A Xunta de Galicia activa o visor Refúxia-T co obxectivo de contribuír á identificación de illas de calor e posibles zonas refuxio en toda a comunidade e, deste xeito, axudar aos concellos a deseñar e desenvolver iniciativas con que facer fronte ao cambio climático. Así mesmo, tamén publica a Guía metodolóxica da Rede galega de refuxios climáticos, que ofrece un marco técnico común para identificar e avaliar estes espazos, en cumprimento da Lei do clima autonómica.
Tal e como coñeceu o Consello da Xunta nun informe elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Refúxia-T está concibido como unha ferramenta cartográfica interactiva que permite visualizar e consultar, en cada concello, as illas de calor e os espazos con potencial para actuar como refuxios climáticos exteriores, nos cales, polo tanto, a poboación pode atopar protección e alivio térmico durante episodios de temperaturas extremas, cada vez máis frecuentes no actual escenario climático.
Este visor baséase na metodoloxía científica executada no marco do proxecto CLIMA 25, ao abeiro do Plan PIMA refuxios climáticos, que combina teledetección, intelixencia artificial, medicións ambientais sobre o terreo e criterios ecolóxicos e de biodiversidade.
Unha ferramenta de apoio á loita contra temperaturas extremas
O visor facilita o coñecemento da distribución territorial das illas de calor, entendidas como aquelas zonas urbanas en que a temperatura da superficie é claramente máis elevada que a da súa contorna, e dos potenciais refuxios climáticos exteriores, que son aqueles espazos cunha presenza significativa de vexetación, situados nunha contorna urbana cuxa superficie está máis fresca que a que a rodea. Estes refuxios climáticos exteriores (parques, xardíns ou outras zonas verdes) contribúen a reducir a exposición solar e ofrecen ambientes máis agradables no verán.
O visor constitúe, polo tanto, unha ferramenta de apoio á planificación e á priorización de actuacións de adaptación ao cambio climático. En concreto, Refúxia-T identifica mediante imaxes satélite zonas con vexetación rodeadas de tecido urbano, cuxa temperatura estea polo menos 0,7ºC máis fresca que a media urbana das proximidades.
As bases dunha rede de refuxios climáticos
A posta á disposición dos concellos deste visor a partir de hoxe a través do Portal de acción climática da Xunta de Galicia marca o inicio dunha fase preparatoria de identificación destes espazos por parte das administracións municipais co obxectivo de que sirva de base para o deseño da futura Rede galega de refuxios climáticos.
Esta rede foi concibida ante a necesidade de avanzar cara a un marco común que permita coordinar, ordenar e dar visibilidade aos refuxios climáticos existentes, identificar ámbitos prioritarios de actuación e favorecer a creación de novos espazos de protección fronte ás temperaturas extremas.
Nese senso, a iniciativa suporá un novo instrumento na política de adaptación ao cambio climático desenvolvida pola Xunta, que aproveita o coñecemento e as ferramentas técnicas para pasar de actuacións puntuais xa realizadas nalgúns concellos a un sistema coordinado de identificación, caracterización, incorporación e seguimento dos refuxios climáticos no conxunto do territorio galego.
O obxectivo: ser o visor cartográfico de referencia
De feito, o obxectivo é que Refúxia-T evolucione progresivamente para converterse no visor cartográfico de referencia desa futura rede autonómica de refuxios climáticos, permitindo consultar a localización e características destes espazos, así como os seus horarios, condicións de acceso e servizos dispoñibles.
Así mesmo, para favorecer a implantación e ampliación progresiva da Rede, a Xunta poderá establecer futuras liñas de apoios destinados á creación de novos refuxios climáticos e á adecuación e mellora dos espazos existentes, dándolle continuidade a actuacións de adaptación ao quecemento global xa impulsadas.
Unha guía metodolóxica
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático elaborou unha guía metodolóxica que ofrece un marco técnico común para identificar e avaliar estes espazos, orientar a súa validación polos concellos e preparar a súa incorporación á futura Rede.
En concreto, esta guía, que distingue entre refuxios climáticos exteriores e interiores, establece os requisitos mínimos previstos que deben reunir estes espazos para a súa incorporación, así como os criterios de calidade que permitan valorar as prestacións adicionais que ofrezan e orientar a súa mellora.













