A montaña de Lugo e Ourense amence nevada a raíz da fronte que entrou polo oeste durante a xornada do martes 24 de novembro. Unha das causas é a forte baixada das temperaturas, xa que en moitas zonas do norte peninsular, como o interior de Galicia, as máximas quedan por debaixo dos 10ºC. En consecuencia, MeteoGalicia acende a alerta amarela por neve na zona de montaña lucense durante o mércores 25 por acumulacións de máis de 5 centímetros por riba dos 1.200 metros.
Así, dúas cámaras dispoñibles dende a páxina web de axencia meteorolóxica galega, Ancares (Cervantes, Lugo) e Lardeira (Carballeda de Valdeorras, Ourense), permiten contemplar en tempo real como caen as primeiras folerpas de neve da tempada en Galicia.
Como evoluciona a cota de neve?
O meteorólogo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) Benito Fuentes escribe unha entrada no blog da institución sobre como evoluciona a cota de neve ao longo do tempo e que se pode esperar no futuro. Informa de que cada vez neva con menor frecuencia en moitas cidades do país onde antes as nevadas eran abundantes; agora son fenómenos que poden tardar anos en repetirse. “Segue a facer frío, pero non é o frío de antano“, redacta, así como lembra as copiosas nevadas e intensas xeadas que caracterizaron numerosas infancias.
Segundo o Informe do estado do clima en España 2025, o aumento da temperatura foi de 1,75°C durante o período 1961-2025, unha velocidade de quecemento superior á rexistrada a escala planetaria: “Un quecemento desta magnitude ten, necesariamente, que repercutir na altitude á que se producen as nevadas”, indica.
Durante o día 25 de novembro, en Galicia a cota irá subindo ata os 1.200-1.300 metros, e o ascenso é, segundo o experto, tan só unha das moitas evidencias que amosan como o quecemento global está a transformar o planeta, como a maneira na que mudan as condicións atmosféricas que determinan cando e onde neva. “Cada vez será máis necesario ascender máis metros para atopar unhas condicións que, décadas atrás, eran habituais a menor altitude”, conclúe Benito Fuentes no artigo da Aemet.













