Primeira confesión: xa non teño sitio na casa para máis libros. Algúns están almacenados á espera de atoparlles o lugar que merecen porque non só son obxectos de decoración, senón o recordo dunha viaxe; de lembranzas ficticias que integrei na memoria como se fosen miñas. Ler é o refuxio ao que sempre podo volver.
Segunda confesión: cada vez cústame máis concentrarme na lectura. Esta semana decateime de que dá igual que lea en papel ou no libro electrónico: o móbil sempre está ao meu carón. Por moi dentro que estea da historia, cando vexo como se ilumina a pantalla cunha tenue luz morada, sei que teño unha notificación. Pauso a viaxe e volvo ao presente. E no momento en que abro o WhatsApp arrepíntome de ter parado a lectura, mais é un impulso que non podo controlar.
E non falo xa desa forma inconsistente de ler no ordenador e no móbil. Vou saltando de liña en liña, de parágrafo en parágrafo, sen parar. Quedo con ideas xenéricas polas présas. Unhas présas que na maior parte dos casos non están xustificadas. Non me resulta doado recoñecer esa perda evidente de atención. Eu, que sempre tiven o fociño entre libros e que non concibo a vida sen ler.
Estas reflexións son froito dunha introspección incentivada polo último informe PISA, no que se avalían as competencias científicas, matemáticas e lectoras de alumnado de Secundaria de 80 países. Os resultados son desalentadores porque certifican un pronunciado descenso en todas as competencias. En Galicia, a peor parada foi a comprensión lectora, que caeu 31 puntos en só tres anos. En ciencia e matemáticas estamos por enriba da media española, pero a puntuación tamén descendeu con respecto a 2022.
En resumidas contas, estanse perdendo competencias. Mais o contexto é importante, porque esta brusca caída non está a acontecer só en Galicia, senón tamén en España e no resto do mundo, incluíndo países que sempre lideran a clasificación, como Xapón.
A seguinte pregunta é: cales son as causas? Durante un par de días, todos os medios de comunicación se abalanzaron a analizar os motivos detrás dos pésimos resultados. Despois, por cuestións políticas e sociais, o asunto desapareceu das portadas e, por tanto, das reflexións colectivas. Entre as opinións, a do pedagogo José Antonio Marina en La Hora de la 1 fíxome pensar: “A cultura actual está en contra da escola”. Fixo mención a ese “scroll infinito” que nos perde durante horas nas redes sociais e alimenta, sen que moitas veces nos decatemos, a falta de atención e a concentración. Pero iso, pensei, non só é cousa de adolescentes nin de nenos, senón tamén de adultos.
Outra das análises máis interesantes foi a de Montserrat Castro, profesora da Universidade da Coruña. Estableceu unha longa relación de factores que poden estar relacionados cos resultados de PISA. Entre eles, a falta de recursos humanos, a presión familiar e académica e o uso de metodoloxías mecánicas. “Aplicamos a nenos e a nenas do século XXI metodoloxías do XX”, declarou. Talvez deberiamos adaptarnos aos cambios sociais? Adaptar a escola á realidade innegable da falta de atención e concentración alimentada polas plataformas dixitais? Como se reverte unha situación que tan só parece que se agrava?
O certo é que analizando as preguntas do informe PISA, en concreto a de comprensión lectora, os resultados asustan. Anímovos a que a probedes vós e reflexionedes sobre o que está pasando. O meu obxectivo non é buscar unha solución, non son xestora, nin pedagoga, nin experta na materia, pero si creo que é importante trasladar esta polémica ao debate público. Pero non a un debate efémero que quede eclipsado por outros temas de actualidade, senón que leve a pensar en profundidade que está acontecendo e que cambios se deben poñer en funcionamento.
Sylvie Pérez Lima, psicopedagoga na Universitat Oberta de Catalunya, di o seguinte: “O 76,8% das persoas de entre 14 e 24 anos declarou ler libros por lecer”. Son datos de 2025 e para a experta certifican que a caída na comprensión lectora non se debe a un menor interese, senón á aparición doutras formas de consumir textos escritos. Pon sobre a mesa os retos que expoñen os contextos dixitais de lectura e descarta esa frase tan empregada nos últimos días de que os adolescentes “non saben ler”. O problema non reside, máis ben, na dificultade de reflexionar sobre o lido, de extraer o relevante e a falta de concentración en textos longos e sostidos? Mais non é iso o que nos pasa tamén aos adultos?
Outro dos grandes debates arredor de PISA foi o uso da intelixencia artificial e de como pode modular a aprendizaxe. O asunto non pode estar de máis actualidade, despois de que un extraballador de Anthropic asegurase que a IA pode acabar cos humanos nunha década. É máis, a compañía recoñeceu que freou posibles intentos de crear armas biolóxicas con IA. Pero máis alá desta liña de conversación, PISA revelou que o alumnado español era o que máis a usaba para estudar e que, aínda así, non melloraba o seu rendemento. Abriuse, entón, a polémica. Mais non creo que o problema radique nas novas tecnoloxías, senón na forma de usalas. Tamén deu medo a primeira vez que os Lumière proxectaron as imaxes en movemento dun tren e o seu auditorio pensou que o ferrocarril os ía atropelar.
A este respecto, a reflexión da investigadora Margarida Romero en The Conversation é especialmente interesante: “Nun mundo no que obter unha resposta é cada vez máis fácil grazas á intelixencia artificial, aprender segue esixindo pensar, manter o esforzo cognitivo e regulalo ante tarefas complexas”. A IA irrompeu, si, pero o proceso de aprendizaxe é o mesmo. E un dato que non debe escapar: a caída nos resultados de PISA vén de lonxe, moito antes de que se xeneralizasen Gemini e ChatGPT.
De entre todos os debates que se poden abrir ao respecto, hai un que me xera satisfacción. Si, esta é a miña terceira confesión. Cando se igualan as condicións económicas entre o alumnado —é cousa miña, ou todo é cuestión de diñeiro?—, a educación pública obtén mellores resultados que a privada. E Galicia é a comunidade autónoma mellor parada. Que importante é abrir este debate, de non perder o tesouro que supón unha educación pública para todos e para todas, que iguale as condicións sociais, que dea oportunidades sen importar o contexto socioeconómico. Eu, que son filla da pública, que estou moi orgullosa do meu colexio, do meu instituto, do profesorado que me formou.
Pero gustaríame engadir un matiz: unha educación pública de calidade. A reivindicación dos profesores e profesoras que saen unha e outra vez á rúa para mellorar as condicións do seu alumnado, poder atender a diversidade e reducir as ratios. Estou rodeada de docentes e o seu traballo é encomiable. Non educan só alumnos, senón persoas. E dificilmente se pode conseguir sen recursos.
O informe PISA dá pé a unha infinidade de reflexións e liñas de debate abertas. Pero tamén induce a pensar no papel que os adultos desempeñan na formación dos máis cativos. Tampouco se poden esquecer as obrigas dun mundo acelerado, de condicións precarias de traballo e horarios interminables, onde non todos se poden permitir sentar cos seus fillos a lerlle Sempre te quererei. Ese foi o primeiro libro que recordo. Grazas, papá.
Non podo chegar a ningunha conclusión. Oxalá. Só podo intentar incitarte a que reflexiones, como o conseguiu Pepa Bueno comigo esta semana. Pechou o informativo con seis segundos de silencio e, a continuación, alegou que se fan “eternos” nun mundo de atención constante ás pantallas. Díxoo en relación aos resultados do informe PISA para, despois, dar paso a unha imaxe dun lago entre montañas na que non pasaba nada. Observei a televisión sen présa, con calma. Pepa Bueno dixo que estamos acostumados a que sempre pase algo. E é verdade.
Recomendación semanal 🪶
Unha das actividades que descubrín recentemente e que conseguen abstraerme do mundo e capturar por completo a miña atención é facer maquetas. A primeira téñoa como separador da miña colección de libros clásicos e teño outra a medio facer sobre un invernadoiro. Comparto convosco un dos meus recunchos favoritos.

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.















