O fume dos incendios galegos chega a Francia

As imaxes satelitais de Eumestat revelan a extensión da nube provocada polos lumes de Galicia, con elevadas emisións de CO₂ e efectos sobre a saúde e o medio ambiente

O fume xerado polo lume que arrasou máis de 96.500 hectáreas en Galicia, segundo os datos da Xunta,dende o 1 de xullo faise evidente nas imaxes satelitais. As capturas proporcionadas por EUMETSAT, a Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos, mostran as consecuencias dos incendios: o fume non só se expande pola península, senón que tamén chega ao oeste de Francia e ao sur de Inglaterra debido á intensidade dos lumes.

Durante a tarde do 13 de agosto, as columnas de fume aumentaron de tamaño polo número de focos e a magnitude dos incendios en Galicia e Portugal. Así, a península atopábase inmersa nunha nube de fume que alcanzaba claramente Francia. Aínda que nos días seguintes se foi dispersando, a influencia dos lumes galegos no país veciño foi notable.

Publicidade

Fenómenos similares ocorreron durante a vaga de incendios en Canadá do 2023, cando o fume chegou a Galicia tras cruzar máis de 5.000 quilómetros do Atlántico. Aínda que non tivo un impacto significativo na calidade do aire nin na saúde pública, os ceos galegos presentaban un aspecto difuso.

Emisións de carbono e impacto na saúde

Os lumes de Ourense, León e Zamora son responsables das maiores emisións de carbono de España dende 2003. A 19 de agosto, máis de 13 millóns de toneladas de CO₂ foran emitidas polos incendios, un incremento considerable respecto ao 5 de agosto, días previos á catástrofe, cando os niveis se situaban en 1,84 millóns de toneladas, segundo datos de EFFIS.

Publicidade

Aínda que o fume non afecte significativamente as rexións máis afastadas, como Francia, o problema persiste en Galicia. A contaminación ambiental é prexudicial tanto para humanos como para animais debido aos compostos presentes no aire en forma de partículas finas. As PM2.5, as partículas cun diámetro menor ou igual a 2,5 micrómetros, representan o maior risco para a saúde, xa que poden alcanzar zonas profundas dos pulmóns e mesmo entrar no torrente sanguíneo.

Ademais, estas partículas poden ter efectos indirectos na saúde. Un estudo publicado en 2020 indica que, nos días nos que os ventos transportaban partículas de incendios forestais a certas poboacións, aumentaban os casos de partos prematuros e nacementos con baixo peso en comparación con días nos que o aire estaba libre destas partículas.

As consecuencias van máis aló da saúde física, afectando tamén a saúde mental. Os incendios forestais están asociados a un aumento dos ingresos hospitalarios de urxencia por desordes mentais e do comportamento, ansiedade e depresión, evidenciando o impacto a curto prazo destes sucesos na saúde das persoas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica