Cando o cólera atacou Ourense: a última epidemia biolóxica do século XIX

En 1885, a chegada dos segadores dende Castela trouxo a enfermidade á provincia galega, activando unha rede de lazaretos e medidas de control na fronteira

En setembro de 1885, segadores galegos regresaban dende Castela tras meses de traballo. Cruzaban A Canda de volta a Ourense sen saber que traían con eles unha ameaza mortal: o cólera. Ese verán, a provincia activou un amplo dispositivo sanitario fronte a unha enfermidade que xa causara milleiros de vítimas noutras no país. 

A licenciada en Ciencias Químicas, María Luisa Rúa Domínguez, e o doutor en Medicina, David Simón Lorda, reconstruíron a chegada do cólera nun artigo publicado na revista Minius XIV. O seu traballo baséase en fontes hemerográficas, como Galicia moderna ou O Tío Marcos d’a Portela, e en documentación sobre sanidade conservada no Arquivo Municipal de Ourense

Publicidade

A epidemia de 1885 tivo unha singularidade: foi a última en ser abordada cun protocolo sanitario propio do século XIX, antes dos avances en microbioloxía. O cólera, provocado polo axente infeccioso Vibrio cholerae, foi tamén a derradeira das grandes epidemias dese período. Nos casos máis graves, causaba diarrea acuosa, que levaba á deshidratación rápida, acidose, colapso circulatorio, hipoglucemia e insuficiencia renal

En resposta á ameaza, as autoridades ourensás construíron edificios específicos e mobilizaron recursos para conter a expansión da enfermidade, que entrou en Galicia a través dunha das súas fronteiras. A primavera de 1885 marcou o inicio dun pesadelo sanitario que se prolongaría ata outono.

Publicidade

Unha fortaleza de lazaretos

O ambiente epidémico comezou a notarse en maio de 1885. Ante o medo, o presidente da Deputación Provincial, Ramón Pedrayo Silva, publicou no Boletín Oficial unha lembranza sobre normas de hixiene. A partir de xuño, o boletín pasou a “alertar do inicio da epidemia”, segundo sinalan os investigadores Simón Lorda e Rúa Domínguez. 

Co cólera xa confirmado en Ourense, a Deputación alugou unha vivenda na zona de San Francisco como hospital provisional para coléricos, e outra preto da estación de ferrocarril, onde se instalou un lazareto. Estes espazos servían para illar e pór en corentena aos posibles contaxiados, especialmente en zonas fronteirizas.

Bando Gobernador Civil sobre o cólera (1884)
Bando Gobernador Civil sobre o cólera (1884). Foto: Arquivo municipal

A pesar das medidas adoptadas, a comunicación oficial minimizaba o perigo. Os informes enviados á prensa negaban a gravidade da situación: “Continuaba sendo satisfactorio o estado de saúde pública nesta capital e vilas da provincia”, recollía o xornal Galicia Moderna, mentres a rede de lazaretos medraba como unha muralla sanitaria.

Instaláronse puntos de control en Quereño, primeira estación de tren antes de entrar a Galicia, e na Portilla da Canda, paso estratéxico na estrada entre Vigo e Castela. A actuación foi rápida, saltando ás veces os trámites administrativos. “As autoridades estaban sumamente preocupadas polas posibilidades de contaxios traídos de fóra”, explican os autores. O momento máis crítico chegou en setembro, co regreso masivo dos segadores, moitos deles procedentes de Castela por Quereño e As Portillas. Por iso, creouse unha nova zona de inspección sanitaria en Ramilo (Viana do Bolo). A estratexia era clara: pechar accesos para manter Ourense libre do avance colérico

O papel dos segadores galegos

Os segadores xogaron un papel clave na chegada do cólera a Ourense. En 1883 inaugurouse unha nova liña de ferrocarril ata Castela, pasando por Monforte e Quereño. Aquel camiño que antes debían facer a pé, agora era moito máis rápido e cómodo grazas ao tren.   

Porén, a finais do verán de 1885, coa volta masiva, o Ministro de Gobernación impuxo medidas máis estritas: os segadores debían permanecer “detidos por sete días” nos lazaretos situados na fronteira ourensá. Alí recibían comida e coidados hixiénicos, costeados pola Deputación de Ourense, que investiu 150 pesetas para alimentarlles.

Esta realidade foi recollida nunha crónica satírica do xornal O Tío Marcos d’a Portela. Nela, un suposto segador narraba a súa experiencia no lazareto da estación de Quereño: “Un fato de zuruxanos, de practicantes e médicos, botáronse á nós de súpeto, leváronnos a un pendello onde facía un calor abafante dos infernos”, escribía Antón Ferreiro en Carta d’un segador a súa muller

O texto tamén deixaba entrever as diferenzas sociais no trato recibido. “Porque c’os outros viaxeiros, endeque son señoritos, trátanos con máis respeuto, como si eles non tiveran cal nos condutos e bechos”, denunciaba o segador. 

