Galicia é unha comunidade que sofre periodicamente o ataque dos lumes. Entre 2018 e outubro de 2026 rexistráronse 217.623 hectáreas (ha) queimadas no territorio. Agora, unha nova aplicación en liña, Chama, creada pola deseñadora de información Isabel Burón Dios, permite analizar nun único mapa interactivo —en relevo ou en plano— os focos de calor detectados por satélite, as superficies queimadas, a velocidade estimada de propagación das frontes, o risco meteorolóxico e as emisións de CO₂. Ademais, achega datos relevantes sobre os episodios máis escuros da historia galega recente.
Pero, como consegue toda esta información? O visor amosa datos públicos de satélite e de reanálise meteorolóxica sobre os incendios forestais de Galicia entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 5 de outubro de 2026. Todas as cifras dos lumes calcúlanse a partir destes datos, e o que se trata dunha estimación, indícase como tal.
O mapa interactivo conta cunha liña cronolóxica que permite ver a evolución dos incendios co paso do tempo, tanto en anos como en meses, ademais de que o usuario pode filtrar a información que aparece no mapa segundo os seus intereses. Ao seleccionar tamén os diversos focos de incendio, ábrese un menú con toda a información dispoñible: concello, inicio do fenómeno, superficie, vexetación, velocidade, focos de calor, potencia máxima, CO₂ emitido e as fontes empregadas.
2020, 2022 e 2025
Hai tres episodios da historia recente de Galicia que están perfectamente sinalados na ferramenta asinada por Isabel Burón. Un deles é setembro de 2020, con seis días continuados de lume no sur de Ourense e 9.220 ha queimadas de Lobios a Chandrexa da Queixa. Se pasamos o cursor pola liña do tempo de Chama, outra data sinalada é xullo de 2022, momento no que Courel, Valdeorras e Conso arderon á vez e deixaron atrás 38.999 ha en dez días.
Con todo, da memoria colectiva nunca se marchará o ocorrido en agosto de 2025, a maior superficie queimada en sete anos. A provincia de Ourense foi arrasada polas lapas: 120.965 hectáreas en 21 días sucesivos de fogo, máis ca nos sete anos anteriores juntos (85.944 ha). O mapa interactivo amosa onde se localizaron os principais focos e achega datos concretos de cada un deles.
As limitacións do seguemento
Como toda ferramenta dixital, Chama ten limitacións, explicadas pola propia Isabel Burón nun apartado específico. En primeiro lugar, para xerar o contido, emprégase un só satélite que pasa sobre Galicia dúas veces ao día, e as nubes, o fume denso e os lumes máis breves poden non detectarse, polo que os focos son unha mostra e non un reconto total. Súmase que o EFFIS de Copernicus non cartografa os incendios pequenos e a data final do lume é a última actualización do seu perímetro, non a extinción oficial. Ademais, nos totais das hectáreas, unha zona que arde dúas veces conta duas veces e, na porcentaxe do territorio, unha soa vez.
Con todo, Chama convértese na ferramenta perfecta para coñecer de primeira man a historia recente dos incendios en Galicia a tan só un click.
Podes acceder á páxina web de Chama na seguinte ligazón.













