Unha fronte polar derruba os termómetros e trae a Galicia as primeiras neves da tempada

Aemet aemite alertas amarelas pola intensidade do vento nas zonas costeiras e das nevadas nas montañas do interior

Na recta final de novembro, a previsión meteorolóxica dará un xiro que afastará Galicia do tempo suave que marca a xornada do luns. Ao longo do día, a comunidade experimentará un pronunciado descenso térmico. As estimacións tamén apuntan que a semana estará pasada por auga: unha fronte que MeteoGalicia califica de ‘bastante activa’ deixará dende primeira hora precipitacións que se manterán, aínda que de xeito intermitente, durante os vindeiros días.

Dende Aemet alertan da intensidade do vento en zonas costeiras: a axencia española de meteoroloxía emitiu un aviso amarelo na Coruña e Lugo para a tarde do martes. Os refachos do noroeste poderán chegar a entre 50 e 61 quilómetros por hora, cunha mar combinada de catro a cinco metros. A partir da medianoite do mércores, Pontevedra unirase á alerta. Estes avisos estarán activos ata o mediodía do mércores.

Publicidade

A segunda parte da xornada do martes tamén se presenta tinguida de branco nas montañas interiores de Galicia: a Aemet presenta un aviso amarelo por nevadas nas montañas lucenses (a partir das 18:00 horas) e ourensás (dende as 21:00 horas). O servizo meteorolóxico advirte que se estima unha acumulación de neve en 24 horas de cinco centímetros a partir da cota de 1.100 metros, con acumulados que serán máis altos en maiores altitudes. A alerta estará activa ata o mediodía do mércores.

Martes e mércores, dunha fronte activa á inestabilidade

Tras deixar atrás a situación intermedia entre altas e baixas presións do luns, o martes arrancará cunha fronte activa que chegará á comunidade de madrugada. A nova configuración atmosférica deixará ceos nubrados con choivas que poderán ter un compoñente eléctrico na franxa atlántica. Meteogalicia informa que, co paso do día, as precipitacións volveranse cada vez máis intermitentes. O portal sitúa a cota de neve arredor dos 1.200 – 1.300 metros pola tarde. A nivel térmico, as mínimas non presentarán grandes cambios e manteranse entre os 7 e os 12 graos. As máximas, en cambio, experimentarán unha lixeira baixada que deixará as cidades galegas entre os 10 e os 14 graos durante o momento de maior calor do día, só coa Coruña, onde se prevé chegar aos 15, como excepción.

O mércores estará marcado pola inestabilidade atmosférica: as precipitacións regarán toda Galicia e mesmo se presentarán en forma de auganeve nas montañas do interior. O termómetro, pola súa banda, non percibirá variacións importantes fronte á xornada anterior.

O xoves remite a choiva

A configuración atmosférica deixará a comunidade nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Dende Meteogalicia explican que se agardan “intervalos de nubes e claros, con chuvascos febles, illados e ocasionais” e temperaturas máis suaves que as da xornada anterior, con mínimas que non baixarán dos 9 graos e máximas que acadarán os 17 en Vigo e Pontevedra.

O venres ofrece unha predición menos detallada pola distancia temporal, mais Meteogalicia apunta que será unha xornada marcada pola choiva. Dende o seu portal web indican que a fin de semana tamén haberá altas probabilidades de precipitacións, un escenario que se prolongará ata o peche do mes de novembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha autopista de humidade acende en Galicia alertas laranxas e amarelas por chuvia e vento

A sucesión de borrascas atlánticas deixará máis de 50 l/m2 en menos de 12 horas no oeste da comunidade e refachos de ata 100 km/h

Un carrusel de frontes atlánticas asociado á borrasca Bruna acende a alerta en Galicia por fortes chuvias

Un río atmosférico procedente das rexións subtropicais do Atlántico achegará moita humidade á comunidade dende o Caribe

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

A borrasca Austen activa a alerta laranxa en Galicia por ondas que poderán superar os sete metros

Trátase da segunda das tres frontes atlánticas que pasarán por Galicia esta semana, coa terceira prevista para o domingo