Desescalada con apoio médico

Selo do Colexio Médico-Farmacéutico (1886)
Selo do Colexio Médico-Farmacéutico (1886). Foto: Arquivo Municipal

O goberno contou co apoio esencial do Colexio Médico-Farmacéutico de Ourense, fundado poucos meses antes da chegada do cólera. “Protagonizará xa dende a súa fundación un papel moi importante na loita contra as enfermidades infecciosas”, explican os autores do artigo. Entre as figuras destacadas na creación e xestión dos lazaretos estiveron o doutor Ramón Quesada Borrajo, primeiro presidente do colexio, e Antonio Rodríguez Iglesias, responsable da Inspección Sanitaria da Canda.

O doutor Rodríguez Iglesias informou o 11 de outubro ao xornal Galicia Moderna que pola inspección de A Canda pasaran 9.235 segadores dende a súa posta en marcha. Esta cifra reflectía o risco dos desprazamentos masivos dende Castela. 

A pesar da situación, o Gobernador de Ourense mantiña unha mensaxe tranquilizadora. Chegou mesmo a enviar un telegrama aos alcaldes galegos afirmando que “a saúde pública desta provincia é inmellorable”. Facía referencia ao caso dun segador falecido en Castro do Val, que non se puido confirmar como cólera e, ademais, non provocara contaxios. Esta circunstancia facilitou a redución do dispositivo sanitario.

Así, o 15 de setembro de 1885, a Deputación anunciou o peche das inspeccións sanitarias de Quereño, A Canda e Ramilo, ao considerar rematado o regreso dos segadores. Ademais, o descenso das temperaturas do outono dificultaba a propagación da enfermidade. Porén, aínda que a Deputación ofrecía unha visión positiva da situación, a prensa portuguesa “reseñaba casos sospeitosos en Bande, Celanova e Cortegada”. Polo que o risco, malia diminuír, non desaparecera por completo. 

O fin da epidemia ourensá

Unha das solucións fronte ao cólera chegou dende fóra de Galicia. O médico catalán Jaume Ferrán i Clua foi pioneiro na investigación sobre a prevención de enfermidades infecciosas, especialmente do cólera. No ano 1885 probou por primeira vez en humanos a súa vacina fronte ao cólera, comezando por el mesmo. Ao inxectarse unha solución co propio xerme, demostrou o seu posible valor como medida preventiva. 

“Descoñecemos se houbo vacinacións anticoléricas no Instituto de Vacinación do Colexio Médico-Farmacéutico ourensán”, aclaran os investigadores Simón Lorda e Rúa Domínguez. Aínda así, a novidade chegou á prensa galega con escepticismo. O Tío Marcos d’a Portela ridiculizaba a vacina cun ton satírico: “¡Que vacunen ó demo! A min non me xiringa nadie”, podía lerse nas súas páxinas. 

A comezos de outubro, a situación comezaba a estabilizarse. As autoridades iniciaron o desmantelamento progresivo da rede de lazaretos e o Gobernador Civil visitou as zonas sospeitosas de contaxio con material de desinfección para axudar aos campesiños en situacións precarias e evitar un novo brote

A prensa local evitaba confirmar novos casos como cólera para reducir a alarma social e o impacto económico dunha declaración oficial de epidemia. Finalmente, en novembro de 1885, declarouse que na provincia de Ourense “restablecérase a normalidade”, segundo recollía Galicia Moderna. Os hospitais de emerxencia de Villanueva e Porto clausuráronse, destruíndo todo aquilo que estivera en contacto cos enfermos.

Un balance final leve

En decembro de 1885 chegaron os datos oficiais sobre a epidemia do cólera na provincia. O Gobernador de Ourense felicitou publicamente o labor de médicos como Ramón Quesada, Ildefonso Meruéndano e Juan Nóvoa, polos seus esforzos na contención da enfermidade. Os gastos das inspeccións sanitarias en Quereño, Portilla de A Canda e Ramilo superaron as 10.000 pesetas orzamentadas, recuperadas a través dunha recolecta pública organizada pola Xunta de Galicia. 

Aínda que Ourense foi a provincia galega máis afectada, con 94 afectados e 38 falecementos, o impacto foi leve en comparación con outras rexións. En Valencia, o cólera afectou a máis de 45.500 persoas e causou máis de 21.600 mortes

Ante a posibilidade dun novo brote, a Xunta Provincial de Sanidade tomou decisións cara a 1886. O xornal Galicia Moderna recollía medidas como a construción dun lavadoiro público con auga corrente, inspeccións domiciliarias en vivendas con malas condicións sanitarias e control sanitario de viaxeiros de tren.

Así, o cólera, malia ser unha ameaza mortal, impulsou a modernización sanitaria. Os movementos sanitarios do século XIX chegaron a chamarlle “o noso aliado o cólera”. A enfermidade desapareceu en Ourense, si, pero deixou un legado: sistemas modernos de abastecemento de augas e rede de sumidoiros, e un compromiso social coa saúde pública. Daquela crise sanitaria xurdiu unha provincia máis preparada, máis limpa e máis forte.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día