O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño

Tras unha semana marcada por temperaturas excepcionalmente altas, Galicia recibirá a partir deste martes unha masa de aire máis fresca procedente do noroeste, coñecida como ventilador atlántico. Este cambio provocará un descenso notable dos termómetros, especialmente no interior da comunidade. Segundo MeteoGalicia, Ourense pasará dos 30 ºC previstos para o luns aos 23ºC do martes, unha caída de sete graos en apenas 24 horas. Pola contra, en cidades costeiras como Vigo o descenso será máis gradual, con temperaturas que baixarán dos 24 aos 21ºC no mesmo período. A maior inestabilidade coa que comezará o mes de xuño explícase polo desprazamento do anticiclón cara ao sur das Azores, o que facilitará a chegada de sistemas frontais ao noroeste peninsular.

Dende o portal meteorolóxico ElTiempo.es sinalan a entrada de ata tres frontes durante os próximos días. O primeiro chegará este martes, aínda que con pouca actividade, deixando abundante nubosidade e algunhas precipitacións en Galicia. Un segundo fronte afectará á comunidade durante a fin de semana ee traerá un incremento significativo da inestabilidade. Os modelos europeos indican que a temperatura media semanal en Galicia volverá situarse en valores propios desta época do ano, coincidindo co inicio do verán meteorolóxico, que comeza o 1 de xuño.

Publicidade

Ademais, o mércores espéranse chuvias febles, con acumulacións que poderían alcanzar os cinco litros por metro cadrado en zonas do oeste galego. A situación volverá complicarse o xoves, cando o achegamento dunha vaguada favorecerá un novo aumento da inestabilidade atmosférica e a aparición de precipitacións moderadas en distintos puntos da comunidade.

Moderadas na costa e abruptas no interior

Segundo as previsións de MeteoGalicia, o descenso das temperaturas chegará acompañado dun aumento da inestabilidade. Na costa, a baixada será moderada: na Coruña, Ferrol e Pontevedra as máximas manteranse arredor dos 20ºC ata o xoves. Pola contra, a probabilidade de precipitacións irá en aumento, alcanzando o 95% en Pontevedra, o 65% en Vigo e o 55% na Coruña.

Publicidade

No interior, a caída dos termómetros será moito máis notable. En Ourense, as temperaturas máximas poderían descender ata dez graos respecto aos rexistros dos últimos días, aínda que a probabilidade de chuvia será reducida, arredor do 5%. Unha situación semellante agárdase en Lugo, onde as temperaturas oscilarán entre os 20 e os 25ºC e as precipitacións terán maior protagonismo durante a xornada do martes 2. En Santiago de Compostela, pola súa banda, a probabilidade de chuvia situarase no 55%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos