A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) advirte que a costa de Galicia estará en alerta laranxa por fenómenos costeiros provocados pola proximidade da borrasca Austen. Esta é a segunda das tres frontes atlánticas que acompañarán esta semana con choivas, ceos nubosos e ventos fortes. Como informan dende eltiempo.es, “a borrasca Austen intensificouse rapidamente nas últimas horas. Tanto é así que sufriu unha cicloxénese explosiva, é dicir, baixou a presión do seu núcleo máis de 24 hectopascais en 24 horas”.
Dende Meteogalicia sinalan que tralo paso da borrasca, que se producirá ao longo da xornada do venres, Galicia quedará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, o que presentará ceos que estarán despexados e cubertos de xeito intermitente. Cara ao norte e o noroeste da comunidade haberá a posibilidade de que se produzan choivas illadas e ocasionais. A nivel térmico, as temperaturas permanecerán sen grandes cambios, coas mínimas máis baixas previstas para Lugo (sete graos) e as máis altas no sur galego, onde se estima chegar aos 18 graos.
Da Austen á Boelo
O sábado remitirán os efectos da borrasca Austen, mais aínda será necesario manter a precaución na costa norte: o litoral do noroeste da Coruña e o da Mariña permanecerán en alerta amarela por ondas de ata cinco metros, segundo a Aemet.
Galicia quedará nunha situación intermedia na que predominará a influencia anticiclónica. Deste xeito, a xornada será máis clara pola mañá e nubosa —aínda que sen chegar a producirse precipitacións— a medida que avance a tarde. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso: agás en Ferrol e A Coruña, as demais cidades galegas quedarán por debaixo dos 10 graos. Os niveis máis baixos do termómetro agárdanse no interior, onde Ourense chegará aos seis graos e Lugo, a catro. Nas máximas, en cambio, producirase un pequeno ascenso, polo que a maior parte de Galicia estará entre os 16 e os 18 graos no momento de máis calor do día. A excepción será Santiago de Compostela, que non superará os 14. Meteogalicia sinala que “os ventos soprarán do suroeste, con intervalos de moderado no litoral norte a partir do mediodía, con intervalos fortes en Bares“.
Despois do paso da borrasca Austen, chegará Boelo, unha fronte atlántica que entrará o domingo polo norte peninsular. Os ceos estarán maioritariamente cubertos e haberá orballo que será máis persistente na metade oeste do territorio galego. As mínimas experimentarán un ascenso, con Lugo (9 graos) e Ourense (10 graos) como as cidades que rexistrarán os valores máis baixos. En canto ás temperaturas máximas, o sur galego acadará 19 graos, mentres que A Coruña chegará aos 20. O resto da comunidade non superará os 18.
Aínda que a Aemet non emitiu avisos para o domingo no momento de redactar estes parágrafos, Meteogalicia advirte que o vento soprará cunha intensidade moderada na costa.














