Que está a pasar coa velutina este ano? Galicia rexistra tres novas vítimas

As condicións meteorolóxicas e o aumento da actividade dos niños poderían explicar a repunta de ataques no outono

A actividade da Vespa velutina volve estar de actualidade en Galicia. En menos de dúas semanas, tres persoas faleceron tras sufrir ataques deste insecto mentres realizaban labores no campo: dúas durante tarefas de desbroce e outra nunha xornada de caza. Segundo a información dispoñible, unha das vítimas era alérxica ás picaduras e outra xa fora atacada previamente por velutinas.

María José Servia, profesora da área de Zooloxía da Universidade da Coruña e investigadora, explica que as picaduras reincidentes poden provocar reaccións máis severas no organismo. Aínda así, sinala que as cifras actuais son semellantes ás de 2020, cando tamén se rexistraron tres falecementos relacionados con avespas asiáticas. “O que resulta máis rechamante é que estas tres mortes se produzan nun período tan curto de tempo“, advirte a experta.

Publicidade

Entre os posibles factores que explican este incremento temporal, Servia destaca as condicións meteorolóxicas favorables, que poderían estar contribuíndo a unha maior actividade dos niños nesta época do ano. Desta maneira, “o encontro accidental cun niño pode supoñer un risco máis elevado de sufrir picaduras“, engade.

Hai máis avespas asiáticas este ano?

Determinar se a presenza da avespa velutina aumentou neste 2025 non é doado. Así o explica María José Servia: “A percepción sobre a súa presenza depende do sector que se consulte e da comarca“. Por exemplo, algúns apicultores aseguran notar unha maior actividade este ano, mentres que a Administración autonómica, encargada de rexistrar as solicitudes cidadás de retirada de niños, aínda non publicou o balance anual que permitiría comparar os datos con exercicios anteriores.

Publicidade

Con todo, Servia lembra que o número de peticións de retirada de niños está condicionado por diversos factores: “As novas sobre falecementos provocados pola velutina adoitan ir asociadas a un aumento do interese da cidadanía“, sinala, o que tamén inflúencia na percepción social do perigo.

Segundo os datos actuais, as zonas costeiras seguen a ser as máis afectadas tanto polo impacto nas actividades económicas como polo volume de avisos e solicitudes de retirada. Porén, a investigadora advirte dun incremento progresivo das queixas no interior de Galicia, onde a especie está a gañar presenza.

Ademais, Servia lembra que existe un factor da vulnerabilidade: as persoas alérxicas son as máis expostas ás consecuencias graves das picaduras. Certas actividades, como o desbroce ou o traballo no monte, poden aumentar o risco de accidente ao favorecer o encontro accidental cos niños.

Que facer se che pica unha velutina?

No caso dunha picadura de Vespa velutina, é importante saber como actuar. O máis habitual é que se produza unha reacción local, polo que se recomenda aplicar frío na zona afectada e tomar un antihistamínico para aliviar o malestar.

O perigo preséntase nas persoas alérxicas, xa que poden sufrir unha reacción xeneralizada con síntomas como erupcións cutáneas, dificultade para respirar ou unha caída da tensión arterial. Nestes casos, a atención médica urxente é fundamental.

Por este motivo, os especialistas recomendan que as persoas con antecedentes de alerxia leven sempre consigo un kit anafiláctico, que inclúa adrenalina autoinxectable, corticoide, antihistamínico e broncodilatador.

Ademais da reacción inmediata, tamén é importante previr os ataques. Segundo María José Servia, a clave está en coñecer as épocas do ano de maior risco e adaptar as medidas segundo a actividade que se realice. Así mesmo, é recomendable empregar equipamento de protección adecuado, como traxes específicos e maquinaria con cabinas pechadas, para reducir o perigo de sufrir picaduras durante traballos no campo ou no monte.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores