O catedrático da USC Antonio Salas acaba de ser recoñecido co Premio da Crítica de Galicia na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía. O profesor Salas obtivo o galardón por un traballo no que se identificaron ferramentas moleculares que permitan diferenciar a pneumonía causada pola bacteria Mycoplasma pneumoniae doutras pneumonías en pacientes pediátricos.
O xurado considerou que esta investigación, publicada na revista Nature Communications, abre “novas posibilidades para mellorar a prestación diagnóstica, evitar tratamentos inadecuados, optimizar o uso dos antibióticos e avanzar cara a unha medicina máis personalizada”.
Xurado
O xurado estivo composto por Belén Riveiro Rodríguez, catedrática do CINTECX da UVigo, gañadora da edición anterior; Olga Aguín Casal, xefa de sección de Bioloxía Molecular da Deputación de Pontevedra; Gumersindo Feijoo Costa, catedrático de Enxeñería Química da USC e membro da RAGC; Juan Pablo Hervés Beloso, catedrático de Química Física e parte do CINBIO da UVigo; Susana Ladra González, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos e parte da CITIC da UDC; Ana Isabel Rodríguez Pérez, titular de Anatomía e Embrioloxía Humana e parte do CIMUS da USC e María Teresa Vilariño Barreiro, titular de Química Física da UDC, secretaría.













