“É que Deus non fala galego?” O estudo que alertou do declive do idioma en 1974

Unha investigación sociolingüística con 600 amas de casa pontevedresas recuperado polo Consello da Cultura Galega revela o peso da Igrexa, da clase social e do ámbito doméstico na substitución lingüística

No ano 1974, o 87% das amas de casa da provincia de Pontevedra rezaban en castelán e ao 96% predicábaselles tamén nesa lingua. Estes datos proceden do índice de Las familias de la provincia de Pontevedra en 1974, unha investigación sobre os usos lingüísticos das familias pontevedresas, centrada especialmente no papel das mulleres na transmisión do galego.

Este documento intégrase no proxecto Sextina do Consello da Cultura Galega, unha iniciativa que se desenvolve cada seis meses co obxectivo de dar visibilidade a libros e documentos pouco coñecidos dos fondos do Centro de Documentación de Igualdade e Feminismos (CIDF).

Publicidade

Trátase, concretamente, dunha investigación promovida polo Instituto de Ciencias da Familia de Sevilla (INCIFA) e a Universidade de Notre Dame (Indiana). Xa a finais do século XX se estudaba a perda de falantes do galego, e este traballo convértese nunha valiosa fonte de datos sobre os usos do galego como lingua vehicular por parte das nais de familia.

Con todo, dende unha perspectiva nesgada, o texto atribúe ás mulleres unha elevada responsabilidade na transmisión e conservación da lingua galega. Para conseguir os resultados, a investigación contou coa participación de 600 entrevistadas e destaca cifras como esta: “86 de cada 100 amas de casa da provincia de Pontevedra séntense máis galegas que españolas”, sinala o documento.

Publicidade

“A Igrexa en Galicia non predica en galego”

No momento en que se realizou o estudo, a Igrexa constituía o servizo máis próximo e accesible para as amas de casa da provincia de Pontevedra, por riba doutros recursos como a biblioteca pública, a clínica, as cabinas telefónicas ou as instalacións deportivas. Tres cuartas partes das amas de casa pontevedresas autodefiníanse como “católicas ferventes”. Ademais, nas poboacións con menos de 4.000 habitantes, o cura era a persoa máis importante da localidade e aquela na que máis confianza depositaban.

Con todo, só unha de cada 33 amas de casa escoitaba as oracións en galego, e apenas unha de cada oito rezaba neste idioma. Ante estes datos, os autores do estudo móstranse moi críticos e formulan a seguinte pregunta: “É que Deus non entende o galego? Evidentemente non se trata diso. Senón de algo moi triste”. Deste xeito, atribúen á Igrexa en Galicia a responsabilidade de incumprir a súa propia doutrina de respecto polas linguas dos pobos aos que debe evanxelizar.

Bilingüismo individual: cal era o idioma B?

No ano 1974, o 76% das amas de casa sabía falar tanto galego como castelán, mentres o 16% só falaba galego e o 4% unicamente castelán. Segundo sinalan os investigadores, ambas as linguas eran transmitidas como linguas maternas. Con todo, o galego pasaba a ocupar o papel de idioma B en Galicia, unha situación que garda semellanzas coa actual: rezábase, líase, escribíase e predicábase en castelán, mentres que o galego quedaba relegado ao ámbito doméstico e á comunicación entre veciños.

Deste xeito, cada lingua tiña, en termos xerais, os seus propios ámbitos de uso: o galego predominaba no uso oral, mentres que o castelán o facía no uso escrito; o galego na aprendizaxe oral e o castelán na literaria; o galego no doméstico, e o castelán no resto dos espazos da vida cotiá. Esta distribución era especialmente evidente no ámbito escolar e nos medios de comunicación de masas, nos que o castelán exercía unha clara hexemonía.

Dependencia da clase social

“Canto máis diñeiro se ingresa ao mes, menos se fala galego”, sinala literalmente o propio índice do documento. Segundo os datos recompilados polo Instituto de Ciencias da Familia de Sevilla, arredor de 1974 máis da metade dos unilingües en castelán tiña automóbil, televisor e frigorífico. Pola contra, só o 1% dos unilingües en galego contaban con estes tres bens.

As diferenzas tamén se reflectían no acceso aos servizos básicos. Catro de cada cinco amas de casa galegofalantes non tiñan baño nin ducha, mentres tres de cada catro amas de casa castelanfalantes dispoñían destes servizos dende 1964, é dicir, dez anos antes da redacción do estudo. Ademais, nove de cada dez mulleres galegofalantes traballaban no campo, fronte ás catro de cada dez castelanfalantes.

Así, o estudo realiza unha conclusión no apartado3.10, significativamente titulado O negro futuro inmediato do idioma galego. Porén, ese “futuro inmediato” semella prolongarse ata a actualidade, acompañado das mesmas advertencias que preceden o título: “Malas, moi malas son as perspectivas inmediatas do idioma galego” e “O galego perde forza na poboación a medida que esta é máis nova”.


Podes consultar Las familias de la provincia de Pontevedra en 1974 Galego familias pontevedresas na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos crean unha ferramenta dixital para mellorar a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar

A creación do CIM-UVigo permite identificar riscos que afectan ao futuro do recurso mariño, actualmente en situación crítica

Ata 44 toneladas de metano ao ano: así deixa a súa pegada o gas no fondo da ría de Vigo

Un novo estudo revela que este composto pode achegar un terzo do carbono presente nas cunchas de microorganismos bentónicos

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas