“O monte raso non é sinónimo de maleza nin sucidade”, sinala o edafólogo do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González. Ao contrario, trátase dun hábitat no que viven numerosas especies de flora e fauna, moitas delas en perigo. Estes espazos, visualmente espidos, están considerados hábitats de conservación prioritaria pola Unión Europea. Esta visión contrasta coas declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen nunha entrevista no programa Espejo Público tratou de restar gravidade aos incendios: “Case o 60% foi matogueira e monte raso”, aseguraba.
Segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais (EFFIS) do programa europeo Copernicus, en Galicia arderon só no mes de agosto máis de 130.000 hectáreas, unha cifra que supera en 33.500 os datos oficiais ofrecidos pola Xunta. Das áreas queimadas 57.900 hectáreas corresponderían a monte raso e 41.600 a superficie arborada.
A percepción de que o monte raso carece de biodiversidade resulta enganosa. Estes espazos están poboados por matogueiras, como Erica tetralix ou Erica cinerea. Xunto á vexetación, habitan numerosos animais: micromamíferos, aves, réptiles, anfibios e tamén insectos, que dependen directamente destas matogueiras para alimentarse e refuxiarse.
Malia isto, o presidente Alfonso Rueda insiste en que a prevención depende tamén da cidadanía: “Pensar que corresponde exclusivamente á administración é non darse conta de que o problema non se vai resolver”. Mais a pregunta clave segue sendo: que é o que realmente se perde cando arde o monte raso?
Como nace o monte raso
O monte raso pode ter diferentes orixes: pode aparecer de maneira natural, ou ben ser consecuencia dos incendios forestais ou dalgunhas prácticas de prevención. Na súa forma natural xorde por unha limitación no crecemento das árbores. “Tenden a ser zonas con fortes pendentes nas montañas ou nos altos”, explica o edafólogo do CSIC. Son espazos onde as condicións do solo, como unha baixa profundidade, non permiten o desenvolvemento do arborado, favorecendo así a presenza de matogueiras.
Non obstante, non sempre se debe unicamente ao solo. En determinadas áreas, a elevada humidade tamén pode dificultar o crecemento das árbores. “Normalmente hai unha limitación, xa sexa o espesor do solo para enraizar ou as condicións meteorolóxicas”, engade González.
En Galicia, o monte raso está presente en todas as provincias, segundo explica Juan Picos, profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. “Atópase sobre todo nas serras e nos montes máis altos, como no Barbanza”, sinala o experto en lumes. Porén, advirte que non se poden comparar as pequenas parcelas de toxo que aparecen na costa coas amplas matogueiras que arderon en Chandrexa de Queixa e no Macizo Central.
Cómpre lembrar, ademais, que o monte raso pode representar un estadio no proceso de degradación de zonas previamente arboradas. Neste caso non se trataría dunha causa natural, senón da consecuencia dun lume que arrasou a vexetación arbórea. A recuperación segue entón un proceso natural a longo prazo: primeiro colonizan as herbáceas, despois a matogueira e, finalmente, o bosque.
A queima de mato
“Moitas das zonas que hoxe están cubertas por monte raso en Galicia foron degradadas nun pasado recente a causa dos incendios“, sinala Serafín González. Outros factores que tamén contribúen a esta degradación son a actividade humana e o sobrepastoreo. No caso dos lumes, como a vaga sufrida no mes de agosto, as amplas superficies de mato favorecen unha propagación rápida e sinxela do fogo. “As zonas altas poden ser tanto a consecuencia de lumes pasados como un factor que facilite novos incendios no futuro”, engade.
As áreas de matogueiras máis proclives á propagación do lume son aquelas que presentan continuidades extensas de vexetación seca. Porén, a súa extinción resulta menos complexa ca nos incendios forestais que afectan a masas arbóreas. A razón é sinxela: “A cantidade de enerxía que se libera ao queimar e a altura das lapas é moito menor”, aclara González.
Un exemplo ilustra ben esta diferenza. Unha toxeira ou cesteira pode xerar lapas de entre cinco e seis metros, mentres que un piñeiral ou un eucaliptal poden producir chamas que superen os 30 metros de altura. “A enerxía que desprenden é moito máis intensa e fai que o lume sexa moito máis difícil de extinguir”, explica o experto.
Por este motivo, os lumes en matogueiras son máis doados de atacar con medios humanos e mecánicos, xa que permiten unha intervención directa, algo practicamente imposible en incendios de grande intensidade en masas forestais.
Hábitat de flora e fauna
Serafín González, tamén presidente da SGHN, subliña a magnitude da perda causada polos lumes das últimas semanas: “A importancia faunística das zonas de mato que se queimaron en Ourense e no sur de Lugo é moito máis elevada que a de todos os eucaliptais de Galicia xuntos”.
