O salmón (Salmo salar) é o peixe migratorio por excelencia, pero non é o único que habita as augas galegas. A crítica situación das súas poboacións en Galicia é ben coñecida, e garda similitude co estado límite doutras especies: a zamborca (Alosa alosa), a lamprea (Petromyzon marinus), a solla (Platichthys flesus) e a anguía (Anguilla anguilla). Un estudo recente pon o foco nestes catro peixes migratorios, que sosteñen 10 pesquerías artesanais repartidas pola xeografía galega. Porén, os resultados preliminares da investigación alertan do estado crítico das poboacións: “Ningunha das pesquerías avaliadas é sostible. Seis están nunha situación crítica de colapso”. O primeiro autor do estudo e investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) da Coruña, David José Nachón, é contundente na súa análise: “Cómpre reaccionar xa a nivel científico”.
A investigación, presentada en xuño no Congreso da Sociedade Ibérica de Ictioloxía (SIBIC), amosa datos preocupantes. As pesquerías de anguía en Carril, Arcade e A Guarda, así como a de zamborca neste último concello do Baixo Miño, están “colapsadas”. As dúas que hai de lamprea, en Carril e na Guarda, están catalogadas como “críticas”. E malia que as de solla —na Guarda e en Rianxo— e as de anguía en Ferrol e Vigo non mostran unha tendencia tan preocupante, o estudo conclúe que ningunha das pesquerías está nunha situación sostible. “Os datos hai que interpretalos con cautela porque son preliminares, pero xa nos están dando uns sinais de alerta que non podemos ignorar”, sentenza Nachón.
O estudo baséase na información do portal Pesca de Galicia, que depende da Xunta. Recolléronse datos de capturas anuais declaradas nas lonxas dende 1997 ata a actualidade. Despois procesáronse a través dunha metodoloxía especialmente deseñada para traballar con especies data poor, é dicir, das que non hai moitos datos dispoñibles, como é o caso dos catro peixes analizados. “Aínda que non son suficientes para facer unha avaliación desas unidades funcionais de pesca, os datos son robustos e permiten detectar sinais de alerta. Os indicios son bastante malos”, sostén Nachón, quen defende que a falta de información non pode ser unha escusa para non tomar medidas.
Valor ecosistémico
A solla, a lamprea, a anguía e a zamborca son especies ameazadas por múltiples factores. Teñen un ciclo vital moi complexo que atravesa tres hábitats distintos —río, estuario e mar—, e todas as presións ás que están sometidos estes espazos repercuten tamén, de forma negativa, no estado das poboacións. Máis alá de ser especies comerciais, teñen un importante valor ecosistémico que hai que protexer. “Cando o salmón e a lamprea volven ao río a reproducirse e despois morren, o seu cadáver descomponse no substrato. Na súa viaxe no mar incorporaron nutrientes ricos e ácidos graxos que agora achegan vida e recursos tróficos ao río”, explica o investigador do IEO.
Mais o servizo ecosistémico que defende Nachón non só se refire á especie en si, senón ao valor das pesquerías artesanais: “Non só achegan alimento, senón tamén economía e un compoñente cultural e etnográfico”. Porén, a crítica situación na que se atopan algunhas especies non só pon en perigo a supervivencia das poboacións, senón tamén as pesquerías que subsisten delas. “Queremos que ambas coexistan e sexan sostibles, pero a presenza de especies migratorias é condición sine qua non para que haxa pescadores“, asevera Nachón, quen pon énfase na evidencia que amosan os datos e na necesidade de tomar medidas para garantir o equilibrio, sempre e cando os xestores e autoridades competentes ofrezan alternativas de subsistencia aos pescadores.

Mirada ao futuro
Máis alá da situación actual de cada unha das pesquerías, para a toma de decisións sería imprescindible calcular as tendencias a longo prazo. Un dos gráficos deseñados por Nachón analiza precisamente esta vertente, e conclúe que a pesquería máis afectada de cara ao futuro será a da lamprea na Guarda. Pola contra, só unha mostra unha tendencia realmente positiva: a solla en Rianxo. O terceiro gráfico analiza o risco pesqueiro, e demostra que tres delas non só rexistran un descenso significativo das capturas, senón que a situación é crítica. En concreto, a de anguía en Ferrol, e as de lamprea e solla na Guarda.
