A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso do físico Javier Díaz Bruguera (Mataró – Barcelona, 1962) como académico correspondente da sección de Ciencias Técnicas da institución. É un dos investigadores máis recoñecidos a nivel mundial no campo do deseño de procesadores e aritmética de computadores. Desde 2015 traballa na multinacional británica Arm, unha das compañías máis importantes no panorama tecnolóxico actual e peza clave na revolución da Internet das Cousas e a IA, onde deseña “cerebros” electrónicos (procesadores) que dan vida á tecnoloxía moderna. O seu traballo céntrase en facer que os teléfonos móbiles, computadores e servidores de internet sexan extremadamente rápidos, intelixentes e consuman moi pouca enerxía. Nesta liña, formou parte do equipo que deseñou practicamente todos os procesadores de gama alta do mercado actual de teléfonos móbiles.
Doutor en Física pola Universidade de Santiago, foi profesor nas universidades de Oviedo, A Coruña e a USC. Na UDC foi director do departamento de Electrónica e Sistemas. Na USC dirixu o Instituto de Informática e o departamento de Electrónica e Computación, foi un dos impulsores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e con 35 anos converteuse en catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da universidade compostelá, o primero desa área en Galicia.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron a directora de GAIN, Carmen Cotelo;a delegada da reitora para a Estratexia Dixital da Universidade de Santiago, María José Carreira; a directora adxunta do CiTIUS -Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC-, Paula López; a decana da facultade de Química da UVigo, Ángeles Peña; o director do CITIC -Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña-, Manuel González; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Reducir o consumo enerxético
O presidente puxo de relevo o traballo do novo académico de cara a reducir o consumo enerxético no eido das novas tecnoloxías, co fin de reducir o seu elevado impacto ambiental. “Unha mellora nunha operación elemental pode parecer pequena; aplicada de maneira repetida en sistemas de grande escala, adquire unha importancia considerable. A reflexión técnica convértese así nunha reflexión sobre o uso responsable dos recursos”, salientou.
Lema manifestou que Díaz Bruguera é un reflexo do valor da formación e da investigación realizadas no noso país. “Das nosas universidades xorden persoas capaces de contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías de alcance mundial. Manter a relación con esas persoas permite compartir experiencias, abrir oportunidades de colaboración e enriquecer o noso propio sistema científico e tecnolóxico”, declarou. E concluíu dirixíndose ao homenaxeado: “A túa nova condición de académico correspondente servirá para poñer o teu coñecemento e túa experiencia ao servizo de Galicia. A Academia recibe co máximo interese as túas ideas e a túa capacidade para conectar a reflexión científica coa realidade da innovación”.
O papel da IA
No seu discurso, titulado “El procesador como motor de la revolución de la IA”, o experto subliñou que “aínda que moitos dos fundamentos matemáticos das redes neuronais e da aprendizaxe automática foron establecidos hai décadas, a súa aplicación práctica estivo limitada durante moito tempo pola insuficiente capacidade de cálculo dos computadores. A revolución actual da IA non pode entenderse, por tanto, unicamente como un avance do software, senón como o resultado da evolución conxunta dos algoritmos, as arquitecturas de computadores e a tecnoloxía de fabricación de circuítos integrados”.
Bruguera salientou que un dos principais desafíos desta evolución tecnolóxica é o consumo enerxético. “Os grandes centros de datos requiren enormes cantidades de electricidade, tanto para o procesamento como para as comunicacións, a memoria e a refrixeración. Por iso, a eficiencia enerxética converteuse nun obxectivo central do deseño de procesadores. Paralelamente, o desenvolvemento de arquitecturas de baixo consumo está permitindo trasladar progresivamente a execución de modelos de IA dende a nube ata os dispositivos móviles, mellorando a privacidade, reducindo a latencia e facendo accesible esta tecnoloxía a un número crecente de persoas”, explicou.
“A relación entre intelixencia artificial e hardware adquiriu, ademais, un carácter bidireccional. Se inicialmente foron as necesidades computacionais da IA as que impulsaron novas arquitecturas, hoxe a propia intelixencia artificial contribúe ao deseño e optimización dos procesadores”, destacou. O novo académico concluíu a súa intervención manifestando que “o extraordinario progreso da computación debe ir acompañado dun firme compromiso ético e social. A inteligencia artificial debe desenvolverse con criterios de sostibilidade, transparencia, equidade e protección da privacidade, orientándose a mellorar a calidade de vida e ampliar as capacidades humanas”.
Palabras de Senén Barro
O encargado de realizar a laudatio foi o académico Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago e director do CiTIUS. Puxo de relevo que o homenaxeado “despois de trinta anos da universidade, leva case doce nunha empresa cuxos deseños acaban en miles de millóns de dispositivos dixitais. Coñece, polo tanto, o mundo académico e o industrial. Esta visión privilexiada de quen non só sabe facer investigación de alto valor e transferila á industria, senón que é el mesmo un exemplo vivo desa transferencia, resultaranos moi útil na Academia”.
Barro remarcou que “Bruguera é un especialista de recoñecemento internacional en aritmética de computadores: a disciplina que estuda como fai unha máquina para sumar, multiplicar, dividir ou extraer unha raíz cadrada, e como conseguir que o faga máis rápido, consumindo menos enerxía e con absoluta fiabilidade”. E destacou que “todo o que fai un procesador acaba por traducirse nunha cantidade descomunal de operacións aritméticas elementais, tan inmensa que calquera mellora na súa implementación nun chip, por ínfima que sexa, acaba tendo un impacto enorme”. Concluíu a súa intervención afirmando que “Javier é a proba de algo que o noso estudantando necesita escoitar: que desde unha facultade de Santiago se pode chegar ao corazón de tecnoloxías que están a mover o mundo”.













