Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

As macroalgas mariñas son unha fonte natural de compostos con grande interese para sectores como a alimentación, a nutrición, a cosmética ou a biotecnoloxía. Entre elas, as algas verdes do xénero Codium, abundantes na costa galega, conteñen polisacáridos complexos que poden presentar propiedades beneficiosas para a saúde e aplicacións tecnolóxicas de interese. Tendo en conta este potencial e que gran parte destes compostos seguen sendo pouco coñecidos, o que dificulta o seu aproveitamento e aplicación, un equipo da Universidade de Vigo está a realizar unha caracterización estrutural e fraccionamento secuencial de polisacáridos de Codium spp. da costa galega como base para o desenvolvemento de ingredientes funcionais. O proxecto está a desenvolverse no Grupo de Investigación en Tecnoloxía Encimática e Bioestruturas (Teze), pertencente ao Instituto de Agroecología e Alimentación (IAA) e ao Campus Auga, e está liderado pola investigadora Andrea Rodríguez.

Segundo explica a responsable do proxecto, que remata este outubro, o estudo pormenorizado e a caracterización exhaustiva dos polisacáridos presentes en Codium spp. “constitúe un paso fundamental e previo para a súa valorización na obtención de novos ingredientes funcionais”. No marco da iniciativa colleitáronse mostras de Codium na costa galega para posteriormente realizar a caracterización da súa fracción polisacarídica en laboratorios do campus de Ourense. O obxectivo é identificar e caracterizar os distintos tipos de polisacáridos presentes, determinando a súa concentración e estudando a súa evolución ao longo do ano. 

Publicidade

Composición variable segundo as estacións

Os resultados obtidos ata o momento amosan “que as mostras recollidas na primavera, verán e outono presentan perfís de composición diferentes, o que apunta a unha variación estacional dos polisacáridos presentes na alga”. Observouse, sinalan, “unha importante variabilidade entre estacións, suxerindo que factores biolóxicos e ambientais poderían influír na composición da biomasa e, por tanto, nas características dos polisacáridos que poden obterse dela”. Mediante a súa separación en base ás propiedades químicas, o  grupo de Tecnoloxía Encimática e Bioestructuras identificaron en Codium unha ampla diversidade de compostos, con fraccións ricas en distintos tipos de azucres, entre os que destacan a galactosa, a manosa e a glicosa. 

Imaxe da recolleita de mostras de Codium na costa galega para o proxecto. Foto: DUVI
Imaxe da recolleita de mostras de Codium na costa galega para o proxecto. Foto: DUVI

Continuidade do proxecto

Estes resultados “constitúen un primeiro paso necesario para comprender a variabilidade das poboacións de Codium presentes na costa galega”. Porén, indican que para establecer se as diferenzas observadas débense realmente a cambios estacionais ou están relacionadas coa presenza de distintas especies presentes en cada recolección, iniciouse unha colaboración coa Universidad de Oviedo, onde se levará a cabo a identificación taxonómica das mostras caracterizadas. O seguinte paso será profundar na caracterización estrutural fina das distintas fraccións de polisacáridos, en particular elucidar o tipo de ligazóns que determinan a súa estrutura molecular mediante técnicas complexas. Esta liña de investigación continuará durante unha estancia posdoutoral da investigadora Andrea Rodríguez no KTH Royal Institute of Technology (Suecia). No seu conxunto, as investigacións realizadas, comenta o equipo responsable, “permitirán sentar as bases para a futura valorización de recursos mariños galegos e o desenvolvemento de novos ingredientes funcionais de orixe mariña”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos

A chuvia de estrelas das Oriónidas alcanza o seu pico de actividade: guía para observalas dende Galicia

Os meteoros, orixinados nos restos do cometa Halley, poderán deixar ata 20 corpos celestes por hora entre o 21 e 22 de outubro

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo