Detrás do ‘biotech’ galego

Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea, 

Esta semana descubrín que Bilbao non é só unha cidade preciosa e cunha arquitectura maxistral —non é que sexa unha experta, pero coñecer a existencia dos ‘fosteritos’ bilbaínos chamoume a atención—, senón que é unha das rexións con maior desenvolvemento en biotecnoloxía do sur de Europa. Si, biotecnoloxía, o uso industrial da bioloxía. Ademais, Euskadi foi pioneira en impulsar unha estratexia específica para o sector, formado por máis de 300 empresas. Nisto parécese moito a Galicia, cun sector biotech considerado por moitos como un sector consolidado. Esta é a explicación pola que a comunidade estaba presente en BioSpain 2026, un dos maiores eventos de biotecnoloxía de Europa, ao que tiven o pracer de asistir con GCiencia como media partner.

Publicidade

Era a primeira vez que ía a un encontro destas dimensións, e o Bilbao Exhibition Centre era enorme; poderías facer unha maratón rodeándoo e percorréndoo por dentro. O martes 29 de setembro recollín a miña acreditación e penetrei no mundo da biotecnoloxía: relatorios, casetas, salas de reunións. Alí puiden coñecer o stand da Delegación de Galicia, sen dúbida un dos máis grandes do recinto; ao seu carón, o grupo biofarmacéutico Zendal, tamén representando. As dimensións deixaban clara unha cousa: a biotecnoloxía é un sector cheo de oportunidades para Galicia. Sempre había xente pedindo información ou escoitando os relatos dos investigadores galegos sobre as numerosas iniciativas ligadas ao sector. Podes coñecer especificamente a presenza galega nesta reportaxe que escribín desde a sala de prensa de BioSpain.

Escribir todas as entidades galegas presentes en BioSpain faría disto unha newsletter de media hora de lectura, pero os principais representantes foron a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e BIOGA, alén de Zendal. Estaban presentes os oito clústeres galegos, oito institutos tecnolóxicos, 10 centros de investigación da Rede CIGUS, catro centros asociados ao CSIC, cinco fundacións de investigación sanitaria e as tres universidades públicas galegas.

Publicidade

Unha das actividades máis interesantes que ofrecía a caseta eran 16 relatorios que viraban ao redor de proxectos e empresas galegas ligadas ao ámbito da biotecnoloxía: a rede transnacional MARINNONET; ou CETIM e ou papel dá transformación de residuos en produtos; ou ou IIS Galicia Sur e ou proxecto OCTOPUS —do que xa nos fixemos eco en GCiencia—. Ademais, tiven a sorte de poder sentar a falar con Sandra Rellán, coordinadora de I+D+i de ANFACO-CYTMA, sobre biotecnoloxía azul e a súa aplicación na alimentación e a saúde. Aquí tes a miña conversa con ela.

Pero, alén de proxectos interesantes, Galicia tamén é pioneira. Por unha banda, ten proxectos en marcha como a factoría de intelixencia artificial 1HeathAI do CESGA, que será a segunda que se vai a construír en España. Por outra, destaca en ensaios clínicos, algo que se fai evidente con empresas como Zendal e a súa vacina para a tuberculose MTBVAC.

BioSpain 2026.
BioSpain 2026.

Como conclusión, houbo unha frase que me dixo Sandra Rellán que me quedou especialmente gravada: “Estamos a nivel para competir cos mellores o mundo”. E penso que algo de razón ten. Isto tamén o percibían os outros xornalistas que foron cubrir BioSpain: as dimensións da stand de Galicia e os programas interesantes que teñen de investigación, como Oportunius, foron algunhas das cousas que máis me repetiron despois de cualificarme como “Andrea ‘la gallega’” —había outra Andrea, claro—.

Pasemos aos temas da semana!


⚫️ Unha Nobel na USC 👩🏻‍🔬 Esta semana estivo chea de corresponsais en GCiencia. Mentres eu estaba en Bilbao, Noelia acudiu a Santiago para escoitar a Anne L’Huillier, gañadora do Premio Nobel de Física de 2023. Falou da attofísica e de ser muller na ciencia, deixando frases tan valiosas como: “En moitos lugares hai nesgos en prol dos homes, pero vexo que a situación está cambiando”. Podes ler a crónica nesta ligazón.

⚫️ Novas pistas da cruz de Afonso III 🪎O mércores chegáballe á miña compañeira Noelia unha información moi interesante: nun novo estudo, o profesor de Historia da Arte da USC e investigador do CISPAC Francisco Prado Villar revisou os expedientes xudiciais do roubo da reliquia, que se producía en 1906, e localiza fotografías inéditas. Para máis información, podes ler o seguinte artigo.

Á esquerda, fotografía inédita de 1919 localizada no Arxiu Mas do Institut Amatller d’Art Hispànic de Barcelona. Á dereita, imaxe do retablo da capela das reliquias da Catedral de Santiago, de Joaquim Morelló i Nart vía Memòria Digital de Catalunya. Montaxe: Francisco Vilar, vía Consello da Cultura Galega
Á esquerda, fotografía inédita de 1919 localizada no Arxiu Mas do Institut Amatller d’Art Hispànic de Barcelona. Á dereita, imaxe do retablo da capela das reliquias da Catedral de Santiago, de Joaquim Morelló i Nart vía Memòria Digital de Catalunya. Montaxe: Francisco Vilar, vía Consello da Cultura Galega

⚫️ O destino favorito do po sahariano en Galicia ⏳ Vigo foi recoñecida unha vez máis. Non pola súa cantidade inxente de luces de Nadal nin a presenza de PFAS, senón por atoparse entre unha das 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026, segundo un informe de Copernicus. O enclave galego é, xunto a Oporto, a única cidade do norte peninsular, en décimo novena posición con nove días de aviso. Afonda no tema aquí.


Recomendación semanal 🪶

Encántame viaxar. Talvez sexa unha afirmación moi clixé, pero adoro coñecer sitios novos e, alén de afondar na historia, gústame aprender curiosidades que logo poida contar. O mércores, despois de traballar, viaxei desde Barakaldo (onde se atopa o BEC) ata o centro de Bilbao para poder ver a cidade —era a miña primeira vez—.

Despois de facerme moitos selfies para enviar aos meus amigos e familia con Puppy—o can de flores do Guggenheim—, a Universidade de Deusto e San Mamés, uninme aos demais xornalistas para tomar uns ‘pintxos’ na Praza Nova. Todo un manxar, pero a verdadeira curiosidade estaba no lugar. Buscando información souben que, en 1872, por mor da visita do rei italiano Amadeo de Saboya, os bilbaínos alagaron a Praza Nova e enchérona de góndolas para que parecese Venecia. Aquí tes unha peza de National Geographic que fala do tema. É interesantísimo, non cres?

Sei que é unha curiosidade, pero a miña recomendación é que sexades curiosos e, máis aló da historia, busquedes as reviravoltas máis interesantes do viaxar. Eu xa teño unha historia que contar esta fin de semana.

Un dos sitios de 'pintxos' que probei na Praza Nova (recomendado).
Un dos sitios de ‘pintxos’ que probei na Praza Nova (recomendado).

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

BioSpain pecha con máis de 1.900 asistentes e anuncia Barcelona como sede en 2027

A décimo terceira edición reuniu representantes de preto de 900 entidades de 32 países ao longo de tres días de congreso en Bilbao

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura