En menos de dúas semanas, tres persoas resultaron vítimas da Vespa velutina en Galicia mentres realizaban labores no campo. Unha delas era alérxica ás picaduras e outra xa sufrira un ataque previo por parte desta especie. A presenza de especies exóticas invasoras (EEI) como esta, consideradas a segunda causa de perda de biodiversidade no mundo, pon de manifesto a necesidade de establecer protocolos de actuación eficaces. Neste contexto, nace a guía de alcance nacional elaborada pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental (ANECPLA), destinada a controlar a expansión da avespa velutina en España.
Os principais obxectivos desta guía son protexer a saúde das persoas, minimizar o impacto nas explotacións apícolas, reducir os efectos sobre a biodiversidade, identificar as zonas de expansión e facer un seguimento doutras especies do xénero Vespa, como o avespón oriental (Vespa orientalis). Debido á súa semellanza biolóxica, o protocolo tamén pode aplicarse á Vespa bicolor.
Dada a complexidade da xestión desta especie, o documento propón un enfoque interdisciplinario que permita abordar a problemática de maneira coordinada. A dirección do plan recae na Subdirección Xeral de Biosiversidade Terrestre e Mariña do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MiTECO), xunto co Grupo de Traballo de Especies Exóticas Invasoras (GTEEI). Ademais, participan un subgrupo de traballo con representantes das comunidades autónomas, un Comité Asesor e a propia cidadanía.
Como actuar fronte un avespeiro?
A guía establece un diagrama de fluxo que detalla os pasos a seguir na xestión da Vespa velutina.
Cando unha persoa detecta, presuntamente, un avespeiro de avespa asiática, debe comunicar o avistamento ao concello. Unha vez recibida a incidencia, o servizo responsable de xestión desta especie encárgase de verificar a presenza do avespeiro e confirmar a especie.
Se a identificación é positiva, actuarase sobre o avespeiro ou adaptaranse as medidas necesarias para minimizar os riscos: a retirada controlada, a aplicación de tratamentos específicos ou a instalación de sinalizacións de aviso, entre outras actuacións previas.

Unha vez finalizado o proceso, recoméndase ao servizo responsable rexistrar a localización do avespeiro co fin de elaborar e actualizar un mapa de distribución da especie a través da aplicación oficial creada para este propósito.
Os principais métodos de eliminación
No control da Vespa velutina distínguense tres obxectivos principais de intervención. O primeiro corresponde ao niño embrionario, que implica unha actuación sinxela e de baixa complexidade. Recoméndase intervir durante a noite, cando a raíña se atopa no interior do niño, co obxectivo de interromper o ciclo vital e evitar que evolucione a un avespeiro primario.
No caso do avespeiro primario, tamén se debe actuar en horario nocturno e sempre por parte de persoal cualificado en control de pragas. Ademais, é recomendable colocar trampas de captura nas proximidades para facilitar a detección de posibles avespeiros secundarios.
Finalmente, o avespeiro secundario representa o nivel de intervención máis complexo. En función do diagnóstico dos expertos, poden aplicarse diferentes métodos de eliminación, entre eles: a retirada mecánica do avespeiro, accedendo a el durante a noite; tratamentos con pértega extensible, e a neutralización mediante vectores conxelados abertos. Existen tamén outros métodos menos habituais, como a combustión, cremación ou pirotecnia.














