O 1 de setembro dá inicio ao outono meteorolóxico, deixando atrás o verán. Pero a calor non marcha de Galicia: unha masa de aire cálida procedente do sur peninsular comezará a entrar na comunidade a partir do mércores 2 de setembro, significativa durante o xoves. Isto trae consigo unha situación de estabilidade pola influencia do anticiclón, orientado cara ao norte, e temperaturas máximas que acadarán os 30ºC na meirande parte do territorio. Dende Meteogalicia, o técnico Carlos Otero apunta que “pasamos de valores normais a valores de calor”; por iso, o cuarto día da semana virá acompañado dunha alerta amarela por temperaturas máximas elevadas no Miño de Pontevedra e Ourense, Valdeorras e sur das provincias do leste.
Esta situación provocará valores de ata 37ºC en Ourense durante a xornada de xoves e venres, converténdose na máis calurosa das principais cidades de Galicia. Mentres, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Santiago de Compostela e Lugo rondarán os 30ºC nos vindeiros días, segundo a previsión de Meteogalicia, formulada a catro días vista. Pola súa banda, A Coruña conta coas temperaturas máis temperadas, con 28ºC de máxima o xoves, e de 24 e 23ºC o mércores e o venres.
“O aire cálido conquistará máis territorio cara ao norte a causa da consecución de varias xornadas de calor“, explica Carlos Otero dende a axencia meteorolóxica galega. Isto débese a actividade solar, que aínda provoca temperaturas elevadas. E, a pesar de que os valores mínimos son baixos, asegura que irán aumentando nos próximos días.
Con todo, o portal meteorolóxico ElTiempo.es sinala que este episodio de estabilidade terá o seu posible fin durante o domingo, cando, segundo as predicións, un sistema frontal chegaría a Galicia con aire máis fresco e tempo máis inestable. Así, as precipitacións poderían ser máis frecuentes en Galicia para logo estenderse ao longo da xornada cara a outras comunidades, sobre todo no noroeste peninsular.














