Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) son 17 metas globais adoptadas pola Organización das Nacións Unidas (ONU) en 2015 dentro da Axenda 2030. Entre eles están a fin da pobreza, fame cero, saúde e benestar, ou igualdade de xénero. O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo desenvolveu unha plataforma dixital aberta, denominada ODSLocal, para monitorizar o grao de cumprimento dos ODS por parte dos 8.131 concellos existentes en España a través dun mapa interactivo. Trátase dunha iniciativa pioneira, pois non existía ata data unha ferramenta que abranguese todos os concellos do Estado, sustentada en datos abertos, procedentes tanto de fontes oficiais como información incorporada progresivamente por investigadores e investigadoras.
Co propósito de poder cuantificar o grao de cumprimento de cada ODS, o equipo investigador seleccionou 69 indicadores, partindo dos definidos na propia Axenda 2030 e tendo en conta aspectos como a súa utilidade para avaliar realidades locais e a existencia de datos a escala municipal. Trátase, non obstante, “dunha proposta inicial”, explica Cristina Míguez, unha das integrantes do equipo, xa que “a intención é que poidan engadirse” novos indicadores ou modificar xa definidos, dende o coñecemento dos investigadores ou da ciencia cidadá, “a medida que os usuarios vaian facendo propostas”, engade Susana Bastón.
Polo de agora, a plataforma nútrese de datos procedentes de fontes oficiais, principalmente o Instituto Nacional de Estatística (INE) e institutos estatísticos autonómicos, así coma o SEPE ou o Instituto da Muller. Non obstante, nos casos nos que non dispón de datos compútase un 0% de cumprimento, polo que as porcentaxes están relacionadas coa dispoñibilidade de datos, o que fai que a comparativa non sexa realista a día de hoxe.
Como funciona? O exemplo de Pontevedra
A páxina web creada dende a Universidade de Vigo ofrece un mapa interactivo dende onde se pode consultar o marco municipal e a xustificación metodolóxica da ferramenta, ademais de consultar os indicadores incorporados. Pontevedra é un dos concellos que máis datos ten, con información en 16 dos 17 obxectivos e un 39% de cumprimento. Algúns dos indicadores incumpridos son a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (AROPE), cun 16,58% —o obxectivo é 13,96%—; o ratio de mortes por accidente de tráfico, sendo unha cifra moi grave —3,8 por cada 100.000 habitantes fronte ao obxectivo de 1,84—; a taxa de finalización da ESO recibe un incumprimento leve, cunha cifra de 83,7%, por debaixo do obxectivo do 90%; ou a proporción de poboación que emprega servizos de subministración de auga potable sen riscos —a cifra é do 74,26% das vi, pero o obxectivo é chegar ao 80%—.
Destaca o gasto en investigación e desenvolvemento en relación co PIB: os datos reflicten un 1,3%, un incumprimento grave, pois o obxectivo é un 3%. E, no contexto de actualidade actual, interesa coñecer que existe un incumprimento moi grave da participación electoral en Pontevedra, cun 62,96% fronte ao obxectivo do 80%.
En canto ao medio ambiente, os 2,2 metros cadrados de zonas verdes por cada 1.000 habitantes incumpren moi gravemente o obxectivo de dispor de 50 m2. Por outra banda, a superficie natural é de 49,74% sobre a superficie total, aínda que o obxectivo é dun 60%, e a superficie protexida debería representar o 75%, a pesar de que só é un 30,48%. A reciclaxe de vidro, cartón e papel, e envases lixeiros incumpren os obxectivos de xeito leve e grave. Ademais, a calidade das augas de baño resulta nun incumprimento moi grave, igual que a vulnerabilidade da biodiversidade costeira.
Un consumo de alimentos máis sostible
Un dos propósitos é promover a cocreación de políticas baseadas na evidencia científica a partir da creación do Comité Cidadán polo Clima, conformado por 16 veciños e veciñas de Pontevedra, de diferentes perfís e idades. Nos últimos meses traballaron na definición dun conxunto de propostas dirixidas a mitigar os efectos do cambio climático relacionados co consumo de alimentos. Isto deu lugar a un conxunto de recomendacións.
Entre elas, levar o mercado “fóra do mercado”, ampliando os puntos de venda en diferentes barrios e contribuír á súa dinamización facilitar a presenza de postos de venda de produtos locais na súa contorna. Figuran tamén propostas como favorecer a incorporación de produtos locais nos comedores escolares, así como desenvolver programas educativos sobre alimentación e consumo sostible. Súmase a identificación e o impulso de medidas para o aproveitamento dos excedentes alimentarios, a organización de actividades que permitan un encontro directo entre produtores e consumidores, a ampliación da rede de hortas públicas ou promover a comercialización de caixas e alimentos locais de tempada.
Podes consultar o mapa interactivo de ODSLocal na seguinte ligazón.














