Radiografía do incendio de Larouco: un cóctel devastador de moito vento e pendentes

O experto Juan Picos alerta de que a combinación de factores metereolóxicos e topográficos acelerou a propagación do maior lume de Galicia

O mércores 13 de agosto ás 18:55 horas daba comezo un lume no concello de Larouco, concretamente na parroquia de Seadur. Este xoves, oito días máis tarde, as lapas xa arrasaron con máis de 30.000 hectáreas de territorio, segundo datos da Consellería do Medio Rural. Deste xeito, este incendio proclámase como o maior da historia de Galicia. Pero, cales son os factores que o fan tan devastador?

En primeiro lugar, cómpre analizar a vaga de incendios que leva asolando Galicia dende comezos de agosto. As cifras do satélite europeo Copernicus aseguran que hai máis de 156.000 hectáreas queimadas en Galicia, formadas por algúns dos incendios máis grandes da nosa historia. “As características concretas desta vaga son os factores de risco que xa vimos noutras, pero expresados na súa máxima magnitude”, explica Juan Picos, profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo e experto en lumes.

Publicidade

Segundo Picos, o que caracteriza esta vaga é sobre todo a súa duración. Con trece días sen cesar, a semente foi a situación previa de onda de calor e baixas humidades. Antes, lembra, as vagas de calor duraban cinco ou sete días, ata que a choiva irrompía para salvar as terras. “Estamos vendo cousas que vimos na rexión centro de Portugal ou na parte máis sur da rexión norte”, explica, pois a situación actual vén de lonxe.

O experto aclara que o cambio no patrón dos incendios non chega dun día para outro, senón que vai mudando de xeito continuo. “Xa vimos cousas desta vaga que recordaban á de 2022 e á de 2006, pero o cambio vaise acentuando”, afirma, xa que a intensidade dos lumes é cada vez máis evidente, e os incendios deixan de ser “como os de sempre”. Este é precisamente o caso do gran lume de Larouco.

Publicidade

Máis aló do tamaño

Aínda que o que máis sorprende do incendio Larouco-Seadur son as cifras de hectáreas queimadas, para Juan Picos este non é o factor máis importante á hora de analizalo. O experto asegura que aínda é cedo para determinar a súa tipoloxía ou os mecanismos de propagación, elementos que requiren un estudo máis detallado. Así e todo, recoñece que, aínda que manterá o récord de tamaño, a súa verdadeira relevancia está na superficie que conseguiu percorrer.

As lapas de Seadur expandíronse aos concellos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Con todo, cómpre lembrar que moitos destes territorios xa arderan no ano 2022, no foco de Carballeda-Valdeorras.

“É un primeiro toque de atención que en só tres anos estas zonas xa estean dispoñibles para arder de novo”, advirte Picos. O profesor da UVigo, que colaborou na reconstrución do incendio de Valdeorras, sinala a súa sorpresa cando o Courel actuou como límite natural para as lapas, debido a que a propagación se producía contra o vento. Pola contra, en Carballeda, co vento a favor, non houbo freo, a pesar de que só pasaran tres anos dende o anterior incendio.

A conclusión é clara: a terra queimada pode volver arder moito antes do que pensamos.

Os factores do terreo

Segundo o experto Juan Picos, o salto do lume entre Petín e A Rúa foi un dos momentos máis complexos para a poboación. “O núcleo da parte alta da Rúa estivo nun momento crítico, onde a propagación do incendio levaba a favor o vento, a pendente e a convección“, explica. Nesa situación producíronse fortes conveccións e, en consecuencia, pirocúmulos.

Que significa isto? A convección é o movemento ascendente do aire quente xerado polas lapas. Cando este movemento é moi intenso, fórmase unha nube sobre o incendio denominada pirocúmulo. “É un comportamento moi extremo de incendio”, aclara Picos.

Cando semellaba que o lume se dirixía cara a provincia de León, na zona sur dos Ancares, chegou o vento do leste. “O incendio deu un xiro de 90 graos”, lembra, pois ata ese momento viña empuxado polo sur e a pendente. Para comprender mellor: un incendio ten cabeza e flancos. Os flancos son os laterais, normalmente con menos intensidade, mentres que a cabeza concentra a maior forza do lume. Con todo, no incendio de Larouco, o vento impactou transversalmente, facendo que un flanco se convertese en cabeza.

“O incendio foi subindo cara ao o norte e, unha vez pasou o Sil, avanzou con forza”, explica. Na opinión de Picos, esta distribución irregular do vento provocou unha grande superficie ardida e avances moi rápidos do lume.

Unha lenta extinción

“Un incendio forestal é unha reacción en cadea“, comeza a explicar o experto en lumes da UVigo. Os incendios aceleran ata acadar grandes dimensións e, unha vez chegan a ese punto, non frean. A extinción, por tanto, é un proceso lento no que cómpre asegurar todos os flancos do lume.

Nestes últimos días, os equipos de extinción xa son quen de intervir en áreas que antes non podían atender, pois a prioridade era protexer as poboacións en risco. “Hai que refrescar os puntos quentes“, explica, para evitar que un vento forte e seco reactive o incendio. Este traballo é, ao mesmo tempo, o máis lento e o máis importante.

No contexto da actual vaga de incendios, cando o núcleo do lume é intenso, pouco se pode facer. “O máis importante é consolidar estes perímetros“, subliña, referíndose aos centos de quilómetros afectados. A gran diferenza é que, nesta ocasión, os medios dispoñen dos recursos necesarios para levar a cabo estas tarefas de control.

Obxectivo: pechar a fase de emerxencia

Cabe destacar que a vaga de incendios aínda non rematou. Ourense mantén cinco focos activos, segundo datos da Xunta de Galicia, en parte debido á pendente do terreo e ao vento. Por iso, o primeiro paso é pechar a fase de emerxencia na que aínda se atopa o territorio.

Mentres isto non sucede, os expertos comezan o diagnóstico do acontecido: analizan zonas onde o incendio avanzou moi rápido pero cun impacto limitado, e outras onde o lume se mantivo con moita intensidade durante máis tempo, provocando danos máis graves. Grazas ás imaxes satelitais, xa se poden estimar as pegadas dos lumes no territorio.

A seguinte fase consiste en estabilizar os solos susceptibles á erosión. “En Galicia estase a facer moi bo traballo coas labores de estabilización nos últimos anos”, explica o experto.

O problema é que non hai recursos para todo o territorio, polo que hai que establecer prioridades para a recuperación, restauración e reconfiguración. “A rexeneración natural vai actuar nalgunhas áreas e noutras non”, aclara. Con todo, asegura que haberá que buscar fórmulas adaptadas a cada caso para reparar os danos dos incendios: “Non haberá unha solución máxica para todos”.

Necesidade de estudo

Con todo, Juan Picos considera que a prioridade debe ser a análise en profundidade: “Estes incendios van necesitar moita autopsia”. Entre os traballos previstos, destaca a reconstrución minuto a minuto da evolución do lume.

En concreto, o experto pensa que o incendio de Larouco será un caso de estudo fundamental para aprender máis sobre o comportamento dos grandes lumes. “Hai moitos fenómenos locais que se dan en incendios grandes e que temos que entender para poder predicir como se comportan”, explica.

Ademais, lembra o que estamos a vivir “non deixa de ser un avance do que podemos vivir no futuro”. A pesar de que cada vaga de incendios ten as súas propias características, sempre interveñen os mesmos ingredientes, como os longos períodos de calor. O cambio climático está a trasladar condicións propias do sur cara ao norte, e iso é o que xa estamos a experimentar.

Espérase que esta fin de semana marque o fin da vaga de incendios. Aínda que se manteñen focos activos en situación de risco, a meteoroloxía é a grande aliada. “Isto vai ser o que nos vai dar a pista sobre o momento definitivo de dar este pesadelo por rematado”, conclúe.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño