Un ensaio clínico do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) avalía a seguridade e eficacia preliminar dun innovador tratamento oral para tratar unha complicación grave da enfermidade de Crohn, caracterizada pola cicatrización excesiva e estreitamento do intestino. Os primeiros resultados foron presentados na UEG Week polo Dr. Manuel Barreiro de Acosta, do grupo Investigación Translacional en Enfermidades do Aparello Dixestivo, onde a investigación recibiu o Best Abstract Presentation Prize. Concretamente, este estudo de fármaco en fase IIa busca unha terapia fronte a fibrose-estenose do Crohn.
“Está realizado exclusivamente no IDIS e no Hospital Clínico de Santiago (CHUS), no que se comprobaba a todos os pacientes pre e post tratamento, cunha colonoscopia con biopsia e unha ecografía intestinal que realizabamos na unidade de enfermidade inflamatoria”, explica o investigador, que é tamén xefe de Sección de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Servizo de Aparello Dixestivo do CHUS e profesor asociado da USC. Neste contexto, a incorporación da ecografía resulta especialmente novidosa nos pacientes. Así, o grupo avaliou a eficacia dun Agonista PPARgamma oral de liberación intestinal, e nos 10 pacientes comprobaron diminución de dor e melloría da fibrose-estenose no 50% dos mesmos.
Máis de 360.000 persoas sofren enfermidade inflamatoria intestinal (EII) en España —o 1% da poboación—, unha porcentaxe que se eleva en Galicia, que figura entre as comunidades con maior afectación. En áreas como Santiago e Barbanza, a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do CHUS que dirixe o Dr. Barreiro atende máis de 3.000 pacientes, o que mostra a necesidade de dispor de opcións que permitan personalizar o tratamento e evitar a progresión da enfermidade.













