Persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) documentou en Galicia por primeira vez a presenza de dúas especies de afinidade tropical: cinco exemplares de sardinela lombuda (Sardinella aurita) e o ermitán vermello grande (Dardanus calidus). Os achados achegan novas evidencias sobre os cambios que están a experimentar as comunidades mariñas do Atlántico ibérico. Estes estudos reforzan a hipótese dun progresivo proceso de tropicalización das costas do noroeste peninsular. No caso da sardinela lombuda, ademais, a súa expansión podería xerar competencia con especies ecoloxicamente similares como a sardiña.
O rexistro máis setentrional do ermitán
Unha investigación firmada polo IEO informa da presenza do ermitán vermello grande en Galicia, baseado na aparición dunha femia recollida en Corrubedo en xullo de 2026, aproximadamente a 460 km máis ao norte da zona da costa portuguesa, onde se sitúa habitualmente á especie. O Dardanus calidus está amplamente distribuído por todo o Mar Mediterráneo e o Atlántico oriental e, con carácter previo a este achado, non se documentara en Galicia. As análises morfolóxicas e xenéticas confirmaron a identificación do espécime e, aínda que un único rexistro non mostra por si mesmo unha expansión sostida cara ao norte da especie, contribúe a un crecente grupo de observacións que evidencian unha reorganización bioxeográfica en curso da rexión.
“A importancia desta observación radica non só na extensión da distribución coñecida de Dardanus calidus, senón tamén no contexto xeográfico no que se produce. Galicia converteuse cada vez máis nunha rexión onde se rexistran especies mariñas de afinidade cálida máis aló dos seus rangos historicamente documentados en múltiples grupos taxonómicos, incluídos peixes, moluscos e macroalgas”, sinala Bruno Almón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo e primeiro autor do estudo. Neste sentido, “a aparición de Dardanus calidus en Galicia proporciona un exemplo adicional consistente co patrón rexional máis amplo”, continúa Almón.
Requiriranse observacións repetidas e un seguimento específico para determinar se este ermitán persiste en augas galegas e se a súa aparición representa un evento transitorio ou un cambio sostido na súa distribución. “Esta única ocorrencia non demostra de forma independente a colonización ou expansión sostida cara ao norte”, sinalan os autores. Tras o seu estudo, o espécime de cangrexo foi incorporado á colección de crustáceos mariños do IEO, onde quedará dispoñible para futuras investigacións
Primeira vez que se detecta sardinela lombuda en Galicia
O segundo estudo documenta por primeira vez cinco exemplares de sardinela lombuda en augas de Galicia, capturados a principios de 2026 utilizando redes de cerco no norte da comunidade. A identificación taxonómica confirmouse mediante exames morfolóxicos e técnicas de secuenciación xenética baseadas en código de barras de ADN. Alén de constituír o primeiro rexistro da especie en Galicia, a presenza de sardinela lombuda supón unha ampliación do seu límite de distribución coñecido no Atlántico oriental.
Conleva implicacións ecolóxicas, xa que podería exercer un efecto sinérxico negativo sobre a poboación de sardiña autóctona ao competir polo espazo e o alimento; dado que esta sardinela ten un valor comercial inferior ao da sardiña, un aumento teórico na súa abundancia en relación coa da sardiña podería afectar as actividades pesqueiras locais. “Como especie peláxica menor, cuxa abundancia e distribución responden rapidamente á variabilidade ambiental, pode constituír un indicador útil dos cambios ecosistémicos que están a ter lugar no Atlántico nororiental”, sinala Rafael Bañón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeiro autor do estudo.
Evidencia científica
“A medida que a evidencia se acumula en múltiples grupos taxonómicos, o noroeste da Península Ibérica está a converterse nunha rexión sentinela para comprender como as especies mariñas responden as condicións cambiantes”, sinala Almón. Neste contexto, observacións individuais como as que se recollen nestes estudos proporcionan información valiosa sobre os mecanismos e as consecuencias do cambio bioxeográfico en curso. Ambos os exemplares foron obtidos a través da colaboración co sector pesqueiro, o que pon de manifesto o valor desta colaboración para detectar cambios no medio mariño.
Referencia: Northward Redistribution of Warm-Affinity Marine Fauna in the Iberian Atlantic: Insights from a Recent Northern Occurrence of the Hermit Crab Dardanus calidus (Publicado en Biology)
Northern range extensión of Sardinella aurita (Valenciennes, 1847) (Clupeiformes: Dorosomatidae) in North-East Atlantic: biogeographic implications (Publicado en Cybium)