Entre as especies afectadas, atópanse dende invertebrados ata micromamíferos, todos eles con gran valor para a biodiversidade. Entre as aves, González destaca a presenza da aguia real (Aquila chrysaetos), a charrela (Perdix perdix), a tartaraña cinsenta (Circus pygargus) ou a gata fornela (Circus cyanesus). En determinadas zonas montañosas con estas características viven tamén especies endémicas, como a montesa grande (Erebia palarica), unha bolboreta que depende das formacións de matogueira das serras de Ancares, o Courel e a Queixa. En canto a réptiles e anfibios, aparecen exemplos como a ra vermella (Rana temporaria) e a lagartixa leonesa (Iberolacerta galani), única das zonas máis castigadas polos lumes entre Ourense, León e Zamora. A flora tamén se viu gravemente afectada, como a urce vagante (Erica vagans), habitual nas áreas de interior.
“Boa parte destas especies son incapaces de fuxir do lume”, explica González. Así, moitos animais e plantas desapareceron entre as lapas. Os anfibios, réptiles e micromamíferos, como o leirón gris do leste de Ourense, non poden escapar da velocidade de propagación nin da intensidade dos incendios rexistrados en agosto.
Esta perda impacta directamente na cadea trófica dos montes rasos: a vexetación constitúe a produción primaria e, se desaparece durante meses ou un ano, redúcese drasticamente a posibilidade de acoller herbívoros, insectívoros e carnívoros. Un efecto en cascada limita as fontes de alimento. “Ata que se produza unha recolonización de biomasa vexetal e comecen a entrar as especies, vaise desbaratar a cadea trófica”, explica o membro da SGHN.
Funcións ecolóxicas e biodiversidade
Segundo o edafólogo Serafín González, a maior parte do monte raso posúe un gran valor ecolóxico e ambiental. Por iso insiste: “Non se pode pretender facer desaparecer as zonas de mato en Galicia e repoboar todo de árbores”. A conservación do monte raso é necesaria porque constitúe o fogar de especies en ocasións moi ameazadas, ademais de cumprir un papel fundamental na protección do solo fronte á erosión.
O mato tamén contribúe á fixación de carbono e á conservación das propiedades do solo para almacenar auga. “O efecto esponxa dos solos é moi importante no ciclo da auga”, explica González. Esta capacidade de absorción reduce a formación de escorreduras e, polo tanto, o risco de enchentes. Cando cesan as precipitacións, o solo vai liberando auga de maneira gradual, o que garante un subministro máis sostido no tempo.
Non todo son matogueiras: tamén existen áreas cubertas por herbáceas baixas, que actúan como un paraugas natural. Estas plantas reducen a forza do impacto das gotas de chuvia e minimizan a erosión, sobre todo en pendentes pronunciadas, que son precisamente as zonas máis habituais de monte raso. “O mato axuda a conservar o solo, un recurso non renovable a escala humana, e só por iso xa ten unha importancia ecolóxica enorme”, engade o edafólogo.
Juan Picos salienta tamén a capacidade de recuperación tras os incendios: “Case todas as nosas especies típicas de mato rebrotan moi ben despois dos lumes”, explica. Urces, toxos e carqueixas amosan unha notable resiliencia fronte ao fogo, aínda que esta resposta depende da intensidade coa que ardeu a zona e de se o solo se conserva despois do incendio. En calquera caso, asegura que estas formacións “vanse recuperar rápido, máis que calquera formación arborada”.
Un ecosistema en si mesmo
As zonas de monte raso poden parecer menos enriquecedoras que aquelas cubertas por árbores. “Para a política e a cidadanía, considéranse pouco valiosas as zonas de mato”, apunta Serafín González. Con todo, dende o punto de vista da biodiversidade, teñen unha importancia comparable á de moitos bosques, e mesmo “infinitamente superior á dun monocultivo de eucaliptos ou un gran piñeiral”, segundo o propio investigador. A riqueza vén dada pola diversidade de formacións de matogueira que existen en Galicia.
Ademais do seu valor natural, estes ecosistemas tamén teñen un interese económico. Tradicionalmente foron zonas destinadas ao pastoreo de gando menor, aínda que cada vez é máis frecuente o uso de gando extensivo. Nalgúns lugares, estas zonas son aproveitadas pola apicultura, xa que a vexetación de mato fornece un recurso esencial para a produción de mel. Tamén teñen un papel crecente no ámbito do turismo e do lecer: “O mero sendeirismo, con zonas de montaña bastante espectaculares a nivel recreativo”, sinala o profesor Juan Picos.
Cómpre distinguir, porén, entre as zonas de mato que constitúen ecosistemas en si mesmos e aquelas que representan un estadio de degradación do bosque. “Depende da zona e da formación de mato da que esteamos a falar”, matiza Serafín González.
En calquera caso, cando un espazo chega ao estado de mato por mor de incendios e talas, é necesario acompañar a súa evolución natural cara ao bosque, sempre que as condicións de solo e clima o permitan. “Non é bosque en todas partes, nin mato en todas partes”, advirte o experto, lembrando que hai lugares nos que resulta imprescindible conservar os bosques naturais, mentres que noutros o que se debe preservar é o mato polo seu valor para a biodiversidade.




