Para ter unha radiografía completa da situación habería que analizar máis en detalle cada unha das especies, como é o caso da anguía, que ten unha serie de factores que converten o seu caso nun desafío complexo. Os datos sobre a situación das súas poboacións en Galicia deben matizarse, porque a anguía é un peixe moi lonxevo que pode acadar os 20 anos. “En Carril, Arcade, Vigo e Ferrol pescan exemplares adultos de distintas xeracións. O que reflicte ben a situación é a pesca das súas crías (angulas ou meixóns), na pesquería do Miño na Guarda. Como só entran individuos dunha xeración, vese como a poboación diminúe ano a ano. A pesca de adultos pode camuflar a situación real da especie”, determina o autor do estudo.
Causas do declive
Non é doado analizar os factores que provocan a crítica situación destas catro especies. “Hai moitas presións”, enfatiza. Nachón pon o foco nunha das máis coñecidas: a perda de conectividade lonxitudinal. É dicir, a construción de presas e grandes hidroeléctricas, así como outro tipo de obstáculos, que impiden ou limitan a migración das especies. “As anguías eran capaces de penetrar en todos os grandes ríos, pero xa perderon ata o 85% do seu hábitat dispoñible. Hoxe quedaron practicamente restrinxidas ao ámbito costeiro”, indica Nachón. Non obstante, os obstáculos tan só son un dos factores. O investigador apunta outros tan variados como a extracción de sedimento, a contaminación química ou orgánica difusa, a sobreexplotación e a falta de adecuación do esforzo pesqueiro á abundancia das poboacións, así como o quecemento global, que actúa de maneira transversal.
“É un problema multifactorial que actúa de maneira acumulativa. Ninguén ten a culpa. Xa se está reaccionando para mellorar a conectividade lonxitudinal e, de feito, en Europa xa se demoleron presas. Con esta medida nótase moito o efecto, pero é unha acción a medio e longo prazo”, sinala o investigador, quen dá conta da planificación e dos recursos económicos que requiren a destrución dos obstáculos nos ríos. Defende, por tanto, a toma de medidas a curto prazo que axuden a reducir a mortalidade, como poden ser os peches temporais. “Non hai que clausurar todas as pesquerías, pero si analizar cada caso concreto e adoptar as medidas de xestión oportunas. O obxectivo é que todo poida subsistir”, subliña.
Agora, o obxectivo de Nachón é converter estes datos preliminares en definitivos a través da publicación dun artigo científico nunha revista internacional da man dun equipo multidisciplinar entre os que se atopan, entre outros, ictiólogos, ecólogos, avaliadores de stocks pesqueiros, estatistas e matemáticos. O investigador pon especial énfase en non ignorar os sinais de alarma; en non amosar indiferencia ante os indicios que se poden converter en evidencia científica. Unha vez que se dispoña do coñecemento necesario, deberanse tomar medidas, mais sempre dende o equilibrio. “Todos debemos remar na mesma dirección: xestores, sector pesqueiro, investigadores de distintos ámbitos, ecólogos, avaliadores, sociólogos, politólogos… e incluso a sociedade en xeral para facer deste un proceso colaborativo”, conclúe.
Cando se ignoran os sinais
Un dos casos que máis lamenta Nachón é o da zamborca nos ríos franceses de Dordoña e Garona. Era a poboación e a pesquería máis grande de Europa desta especie. “Na década dos oitenta e dos noventa falábase de millóns de exemplares. Era o faro de Europa”, recorda o investigador. Facíase un seguimento moi exhaustivo da pesquería, con datos independentes, que comezaron a amosar sinais de descenso. Estes indicios ignoráronse ata que a situación se converteu en case insostible, tras rexistrarse un colapso superior ao 98% a partir de 2003: en 2008 estableceuse unha moratoria. “Foron os propios pescadores os que se decataron da situación e pediron que se tomasen medidas”, di Nachón. Na actualidade, a moratoria segue vixente porque a poboación de zamborca aínda non se recuperou.
Referencia: CMSY and trend analyses reveal depletion in data-poor migratory fish stocks of Galicia (NW Spain) (Presentado no Congreso da Sociedade Ibérica de Ictioloxía)














