A cuántica entra nunha obra de arte: o pintor galego que conecta coa incerteza física no IGFAE

O santiagués Andrés Rodís expón 25 pezas inspiradas na superposición, a observación e a relación entre o visible e o invisible no Museo Gaiás

Andrés Rodís é pintor, santiagués e ten unha obra baseada no concepto do autoantónimo, unha palabra que ten dous significados opostos e precísase do contexto para entendelas. Tamén está relacionado coa súa vía favorita de creación, os dípticos, obras formadas por dous paneis que se conectan: “Uno distintas pinturas de diferentes tempos, pero diferéncianse; está relacionado coa técnica do colaxe”, explica o pintor. Todo o mundo artístico creado arredor da súa obra é unha porta para conectar a arte coa ciencia a través da física, o campo ao que se dedica o seu irmán. Con esta relación, o artista convértese no primeiro residente da edición ArtLab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), unha iniciativa da Xunta de Galicia e a USC que trata de tecer fíos entre a ciencia e a creación contemporánea galega. O resultado? A exposición Outro e si, baseada nas teorías da mecánica cuántica, que se pode visitar no Museo Gaiás ata o 10 de xaneiro de 2027.

“O meu irmán explicoume que o que trataba de facer —unha mesma forma que se une sen disolver as partes— é a forma na que a materia se conforma a nivel cuántico”, explica Andrés Rodís sobre os seus inicios na física. A comprobación desta teoría realizouse en 1801 co experimento da dobre fenda: amosa que as partículas cuánticas actúan como ondas de probabilidade ao non ser observadas, pero convértense en corpúsculos clásicos ao ser medidas. 

Publicidade

Partindo desta base, Rodís crea unha exposición de 25 pezas a partir de técnicas moi diferentes —pintura, colaxe, impresión dixital e vídeo— e reflicte a través da arte conceptos como a observación, a medición, o sinal e o ruído. Todo isto dentro dos coñecidos IGFAE Labs, un programa creado ao abeiro da acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, concibidos como espazos de encontro entre as artes (ArtLab), a educación (EduLab) ou a transferencia de tecnoloxía (TechLab). 

Man a man co IGFAE

A estancia artística de Andrés Rodís no IGFAE comezou a principios de 2026, cando traballou durante tres semanas no Centro Singular da USC. “Foron moi xenerosos, os investigadores achegábanse para saber como ía enfocar o proxecto”, conta. E, a pesar de que tiña unha intuición xeral do que ía levar a cabo, había determinados conceptos complexos do eido da física que non lograba comprender. “Fun ver os laboratorios, como traballaban, como trataban estas cuestións; así, fun creando un mapa de relacións entre imaxes”; así, describe a súa metodoloxía. 

Publicidade

Posteriormente, puxo en marcha a fase de produción nos espazos REGA da Cidade da Cultura: “Fun levando a física e a introdución do movemento á pintura”. Desta forma, explica que, cando un cadro se pinta, ocorren outras cousas ao seu redor, como os cambios dos materiais, que non se amosan; todo ten que ver co movemento físico e a implicación no acto de pintar.

  • Obra da exposición ‘Outro e si’. Foto: Andrés Rodís
  • Obra da exposición ‘Outro e si’. Foto: Andrés Rodís
  • Obra da exposición ‘Outro e si’. Foto: Andrés Rodís
  • Obra da exposición ‘Outro e si’. Foto: Andrés Rodís
  • Obra da exposición ‘Outro e si’. Foto: Andrés Rodís
  • Obra da exposición ‘Outro e si’. Foto: Andrés Rodís

Un dos grupos cos que traballou durante a súa estancia foi a spin-off Neutron Insights, nacida no IGFAE. No Laboratorio de Radiofísica da USC, que se especializa no desenvolvemento de sistemas de imaxe e análises baseados en neutróns, realizou tomografías e gammagrafías e converteunas en interesantes composicións dixitais: “Podemos atravesar a materia e ver as gretas e poros de determinados materiais; isto non se ve a simple vista”.

Heisenberg, Bohr e a superposición

Unha das principais inspiracións de Rodís para crear a exposición foron as teorías da mecánica cuántica, a maioría delas desenvolvidas nos anos 20 do século XIX, que revolucionaron a física de partículas e transformaron a percepción humana sobre a realidade, cunha fonda pegada na filosofía e, neste caso, nas artes. “A cuántica rompe a idea da física clásica, pois, antes de realizar unha medición, as partículas non están nun só estado definido, senón en superposición”, explica o artista, e relaciona a dependencia da realidade cuántica co set experimental. “A superposición é unha forma de ver a colaxe, de relacionar dous tempos distintos”, narra.

Desta forma entra en xogo o que se coñece como o Principio de incerteza de Heisenberg: “Cando medimos a posición da partícula, non podemos medir o momento, e viceversa”. Heisenberg pensaba que o Principio de incerteza ocorría por unha perturbación instrumental. Non obstante, o físico Niels Bohr foi máis lonxe: ademais de que o instrumento sexa basto, a incerteza é unha propiedade fundamental da natureza, pois as partículas non posúen unha posición e un momento definidos simultaneamente. “Bohr dálle moita importancia a describir os dispositivos para conseguir a obxectividade científica, e o experimento non pode quedar fóra desta cuestión”.

Así, Andrés Rodís entrou no IGFAE con este cúmulo de intuicións e comezou a indagar co persoal nesta cuestión para crear unha relación visual. E, así, achou a presenza da arte na física: no despacho de Bohr estaba colgado o cadro dun destacado cubista francés, Jean Metzinger. E que ten isto que ver coa ciencia? Niels Bohr estaba interesado no cubismo, que rompe coa idea de cadro como ventá e introduce a perspectiva móbil do artista dentro da obra; isto ten que ver con como Bohr formulaba o Principio de Complementariedade. 

Como reflectir a física na pintura?

Na pintura, os cadros atenden ao ruído como forma complementaria de entender a materia. “O cemento do meu taller non está fixo e, conforme pasa o tempo, caen nel pintura e po; é unha realidade simultánea á produción artística”, explica Rodís. Así, decidiu darlle forma a esa parte externa da súa obra atendendo tamén á relación entre fondo e forma. Aglutinando o material, creou pezas monocromas e abstractas moi concretas. Ademais, explica que as imaxes remiten á mímese —onde sucede unha relación vinculante, como na pintura, entre diante e detrás— e ao cubismo. 

A importancia do observador na obra

“Este proxecto é resultado dunha residencia, eu fun a aprender”, sinala Andrés Rodís. “A realidade confórmase interactuando co propio observador; non hai unha distinción moi clara entre o que sucede e o que miramos”, engade, e exemplifica esta situación coa realidade do fotón: cando chega ao noso ollo, absórbese ou destrúese, e o observador e o observado contémplanse mutuamente. 

Agora, a 2ª edición da convocatoria de ArtLab está aberta ata o 1 de febreiro como unha oportunidade de explorar novas formas de manifestar a arte e relacionala coa ciencia. As candidaturas poden abrirse a todo tipo de formatos, relacionados coas áreas científicas nas que traballa o persoal do IGFAE. Unha oportunidade máis para demostrar, en primeira persoa, que a ciencia non está desconectada da sociedade. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra a maior exposición a fume de segunda man en interiores entre mulleres novas

Un estudo revela que afecta o 41,3% das galegas de entre 15 e 34 anos, malia ser unha das comunidades con menor prevalencia de consumo

Estas son as catro guías que che permitirán descubrir a provincia da Coruña a través dos ollos dos locais

A iniciativa, impulsada pola Deputación e 20xvinte, comparte recomendacións de produtores, restauradores, axentes de viaxes e prescritores

Aliado natural contra a velutina en Galicia: cada parella de abelleiro europeo elimina ata 80 niños por tempada

Unha investigación con participación galega estima que a rapaz como servizo ecosistémico podería ter un valor de 6,4 millóns de euros anuais

Os chícharos galegos que buscan unha segunda oportunidade

O proxecto GUIPROGAL recupera variedades tradicionais con boas taxas de xerminación e potencial para a alimentación humana e animal