Os socalcos da Ribeira Sacra, un escudo fronte ás chuvias extremas derivadas do cambio climático

O catedrático Augusto Pérez Alberti analiza como as estruturas de pedra reducen a erosión, favorecen a infiltración da agua e contribúen a conservar a paisaxe

Entre Lugo e Ourense, a Ribeira Sacra álzase como unha paisaxe única en Galicia, e os socalcos son un dos elementos que lle aportan esta singularidade. Son cada un dos valados de pedra que serven para conter as terras de cultivo en terreos con moita pendente. Esta podería ser a descrición dos vales do río Douro en Portugal, da Serra de Tramuntana de Mallorca ou mesmo das plantacións de arroz en China. Con todo, ata o 64% de inclinación dos vales do Miño e do Sil son unha característica única, xunto co labrado do socalco en materiais tan duros como o granito. Así o sinala o catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago (USC) e investigador Augusto Pérez Alberti, quen elabora un estudo arredor da Ribeira Sacra e a súa xeografía.

Os socalcos convertéronse nunha das formas máis intensas de antropización da paisaxe galega, cumprindo funcións hidrolóxicas, xeomorfolóxicas, con capacidade de reducir as escorreduras, favorecer a infiltración da auga e mesmo estabilizar vertentes mediante a creación de solos antrópicos. “Creánse microhábitats moi interesantes para a vexetación e microclimas importantes influenciados pola orientación das ladeiras dos vales”, explica Pérez Alberti. Neste sentido, o río Miño oriéntase de norte a sur e o Sil de leste a oeste; isto determina as zonas potenciais de umbría no segundo, que poden afectar aos viñedos, unha das actividades económicas máis representativas da zona.

Publicidade

Así, a Ribeira Sacra constitúese na actualidade como un sistema ecodinámico no que interactúan relevo, clima, hidrografía, solos e actividade humana —dende os bens patrimoniais como o seu sistema de mosteiros ata a viticultura—. A través da información xeográfica, os datos LiDAR e a comparación de fotografías aéreas históricas, o catedrático afonda neste territorio actualmente ameazado polo abandono agrario, a recolonización forestal, a expansión de especies invasoras e os efectos do cambio climático, entre outros.

A cultura dos viñedos: como inflúe o terreo?

A viticultura é unha das actividades económicas e culturais máis representativas da Ribeira Sacra, pero Agustín P. Alberti amosa como inflúe o terreo no crecemento da vide. Cabe destacar que os viños cultivados neste enclave están recoñecidos dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, creada en 1996, “un viño de alta calidade que custa moito producir nos socalcos”, indica o investigador. A dificultade reside nos grandes contrastes climáticos entre solainas e umbrías, así como entre os fondos dos vales e as zonas máis elevadas.

As ladeiras dos vales localizadas ao sur son quentes e secas, o que favorece a presenza de viñedos; pola contra, as do norte (umbrías) están cheas de bosque, sobre todo carballos, que no pasado eran socalcos. “Esta distribución condiciona a presenza de vexetación e dos usos agrarios”, sinala o investigador. Ademais, a Ribeira Sacra ten unha combinación de influencias atlánticas, mediterráneas e continentais: mentres nos fondos dos vales as precipitacións poden rexistrar menos de 600 milímetros, nas zonas elevadas poden acadar máis de 1.600 mm. “Isto explica que os viñedos se sitúen tradicionalmente nas ladeiras máis solleiras“, apunta.

Máis secas e menos precipitación

O cambio climático pode provocar numerosos impactos sobre a Ribeira Sacra. Por unha banda, o climatolóxico: máis secas que implican menos auga dispoñible para os cultivos, e chuvias torrenciais que aumentan a erosión e o risco de derruba dos socalcos. En consecuencia, aumenta o risco de incendios forestais pola calor e a acumulación de vexetación. Tamén produce cambios na biodiversidade: as especies mediterráneas poden expandirse cara a zonas máis elevadas e, no caso dos viñedos, a uva madura antes, ten máis azucre e o viño pode conseguir unha maior graduación alcohólica e perder acidez.

“A mellor resposta a un aumento da torrencialidade son os socalcos”, sinala o catedrático da USC, pois amortiguan estes fenómenos meteorolóxicos. A falta deles supón o impacto directo das escorreduras neste tipo de paisaxes. Con todo, o experto en Xeografía Física di que “hai que irse acostumando” á existencia de dúas estacións, a perda de fenómenos como o orballo e a proliferación de precipitacións máis episódicas e destrutivas, próximas ao clima mediterráneo.

Mapa de tipos de vexetación. Fonte: Inventario Forestal Nacional. Imaxe: Augusto P. Alberti
Mapa de tipos de vexetación. Fonte: Inventario Forestal Nacional. Imaxe: Augusto P. Alberti

Acacia dealbata como inimiga

A mimosa (Acacia dealbata) é unha especie introducida e invasora en Galicia, segundo apunta a ferramenta galega A Chave. Trátase dunha árbore perenne orixinaria do sueste de Australia e Tasmania cuxa chegada á comunidade está datada en 1945, cando aparecen as primeiras referencias documentadas. Na Ribeira Sacra aparece nos terreos agrícolas abandonados, pois é unha especie que se empregaba para atar as cepas de uva antes de mudar cara a postes de pedra ou aramados. No momento desta transformación deixouse de curtar, polo que esta especie australiana, adaptada á seca, comezou a medrar rápido e converterse nunha “peste invasora”, tal e como a nomea Augusto P. Alberti.

É unha especie arbórea cunha alta capacidade de reprodución e rebrote, e secreta substancias alelopáticas que impiden a xerminación doutras plantas. Así, as súas sementes son resistentes, forman bancos no solo e xerminan facilmente tras incendios ou perturbacións. Ademais, son especies pirófitas, é dicir, que estimulan o inicio dos lumes. Convértese así nun dos principais problemas actuais da Ribeira Sacra.

Perda dos socalcos cultivados

A investigación sinala que a superficie de socalcos cultivados pasou de 3.342 hectáreas na década de 1950 a unhas 1.549 na actualidade. “Os socalcos solleiros mantivéronse; nos do Sil quedan os que están orientados cara ao sur, no norte hai bosque”, conta Augusto Pérez Alberti, un dato que extrae das imaxes do voo PNOA 2017 publicadas polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN). Entre os anos 40 e 50 moitos galegos marcharon a Francia, Alemaña ou Suíza e deixaron atrás os seus cultivos menos produtivos e, con eles, as súas vilas. En consecuencia, pasouse á deterioración do territorio, a derruba dos muros de pedra, unha maior erosión do solo, a expansión descontrolada da vexetación, a proliferación de especies invasoras e y un risco de incendios.

“A evolución climática é a que vai reverter a situación”, indica P. Alberti. A medida que aumenten as temperaturas, cultivar nas ladeiras solleiras será máis difícil e as máis húmidas servirán como refuxio climático para seguir cultivando a vide. Como reciben menos sol teñen menos insolación e evaporación, polo que “se o clima é máis seco, sempre será unha zona máis húmida que o resto”, aclara o investigador. “Os socalcos solleiros abandonados xa se están a recuperar no Miño e no Sil”, informa.

Unha xestión activa da paisaxe

Na investigación, o catedrático defende a necesidade dunha xestión activa da paisaxe da Ribeira Sacra baseada na recuperación de socalcos e no mantemento do mosaico agroforestal: “A rehabilitación das zonas de socalco é unha labor secular dos paisanos dende a súa construción”. Entre as solucións propostas están controlar as especies invasoras —especialmente a mimosa—, realizar unha xestión forestal preventiva para reducir incendios, mellorar a conservación da auga e do solo, e adaptar os viñedos ás novas condicións climáticas.

“Unha paisaxe que pode perdurar é unha paisaxe viva; unha que non ten actividade convértese noutro tipo de paisaxe”, subliña Augusto Pérez Alberti. É o caso das ladeiras situadas ao norte nas que, en vez de vide, aparecen bosques de piñeiro. Así, a creación dun mosaico agrario é “o máis fermoso”, cunha gama de cores diferente en cada estación. Con todo, estas peticións precisan unha grande axuda por parte da administración. Así, a base de potenciar e conservar a Ribeira Sacra con propostas activas ou iniciativas como a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, esta paisaxe grandiosa e única de Galicia poderá manterse no tempo.


Referencia: Estrutura e función das paisaxes da Ribeira Sacra (Galicia) e a súa potencial resposta ante o cambio climático (Publicado en Nemus)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia de amputacións

A investigadora da UVigo Elena Mosquera sinala o envellecemento da poboación e a diabetes como posibles causas do aumento de casos

O cambio climático adiantará ata dous meses a tempada de risco de incendios na península

Unha investigación baseada en IA prevé que as condicións meteorolóxicas favorables á propagación do lume sexan cada vez máis frecuentes

O mundo micolóxico do Val do Ulla: máis de 660 especies e achados de interese científico

Un proxecto impulsado por AMABUL en colaboración coa Deputación da Coruña identifica máis dunha decena de posibles primeiras citas para Galicia e unha para España

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación