Sen voz pasiva nin frases longas: as pautas que propón unha tese para redactar textos sinxelos en galego

Cristina López Canabal elabora unha guía para facer máis comprensible a literatura mentres se afasta dos estigmas sociais en torno ás obras adaptadas

Abrir un libro e pasar as próximas horas inmersa no seu mundo de tinta e ideas é o pasatempo ideal para calquera amante da lectura. Así e todo, este pracer tórnase unha experiencia complexa e incómoda para moitas persoas que, por unhas ou outras cuestións, vén o texto como un enigma que loita por non deixarse descubrir. Esta situación non afecta só os momentos de ocio, senón calquera actividade que requira ler, en especial aqueles contidos cunha certa lonxitude, como documentos oficiais, artigos xornalísticos ou novelas. Para facilitar o acceso á literatura —en especial, a aquela escrita en galego—, a investigadora do grupo BiFeGa da Universidade de Vigo Cristina López Canabal presenta a través da súa tese a proposta Lectura Sinxela +, que reúne pautas deste tipo de redacción creadas especialmente para a lingua galega.

A investigación, que foi dirixida pola filóloga Silvia Montero Küpper, analiza a oferta literaria adaptada en España. A partir desa observación do contexto actual, propón unha serie de regras tanto para a lingua castelá (sistema que denomina Lectura Fácil +) como para a galega (Lectura Sinxela +). As pesquisas de Cristina López lévana a determinar que o sector editorial de Lectura Sinxela en Galicia é moi dependente das indicacións do mercado español, e que a creación —non a adaptación— no idioma galaico é, no momento de redactar a súa tese, nula.

Publicidade

Que é a Lectura Sinxela +?

A autora define a Lectura Fácil (LF) como unha forma de simplificar a linguaxe a través dunhas características moi concretas para volvela accesible a todas as persoas. “Cando fixen o meu traballo de fin de mestrado en 2019, ninguén falaba da Lectura Fácil. Ía facer unha tradución do alemán ao español, e atopei unha web de alí que tiña unha sección adaptada. Nin sequera sabía se iso existía en castelán”, conta Cristina López.

Sinala que a idea da Lectura Sinxela + naceu na Universidade de Hildesheim, en Alemaña, onde propuxeron a Leichte Sprache Plus (lectura fácil plus), que consiste nun nivel de dificultade intermedio entre a chamada linguaxe clara (un estilo de comunicación deseñado para priorizar a comprensión sinxela por parte do público xeral) e a Lectura Fácil.

Publicidade

A investigadora sinala que ese achado casual foi o que a impulsou a profundar no tema. Confirmou que si existían unhas pautas de LF en España, pero non contaban coa difusión axeitada. “No 2018 aprobouse a norma UNE da Lectura Fácil, pero aínda non callara cando comecei coa tese. Pouco a pouco colleu máis forza en español, pero en galego aínda non había guías nin manuais propios, só se adaptaba a normativa do castelán“, sinala a filóloga.

O uso de Lectura Sinxela no contexto galego

A investigadora estuda 432 casos de obras que seguen as pautas da Lectura Fácil. Destes, 145 son adaptacións á LF en español, 78 á catalá, 18 ao euskera, dúas ao inglés, dúas ao aranés e unha ao valencián. Tan só 15 son interpretacións en galego. Os 171 casos restantes non son adaptacións (doutras linguas ou sistemas, como a linguaxe literaria de publicación orixinal), senón creacións que nacen directamente en LF. Todas estas obras son en español e catalán; a autora non puido rexistrar ningunha peza galega redactada dende un primeiro momento nesta forma literaria.

As pesquisas de López Canabal permitíronlle confirmar que non hai un consumo xeneralizado da Lectura Fácil, situación que atribúe á baixa rendibilidade económica e a estigmatización cara a estas publicacións. Determina, ademais, que a maior parte dos textos publicados en LF son traducións do español estándar, mentres que a creación neste sistema de comunicación é mínima, cando non nula, como é o caso do galego.

A filóloga sinala que é moi importante achegar unha guía de referencia baseada propiamente na lingua de Galicia, non nunha adaptación dende outros idiomas. “Hai moitas pautas do castelán que non se reflicten directamente no galego, así que non sempre se poden tomar as normas da UNE como base”, reclama a autora. Conta que o máis habitual é tomar un texto en español e adaptalo a Lectura Fácil e, a continuación, traducir do castelán LF ao galego LF.

A quen vai dirixida Lectura Sinxela +?

Cristina López explica que o público obxectivo desta iniciativa é aquel ao que “a Lectura Fácil lle queda frouxa, pero a linguaxe estándar é demasiado complexa”. Sinala que é unha categoría ampla na que encaixan diferentes perfís: “Persoas normotípicas sen hábitos de lectura ou cun nivel de comprensión lectora reducido, persoas con capacidades cognitivas baixas ou moderadas, entre outros públicos”. Diferentes patróns poden beneficiarse desta proposta. Pon o exemplo das dúas persoas que a axudaron a validar o seu método, ambas asociadas ao Laboratorio de Linguaxe do Porriño: “Foron un alumno de 20 anos con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e unha muller de 44 anos con epilepsia refractaria. Ela toma moita medicación que limita a súa capacidade de comprensión “.

De xeito tradicional, López Canabal conta que a poboación neurotípica amosa rexeitamento cara ás publicacións que recoñeza como de Lectura Fácil. Esta reacción, explica a autora, provoca que aquelas persoas que precisan este tipo de texto sintan vergoña, o que pode limitar a confianza e o uso desta ferramenta. Para iso nace a súa guía de pautas de Lectura Sinxela + (plus indicando un grao de dificultade superior á LF estándar): permitirá empregar unha linguaxe comprensible para persoas con dificultades lectoras, pero que, á par, non amose riscos característicos da LF (como o tamaño da tipografía ou o uso de tipos específicos de xustificación do texto).

As pautas para a redacción en Lectura Sinxela +

A iniciativa da investigadora aborda diferentes aspectos da linguaxe: vai dos tempos verbais ao léxico e as estruturas gramaticais. “Unha das normas que propoño vai sobre a da utilización do futuro do subxuntivo, que é un risco lingüístico que non se atopa no castelán común”, sinala Cristina López. A filóloga determina que este tempo verbal, do mesmo xeito que o infinitivo conxugado, se empregarán nos mesmos termos que no galego estándar máis habitual. Así, o futuro do subxuntivo só se mantería nas frases feitas.

“A nivel de redacción, propoño apostar polo sinxelo, por unha estrutura de suxeito, verbo e predicado, cunha sintaxe pouco rebuscada. Tamén se evitan as frases longas e as pasivas“, apunta López Canabal. A nivel léxico, a autora busca no CORGA (Corpus de Referencia do Galego Actual) e no CORILGA (Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega) os termos que se denominan como ‘vocabulario central’. “Son as palabras coñecidas que se usan de xeito diario e que, polo tanto, entende a maior parte da poboación”, explica a filóloga. Resalta, ademais, que sempre priorizará o uso de termos galegos sobre castelanismos.

A parte visual dun texto de Lectura Sinxela

Unha adaptación non só aborda os contidos dun documento, senón tamén o seu aspecto. Esta vertente do sistema ten especial relevancia para a iniciativa que propón a tese de Cristina López, pois unha das súas razóns para elaborar a guía plus é fuxir do estigma que acompaña a Lectura Fácil. A investigadora sinala que a LF usa glosas á marxe do texto para resolver cuestións ou establecer matices, pero isto permite identificar facilmente un documento que emprega este tipo de redacción. Por iso, coa proposta Lingua Sinxela + utilízanse aclaracións a pé de páxina, como na linguaxe estándar.

Tamén escolle a tipografía en función da súa estética: “Debe ser un tipo de letra fácil de ler, como Arial, Calibri ou Times New Roman. Non baixamos do tamaño 12, agás nas aclaracións dos pés de páxina, que poden chegar a 10. Tamén evitamos a cursiva, tratamos de non mesturar as tipografías e mantemos unha duración constante —dunhas cinco a seis liñas— nos parágrafos.”

Outro dos grandes indicadores do sistema LF é a aliñación á esquerda. Na súa proposta plus, a autora sinala que debe evitarse esta escolla e, non seu lugar, haberá que xustificar o texto do mesmo xeito que na linguaxe estándar, coa fin de reducir os identificadores que poidan sinalar que unha obra é de Lectura Fácil.

Libros xuvenís e clásicos, a oferta maioritaria

“Hai moitos autores que non queren ser adaptados; senten que iso profana a súa obra“, declara Cristina López. A investigadora explica que, por ese motivo, o que máis se traduce a Lingua Fácil son obras cuxos dereitos de autor xa expiraron. “A maioría dos títulos de LF son clásicos. Un dos meus obxectivos é establecer pautas para permitir adaptar textos máis modernos a Lingua Sinxela +”, asegura a filóloga.

Conta que como parte da súa tese realizou unha adaptación de A lingua das bolboretas, de Manuel Rivas, a Lingua Sinxela +. “Cando fixen a valoración co Laboratorio de Linguaxe do Porriño, quedaron moi sorprendidos con Rivas. Gustáballes estar vinculados a un entorno máis actual, e non limitarse a que o único que tiveran accesible foran clásicos como, por exemplo, o da Cincenta“, declara Cristina López.

Puido identificar tamén que o xénero maioritariamente adaptado é o infantil e xuvenil, o que reforza o estereotipo de que a Lectura Fácil está dirixida, en exclusiva, aos públicos máis novos. Tamén percibiu unha escaseza importante de poesía e teatro. Di que isto podería estar relacionado coas dificultades de traducir a linguaxe máis literaria e metafórica destes formatos, fronte ás facilidades que achega a prosa menos elaborada da literatura infantil.

Accesibilidade e visibilización, na loita por entrar no mercado

“Creo que un dos aspectos máis importantes da tese, na súa vertente galega, é a visibilización. Pensamos que o galego está normalizado, pero isto é totalmente falso. Lectura Sinxela + fomenta o uso dun vocabulario máis enxebre, cunha sintaxe propia, e non adaptada do castelán”, explica Cristina López.

A súa tese estará dispoñible en marzo de 2027, cando se poderá acceder á súa investigación e as pautas que resultaron da mesma. Mentres, a filóloga conta que se atopa no proceso de contactar con editoriais coa esperanza de poder publicar o relato adaptado d‘A lingua das bolboretas e, con iso, achegar o disfrute da lectura a un público máis amplo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma