Arde sobre queimado: como os incendios de 2022 explican a severidade dos lumes de agosto

A investigadora do CSIC, Cristina Fernández, explica que a calor acumulada no chan determina a perda de fertilidade, o risco de erosión e o tempo de recuperación tras o lume

A situación dos lumes en Galicia parece chegar á súa fin. Segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural, Galicia non presenta ningún lume activo por primeira vez dende hai máis de dúas semanas. Os lumes da Pobra do Brollón (Lugo) e Avión (Ourense) xa están estabilizados, afectando en total a unhas 1.150 hectareas. Mais despois deste longo período de queima, preocupa a integridade dun elemento: o solo.

Os expertos sinalan que non é a magnitude dun incendio o que determina o impacto no solo, senón a súa severidade, é decir, o grao de alteración dunha parte do ecosistema. Así o explica Cristina Fernández Filgueira, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), quen lembra que para avaliar os efectos dun lume empréganse tres parámetros: frecuencia, superficie e severidade.

Publicidade

Aínda que este ano a superficie queimada foi maior, queda por determinar o efecto real sobre o solo e a vexetación. O maior risco, segundo Fernández, prodúcese cando as primeiras chuvias erosionan as ladeiras queimadas. Non obstante, isto non ocorrerá en toda a zona afectada, senón só en áreas concretas.

Normalmente, o solo consegue recuperar as súas propiedades en dous ou tres anos tras un incendio. “Galicia é un territorio moi dinámico”, explica a investigadora. Esa capacidade de producir biomasa, que tamén está detrás da alta incidencia de incendios, é a mesma que permite rexenerar con rapidez. Con todo, insiste, a palabra clave segue a ser a severidade.

Publicidade

A severidade das lapas

Un incendio de baixa severidade deixa consecuencias limitadas, cun impacto que se vai corrixindo a medida que aparece nova cobertura vexetal. Pola contra, nos casos máis graves, o risco de erosión pode manifestarse nos primeiros meses tras o lume e, segundo explica Cristina Fernández, prolongarse ata a primavera seguinte mentres o solo permaneza desprotexido.

“O solo tras un incendio perde estrutura”, indica Fernández, xa que neste proceso vense alteradas as súas propiedades químicas e biolóxicas. Con todo, co paso do tempo estes parámetros tenden a equilibrarse de novo, nun proceso que require paciencia. “Canto maior é a severidade, máis longo é o período de recuperación”, engade.

A alta severidade prodúcese cando a calor se mantén durante moito tempo sobre o terreno, alcanzando temperaturas capaces de degradar a materia orgánica e deixando o solo máis vulnerable.

Lumes sobre áreas xa queimadas en 2022

A preocupación xorde cando as zonas afectadas por un incendio volven arder nun curto espazo de tempo. Nos lumes de 2025 houbo superficies solapadas con incendios previos, como os de 2020 e 2016. Un exemplo son as chairas arredor de Cualedro, que arden de maneira reiterada. “Pode pasar que a severidade deste lume atopase a vexetación nun proceso de rexeneración”, explica a investigadora, aínda que só pasaran tres anos dende a anterior vaga de lumes.

Outra posible causa desta repetición é a acumulación de leña morta tras o incendio anterior. Ese material pode provocar maior severidade, ao favorecer que o lume prenda con forza en rescaldos da biomasa. Con todo, Cristina Fernández matiza: “Non necesariamente por ser un sitio de incendio reiterado vai ser peor”, pois todo depende da intensidade do lume de 2022 e da combinación de severidades.

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) publicou en 2023 un estudo sobre os lumes de 2017 e o seu impacto en áreas xa afectadas en 2011. Nesa análise concluíu que a severidade é o factor que máis condiciona a afección do solo, incluso por riba da influencia.

“O que pasou no 2022 determinou a severidade do 2025”, sinala. Aspectos como o tipo de vexetación, a súa rexeneración ou os tratamentos aplicados son claves para comprender o comportamento dos incendios posteriores. Isto é cara onde hai que mirar para aprender para a seguinte vaga de incendios, “porque antes ou despois volverán producirse”.

Fertilidade e biodiversidade

A severidade dun incendio maniféstase no solo de múltiples formas. “En Galicia ten os seus agregados, asociados a unha alta porcentaxe de materia orgánica“, explica a investigadora, o que lle outorga unha boa capacidade de infiltración. Porén, o lume incrementa a repelencia á auga e favorece a aparición de escorreduras.

Tras un incendio de baixa severidade, esa capacidade de regulación mantense. Algo semellante sucede coa fertilidade: ao queimarse a biomasa, libéranse nutrientes en forma de cinzas, xerando un pico inicial de fertilidade. Con todo, este efecto é temporal, xa que co paso das semanas a choiva arrastra as cinzas e os nutrientes, facendo que a fertilidade diminúa e incluso quede máis empobrecida se o lume foi moi severo.

Segundo Fernández, é clave entender o lume como un factor que modifica a heteroxeneidade da paisaxe. “A biodiversidade vese comprometida cando os incendios se repiten tan seguido”, advirte. Nestes casos, a vexetación tende a facerse máis homoxénea e dominada por especies rebrotadoras, que se recuperan con maior rapidez.

Isto obsérvase de maneira clara nas matogueiras, mentres que no arborado a situación é máis complexa: “É máis complicado porque depende da especie”. A repetición de lumes impide que a vexetación alcance un estado adulto, establecendo ecosistemas simplificados e cunha diversidade natural máis limitada.

Protexer o solo das primeiras chuvias

“Cando chove de forma torrencial sobre un solo queimado, prodúcense picos de escorredura con moita máis facilidade”, explica Cristina Fernández. Pola contra, as chuvias suaves poden resultar beneficiosas, xa que axudan a rehumedecer o solo. Neste contexto, o máis eficaz para evitar a erosión nas áreas máis afectadas pola severidade é cubrir a superficie con algún tipo de protección.

Esa técnica coñécese como mulching, un método que restablece de maneira artificial a cobertura orgánica perdida co lume e evita que o solo se degrade polas precipitacións. “Hai moita experiencia en Galicia no uso desta práctica tras incendios anteriores”, sinala Fernández. Aínda así, insiste en que a conservación do solo e dos espazos naturais non é só responsabilidade dos profesionais: tamén require da implicación da cidadanía.

“Necesitamos unha educación máis clara sobre a presenza do lume no territorio”, apunta, lembrando que actividades de alto risco e a proximidade da vexetación ás vivendas agravan o problema. A investigadora subliña que a sociedade segue vivindo de costas á realidade paisaxística e demográfica, moi afastada daquela Galicia mosaico rural dos anos sesenta e setenta.

Con máis de tres décadas de experiencia no estudo de incendios e tras vivir episodios clave como a vaga de 2006, Fernández recoñece unha sensación recorrente: “Parece que sempre estamos a escoitar as mesmas solucións”. Ao final, os incendios non só destrúen hectáreas, tamén alteran a capacidade do solo para rexenerarse. E é a severidade a que marca o futuro da terra queimada e determina se poderá volver dar vida ou quedará empobrecida durante anos.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período