investigadora foi consciente do que tiña diante e, tras a consulta con especialistas como Emilio Xosé Ínsua —experto na figura de Micaela Chao Maciñeira—, confirmouno: “É a primeira vez que podemos ver a súa letra; non se conservan apenas documentos”.

Entre os puntos máis impactantes da súa correspondencia están os idiomas: as cartas de Chao están escritas en galego, e Bonnemaison contéstaas en catalán. “Hai unha defensa da lingua moi clara; en vez de falar na lingua común, o castelán, cada unha escribe na súa lingua porque saben que é posible ter comunicación”, explica a experta. Así, este achado revela unha parte importante da personalidade de Micaela Chao, ademais de, en palabras de Helena González, “repensar mellor a historia do feminismo galego“.

  • Carta autógrafa de Micaela Chao Maciñeira a Francesca Bonnemaison, 7/7/1918. Na revista Abriu, 15, 2026. Fonte: Arxiu General de la Diputació de Barcelona.
  • Carta autógrafa de Micaela Chao Maciñeira a Francesca Bonnemaison, 7/7/1918. Na revista Abriu, 15, 2026. Fonte: Arxiu General de la Diputació de Barcelona.

Chao e Bonnemaison: dúas nacionalistas feministas

Micaela Chao e Francesca Bonnemaison son dúas nacionalistas feministas que se envían cartas de Galicia a Cataluña coa vontade de unir os dous países. A investigadora da UB sinala que se coñecían viaxes do galeguismo a Barcelona a comezos do século XX, e viceversa, como a coroa ofrecida polos cataláns ao monumento de Rosalía de Castro en Santiago de Compostela; con todo, non existían evidencias dun activismo como o destas figuras femininas.

Entre os temas que trataban nas súas cartas destacan a educación e a cultura como ferramentas fundamentais da emancipación feminina. O Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona xorde para formar ás obreiras con información básica e ás que xa contaban con certo nivel de cultura, para que aprenderan máis. Na súa correspondencia con Bonnemaison, Micaela Chao diferenza entre dous tipos de mulleres por condición de clase, como explica Helena González: as mulleres, de clase media, e as obreiras; tamén distingue ás viúvas de migrantes. “Todas pódese dicir que todas senten a patria e aquí somos pola causa da emigración (mal moi adentrado na nosa terra) unha gran forza sen apoio. ¡As viúvas dos vivos que falou Rosalía!“, escríbelle a Bonnemaison.

Ademais, a de Ortigueira amosa a súa parte máis humana a través da súa letra, compartindo coa súa amiga ideas e propósitos: a súa vontade de crear unha agrupación de mulleres na Coruña, cóntalle que sempre lle vai falar en galego á súa filla e reflicte con detalle a súa colaboración na organización dun concerto de música galega na Setmana Gallega de Barcelona. “É o único xeito que temos para saber o que pensaba de primeira man”, subliña a Académica Correspondente da RAG.

Un pouco de Galicia na Cataluña do século XX

Na correspondencia ambas as mulleres reflicten tamén o interese por dar a coñecer a cultura galega en Cataluña, especialmente a través da música coral. Aí reside a importancia da Setmana Gallega de Barcelona, sete días repletos de actividades enfocadas cara ás soft politics, coa cultura coma fin política. Nunha destas cartas aparece referenciado este concerto de música galega, que sería interpretado polas coristas do Institut de Bonnemaison, e na que a catalá solicita as partituras e os cantos populares. “É moi interesante porque as que as interpretan son mulleres que nada teñen que ver con Galicia“, apunta a investigadora. Así, antes de cantar, recítanse unhas traducións en catalán de María Antònia Salvà das obras en galego: “A música permite que moita xente entre pola emoción en contidos políticos e xeran unha empatía con Galicia”, engade.

Micaela Chao Maciñeiras. Foto: Wikimedia Commons
Micaela Chao Maciñeiras. Foto: Wikimedia Commons

Escaso coñecemento

A pesar do seu papel na fundación das Irmandades da Fala e na creación da súa Sección Feminina, Micaela Chao Maciñeira segue a ser unha figura esquecida. “A historia oficial facíase en clave masculina ata fai moi pouco”, apunta Helena González. Así, explica que a documentación pública que existe sobre mulleres é escasa ou está nesgada, xa que quen escribía nos xornais da época non consideraba importante o seguimento das actividades das mulleres como Chao ou Bonnemaison. Na actualidade, a experta sinala que os arquivos permiten rescatar de documentos “privados” —en realidade, estas cartas líanse cunha comunidade de mulleres arredor— as relacións e influencias que ata agora non se podían comprender.

Máis aló da personalidade: o estudo do contexto

Máis aló do biográfico, a correspondencia entre Micaela Chao e Francesca Bonnemaison permite investigar como funcionan os afectos e as redes que contaban con pouca consideración, e agochan a complicidade da labor de dúas mulleres separadas por quilómetros. “Unha vez máis, demóstrase a capacidade feminina para facer política empregando as ferramentas necesarias”, conclúe a investigadora Helena González Fernández dende Barcelona.


Referencia: From Micaela Chao Maciñeira to Francesca Bonnemaison: Unpublished correspondence, and in Galician (Publicado en Abriu)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nin se ve, nin se cheira, nin se nota: a ameaza silenciosa do radon

As concentracións dependen do lugar onde se atopa a vivenda, a ventilación, as características do edificio e os hábitos dos seus ocupantes. Por Diana Rodríguez Rodríguez

O canto dos xibardos, entre os sons da Terra da sonda Voyager 1 da NASA

A sonda alcanza o 18 de novembro de 2026 unha distancia dun día luz e transporta no seu Disco de Ouro unha selección de sons e imaxes representativas do planeta

Un asteroide chamado Compostela: Galicia suma unha nova cidade ao Sistema Solar

O corpo celeste foi descuberto en 2017 por dous astrónomos dende Letonia e está situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter

Coñece ‘Chama’, o mapa interactivo que explora os incendios que arrasaron Galicia dende 2018

A aplicación creada pola deseñadora de información Isabel Burón analiza parámetros como os focos de calor, a superficie queimada ou a velocidade de propagación