As aves rapaces son carnívoras e aliméntanse dunha gran variedade de presas que van dende pequenos mamíferos ata aves máis pequenas. Con todo, no mundo animal, onde as especies deben adaptarse para sobrevivir, aparecen excepcións. É o caso do abelleiro europeo (Pernis apivorus), unha ave estival migratoria en Europa —cunha gran densidade de poboación en Galicia— cuxa inusual dieta baséase en avespas e abellóns. No territorio galego, un dos seus obxectivos de caza é a avespa asiática (Vespa velutina), unha especie cun forte impacto negativo sobre a economía e a sociedade. Unha nova investigación da Universidade de Alcalá, con participación galega, revela a capacidade do abelleiro para realizar un servizo ecosistémico de eliminación da praga da velutina: “É un aliado cun valor económico cuantificable”, sinala Jorge A. Martín Ávila, primeiro autor do artigo, investigador e doutor en Ecoloxía, Biodiversidade e Cambio Global na Universidade de Alcalá.
Esta especie rapaz visita Galicia entre os meses de abril e setembro, durante a súa tempada de cría, que coincide co período de maior abundancia de avespas; despois, viaxa quilómetros ata regresar a África en inverno. O estudo estima que cada parella de Pernis apivorus pode eliminar entre 67 e 84 niños de velutina nestes cinco meses, o que podería equivaler a entre 2,6 e 6,4 millóns de euros anuais de xestión de avespeiros en Galicia. Esta aproximación compárase na investigación cos 1,7 millóns de euros destinados pola Xunta de Galicia en 2022 para a eliminación de niños. “O abelleiro europeo non é a solución definitiva, pero é un elemento máis dentro da xestión integrada de pragas”, explica o investigador.
Por que eliminar á velutina?
A avespa asiática chegou a Galicia como especie invasora en 2012, e comezou a ter un impacto importante sobre a economía e a saúde. Así, os investigadores sinalan os impactos económicos directos e indirectos da súa presenza no territorio.
Por unha banda, supón a perda de produción de produtos como a mel: as velutinas aliméntanse de abellas adultas, agardan ás portas das colmeas, cázanas e usan para dar de comer ás súas larvas; o medo provoca que moitas non queiran forraxear. Tamén implica unha perda de froitas, pois son consumidoras de alimentos altos en azucre —como a uva ou a mazá, o que afecta nas campañas de viño ou sidra—. Ademais, poden ser un obstáculo na extracción madeireira: cando se amontoan os troncos, reven salvia elaborada, tamén rica en azucre, o que implica cúmulos enormes de avespas que, cando os operarios moven, poden sufrir molestias e mesmo picaduras.
Como consecuencias indirectas están os gastos da xestión da retirada dos avespeiros e o custo de tratar a persoas con reaccións alérxicas severas ás picaduras. “Hai un valor económico asociado difícil de cuantificar: a perda da biodiversidade“, subliña Jorge A. Martín, xa que as velutinas se alimentan doutros polinizadores autóctonos que realizan funcións ecolóxicas no ecosistema.
Abelleiro europeo: un predador natural
A opción do abelleiro xorde como un factor biolóxico que xa existe nos territorios colonizados pola avespa asiática. E, a pesar de que a ave poida fomentar a súa eliminación, o investigador da Universidade de Alcalá explica que “non vai facer desaparecer á velutina, senón que a súa relación irá evolucionando ata coexistir”. Neste contexto, explica que o abelleiro é un caso moi raro. A lóxica habitual nas relacións predador-presa baséase nunha alimentación que custe menos esforzo en cazar e que aporte moito enerxeticamente; por este motivo, os predadores grandes consumen presas máis grandes ca un predador pequeno.
Con todo, a estratexia do abelleiro europeo é diferente e decántase polas especies eusociais, como as avespas e abellóns. O obxectivo principal desta ave rapaz é entregar un recurso trófico —as larvas das velutinas— aos seus pitos durante a tempada de cría. “Cada trozo de panal leva centos de larvas, e están preparadas para consumir dun bocado”, sinala, pois cada vez que regresa ao niño entrega ata 200 gramos de carne, equivalente a cazar un merlo (e sen tanto esforzo). Jorge A. Martín sinala que descoñecen se leva a cabo esta práctica en África.

Pero, como leva a cabo esta práctica sen picadas das Vespa? O abelleiro europeo con adaptacións para evitalas, como un pico curto e fino, dedos protexidos por escamas, párpados inferiores cartilaxinosos duros, e narinas moi estreitas para evitar a entrada dos insectos. Ademais, destacan as súas plumas da cara endurecidas. En canto á inmunidade ao veleno do insecto, a bibliografía non amosa ningunha evidencia, pero o grupo investigador, que puido ver en directo esta acción, subliñou que “traballa nos ocos do avespeiro con certa tranquilidade”.
Complemento á administración
O artigo realizado dende a Universidade de Alcalá permite pór un prezo de reposición ao servizo do abelleiro europeo sobre a retirada efectiva de colonias de velutina. Nun estudo previo, Jorge A. Martín sinala que a presenza de avespas obreiras diminúe arredor dos niños de abelleiro. “Neste traballo puidemos constatar a eliminación de 60-80 colonias por verán“, explica, un cálculo difícil de levar a cabo a causa dos cambios constantes nas poboacións de velutina. Con todo, subliña que, en Pontevedra, o traballo da ave supera as cifras da administración na retirada de avespeiros.
Trátase dun traballo análogo: mentres este falcón ataca principalmente niños no chan —case imposibles de observar a simple vista— e en zonas forestais, as actuacións oficiais céntranse en niños aéreos en áreas urbanas e periurbanas. “Os abelleiros atacan en fases temperáns do desenvolvemento do avespeiro”, engade.
A metodoloxía do estudo baseouse en dúas aproximacións: por unha banda, o custo por reposición, é dicir, canto custaría á administración facendo o mesmo que este servizo ecosistémico; por outra, a predisposición da poboación a pagar por implementar medidas de protección para o abelleiro. Os investigadores detrás do artigo calculan que a disposición a pagar alcanzaría os 33,7 millóns de euros. Ademais, entran outros factores en xogo, como a capacidade de recuperación da colonia de velutinas tras o ataque da rapaz.
“O prezo da retirada da Xunta de Galicia duplica o custo do traballo feito polo abelleiro“, apunta Jorge A. Martín, cunha cifra: o Goberno galego investiu 1,7 millóns de euros en 2022 para a eliminación de niños. Neste sentido, a natureza ponse ao servizo da cidadanía máis aló dunha perspectiva extractiva.
A protección do falcón abelleiro
Segundo a plataforma SEO/BirdLife, o Pernis apivorus é unha especie case ameazada, é dicir, cumpre uns criterios para ser clasificada nunha categoría de maior grao, pero posiblemente ocorra nun futuro. Neste sentido, para poder levar a cabo un servizo ecosistémico, débense levar a cabo certas medidas para protexer as súa poboación en Galicia. O investigador Jorge A. Martín establece dous tipos de accións: locais e internacionais.
As medidas locais céntranse naqueles puntos clave onde os abelleiros europeos teñen presenza e nidifican, e onde se pode gozar do servizo ecosistémico. “A estrutura da paisaxe e os traballos forestais determinan a presenza da ave e a súa nidificación”, explica, polo que se debe prestar especial atención a aquelas parcelas abandoadas, á taxa de maduración e á xestión forestal por horas, para evitar molestias e perda de estrutura do bosque. Por outra banda, as medidas internacionais dependen das políticas de cada país na súa condición de ave migratoria, xa que cando chegan a países de África central, as medidas, tal e como explica o investigador Jorge A. Martín, talvez non sexan tan duras como en Europa.
Referencia: Integrating ecology and economics: European honey buzzards as ecosystem service providers against yellow-legged hornets (Publicado en Ecosystem Services)














