Chega a chuvia e comeza a cheirar a outono. E o outono a que cheira? A castaña. Pero, antes de comelas, toca recollelas do chan. A forma de refererise a esta acción cambia moito segundo na zona de Galicia onde se atope cadaquén, e así o recolle o Atlas Lingüístico Galego (ALGa) do Instituto da Lingua Galega (ILG), que amosa a riqueza do galego a través de 47 palabras e expresións que fan referencia a recompilar castañas. Así, algunhas das formas máis empregadas son soutar —repartida no interior-leste da provincia de Lugo—, apaña-las castañas —sur da provincia de Pontevedra, Costa da Morte, A Coruña, Betanzos— e ir ó rebusco —Ourense, Vigo, Redondela e sur da provincia de Lugo—.
En Lugo e Ourense, aparecen conceptos como soutar, soutexar e rabuscar, así como andar ó rebusco ou rebuscar no souto. Por outra banda, na Coruña fálase de apañar, apañar castañas ou mesmo apañar nas castañas, tres formas moi semellantes procedentes do mesmo palabro. Por outra banda, en Pontevedra hai formas máis complexas e locais, como rabusco, soutear e ir ás castañas.
Formas únicas
Máis aló das formas habituais, existen palabras e expresións que se atopan tan só en determinados puntos do mapa. Por exemplo, andar ó achou nunha localización puntual de Ourense, así como rebuscar o souto ou coller castañas. Por outra banda, na Mariña lucense aparecen casos como ir pillar ou andar ó soutelo. Escarchar aparece no límite entre Pontevedra e A Coruña, mentres que a expresión mira-lo rastrelo e estonar chegan á ría de Muros e Noia.













