Un equipo galego investiga o cultivo sostible de macroalgas co proxecto ALGAPROX

O grupo BioCost, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, colabora na repoboación da 'Himantalia elongata' e na definición das boas prácticas para a súa explotación

O grupo de Bioloxía Costeira (Biocost), liderado polo investigador Javier Cremades, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, participa activamente no proxecto ALGAPROX, unha iniciativa de investigación aplicada que busca mellorar o control e a xestión sustentable das poboacións de varias especies de macroalgas en Galicia.

Cofinanciado nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), o proxecto está coordinado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de diversas confrarías e organizacións do sector marisqueiro.

Publicidade

O labor do grupo Biocost céntrase no estudo da especie Himantalia elongata, coñecida como “correa” ou “espagueti de mar”. Esta alga, de gran interese tanto ecolóxico como comercial, está en regresión polas presións derivadas do cambio climático e da sobreexplotación. O equipo da UDC desenvolve técnicas de cultivo e sementa de embrións co obxectivo de reforzar ou reintroducir nas zonas onde foi desaparecendo.

Obxectivo: a repoboación

“A idea é estudar cal é a mellor maneira de explotala, en que época, como facelo e que parte recoller, para deseñar un manexo que sexa sustentable”, sinala Cremades. Ademais da repoboación, tamén se traballa en definir boas prácticas de colleita para os profesionais do sector, incorporando o coñecemento científico á xestión diaria dos recursos.

Publicidade

O proxecto abrangue outras especies como a Sargassum muticum e a Undaria pinnatifida, ambas invasoras, e a ulva clathrata, cuxa proliferación afecta aos bancos marisqueiros. A colaboración entre ciencia e sector pesqueiro busca non só conservar os ecosistemas costeiros, senón tamén asegurar o futuro económico das comunidades mariñeiras mediante a aplicación de solucións baseadas na evidencia científica e así, mellorar a rendibilidade no sector. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía