Tres frontes atlánticas consecutivas deixarán precipitacións e ceos nubosos en Galicia

A semana presentará unha situación moi diferente entre o sur e o norte da península, onde a influencia anticiclónica deixará paso a un tren de sistemas fríos

Tres frontes atlánticas sucederanse ao longo da semana e provocarán un contexto meteorolóxico marcado polas precipitacións e a nubosidade no territorio galego e comunidades do norte peninsular. Así e todo, MeteoGalicia sinala que a xornada do luns estará definida por unha influencia anticiclónica que deixará ceos despexados na metade sur de Galicia e ocasionalmente cubertos no norte, “onde non se descarta algún chuvasco en puntos próximos ao litoral”, engade o portal meteorolóxico. A nivel térmico, Lugo e Ourense rexistrarán as mínimas máis baixas, de seis graos, mentres que tamén na capital ourensá, ademais das cidades de Vigo e Pontevedra, prevén acadar 22 graos de máxima.

A primeira fronte, na primeira metade da semana

Estímase que a chegada da primeira fronte se producirá na primeira metade da semana. Deixará ceos nubosos e precipitacións, sobre todo nas provincias da Coruña e Pontevedra. O portal de información meteorolóxica MeteoGalicia informa que o martes a comunidade galega “quedará baixo a influencia das baixas presións situadas ao oeste de Irlanda”, e engade que o peche da xornada virá acompañado por unha fronte fría. O día comezará con chuvias débiles que se intensificarán co paso das horas. No litoral agárdanse ventos moderados, con refachos fortes na zona de Bares.

Publicidade

O mércores Galicia quedará entre un sistema de altas e baixas presións, polo que se sucederán ceos despexados e cubertos, con choivas probables no norte e o oeste galegos. Se ben as mínimas permanecerán estables, será o primeiro día da semana no que as sete cidades galegas queden con máximas por debaixo dos 20 graos.

A segunda fronte, o xoves

Entre o xoves e o venres chegará o segundo sistema frontal, que virá acompañado de choivas no noroeste. A influencia dunha nova borrasca traerá o sistema cara ao final do día, polo que nas últimas horas da xornada haberá un aumento da nubosidade e precipitacións que se xeneralizarán a medida que avance a noite, en especial na fachada atlántica, como sinala MeteoGalicia. Dende eltiempo.es amplían a posibilidade a máis alá do litoral e inclúen as zonas de montaña entre aquelas con máis probabilidade de experimentar unha noite pasada por auga.

Publicidade

As temperaturas percibirán un lixeiro ascenso, mais permanecerán por debaixo dos 20 graos en toda a comunidade. O vento aumentará a súa intensidade a medida que caia o Sol, con refachos fortes previstos tanto en terra (sobre todo nas zonas elevadas da Mariña) como no litoral norte.

A terceira fronte, durante a fin de semana

Canta máis distancia temporal existe entre unha predición meteorolóxica e a data analizada, máis posible é que se produzan imprecisións na lectura. Por este motivo, aínda non é posible determinar con exactitude a intensidade e a traxectoria desta terceira fronte. Así e todo, prevese que se aproxime ao norte peninsular durante a fin de semana. Estímase que os ceos estarán maioritariamente nubosos e haberá precipitacións no extremo setentrional.

As previsións deixan un contexto moito menos inestable no peche do mes, mais non descartan que se manteña a influencia da fronte atlántica. “De cara á última fin de semana de outubro, o escenario máis probable apunta unha situación relativamente estable en numerosas comunidades, aínda que con certa actividade frontal no norte“, informan dende eltiempo.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

Que aves hai preto de ti? Esta é a ‘app’ que converte Galicia nun mapa para os amantes da ornitoloxía

A ferramenta eBird permite consultar as especies observadas e os puntos de maior interese, crear listas personalizadas e contribuír con novos rexistros

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica